lunes, 10 de mayo de 2010

O CIT da Pontenova apoiou aos pescadores do Eo na protesta contra o proxecto da central eléctrica

A festa anual que a sociedade Rodeo celebrou onte en Ribeira de Piquín tivo un carácter especial. A posible construción dunha central eléctrica nun tramo do Eo que pasa por ese municipio ocupou gran parte dos comentarios desde primeiras horas da mañá ata as últimas da tarde. Alberto Carballa, presidente de Rodeo, explicou pola tarde, tras o concurso e a posterior comida de amizade, que as consecuencias da execución dun proxecto como o da central non só terían consecuencias no río senón que se notarían en certames como o de onte. Por iso, agregou, os comentarios sobre esa obra, sometida agora a información pública no relativo ao seu estudo de impacto ambiental, abundaron na xornada de onte máis que os referidos aos aspectos da competición deportiva.

A protesta fíxose máis visible a última hora da tarde cunha concentración que se realizou en Chao de Pousadoiro, capital do concello. A pesar da choiva que caía pasadas as sete da tarde, na localidade celebrouse unha concentración de protesta. Sendas pancartas de Rodeo e do CIT da Pontenova, de veciños de Ribeira de Piquín e do BNG exteriorizaban ese rexeitamento.
Máis de mil firmas
Os pescadores emprenderon a comezos deste mes unha campaña de recollida de firmas en varios municipios ribeiregos do Eo e noutros próximos. A medida sumou xa máis de 1.000 apoios, aínda que se espera que a cifra se incremente porque se manterá ata mediados deste mes.
Mentres tanto, o presidente de Rodeo, Alberto Carballal, afirmou onte que se espera lograr o respaldo de organismos públicos nesta campaña de oposición á central. Doutra banda, no concurso celebrado onte -no que participaron 31 pescadores, procedentes da zona pero tamén de lugares como Ferrol, Lugo e Ribadeo- resultou vencedor Francisco Javier Rois, seguido de Carlos Antón Castelo e de Francisco Domínguez. A maior peza das 21 capturadas no concurso arroxou un peso de 155 gramos.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.