Mónica Rancaño lamenta que o alcalde se escude na Lei de
Protección de Datos que nese caso estarían incumprindo a maioría dos concellos
do país
Os nacionalistas denuncian que se lles oculta información
esencial para o seu traballo político
A Pontenova, 2 de setembro de 2011. O BNG da Pontenova por medio da portavoz municipal, Mónica Rancaño
Freire, denunciou a “actitude antidemocrática
do alcalde que nega o acceso ao rexistro xeral do concello ocultando deste
xeito información esencial para o noso traballo político” . Segundo a
nacionalista “é unha vergoña que A
Pontenova sexa noticia por cousas como esta, que xa deberían estar superadas”, mais, “non nos quedou outra opción que facelo
público despois de reclamar esta información reiteradamente tanto por escrito
como de forma oral”.
A Pontenova é o único concello da Mariña onde o goberno
local nega o acceso regular ao rexistro xeral municipal.
O BNG da Pontenova
por medio da súa concelleira e portavoz municipal, Mónica Rancaño Freire, denunciou
que levan intentando que se lles permita o acceso regular ao rexistro xeral
municipal dende o pasado 15 de xuño, “presentando
peticións por escrito e orais que sempre teñen a mesma resposta negativa”, segundo
Mónica Rancaño, “o alcalde escúdase
detrás do secretario municipal que emite informes negativos amparándose na Lei
de Protección de Datos” e se isto é así, “ou o alcalde se equivoca ou o fan a
maioría dos concellos da comarca e do
país que si permiten a consulta desta documentación, incluso a obtención
de copias”.
Mais de dous meses sen acceso a unha información esencial
para o noso traballo político
A portavoz
municipal nacionalista concretou que a primeira solicitude por escrito fíxose o
15 de xuño e reiterouse nomes de xullo obtendo a mesma resposta negativa,
ademais trasladouse de xeito oral co mesmo resultado. Rancaño acusou ao alcalde
pontenovés de “tratar de ocultar información que é esencial para o noso
traballo político xa que este rexistro contén información de asuntos en
tramitación ou peticións dos propios veciños que temos dereito a coñecer”.
Segundo Rancaño, “a nosa obriga como
integrantes da corporación municipal é fiscalizar e controlar ao goberno e o
alcalde estanos impedindo o dereito democrático de facelo así como ao conxunto
dos veciños e veciñas que nos votaron”.
Os nacionalistas non descartan acudir a instancias
superiores de persistir o alcalde na súa actitude.
A nacionalista
advertiu que si o alcalde persiste na súa actitude antidemocrática non
descartan acudir a instancias superiores para corrixir esta situación, Rancaño
afirmou que “o alcalde sabe perfectamente
o que nos están negando e faino consciente de que isto dificulta o noso
traballo”, para a nacionalista “a
actitude do alcalde retórnanos a tempos pasados xa superados por fortuna e non
imos permitir que nos recorten os nosos dereitos democráticos.”