sábado, 16 de agosto de 2014

Baixeo 2015

Este Venres 15 de Agosto volveuse celebrar con éxito o tradicional Baixeo da Pontenova, que leva perto de 25 anos de andaina, e o XV Faragulleo, onde participantes e achegados degustan os faragullos. 


150 persoas baixaron polo río Eo, dende Piegaponte ao pozo da Ola, nun percorrido dunhas tres horas de duración, baixo o lema “Baixa como podas”. Volveu predominar a embarcación caseira feita con neumáticos de camión ou tractor.

A proba é lúdica e moitos dos participantes aproveitaron o percurso para facer paradas en lugares coma Salmeán ou Valiñalva. Afortunadamente e a pesar das prediccións, o tempo acompañou con sol en boa parte do percorrido.

O evento finalizou no pozo da Ola, onde un organizado e sempre disposto equipo de cociñeiros preparou os faragullos, potente alimento preparado a base de fariña de trigo e ovos. Os faragullos poden ir aderezados con azúcar, mel, leite, ou chourizo e torrezos, a gusto da valentía do consumidor. Repartíronse sobre 450 racións, nun entorno de romería onde se xuntaron participantes e achegados.


A SD Albións, organizadora da actividade, agradece a inestimable colaboración do Concello da Pontenova e do seu persoal, así como do equipo de voluntarios que fan posible que este evento sexa cita obrigada cada ano na Pontenova. 



Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.