O Superti-A Pontenova viuse obrigado a suspender o
torneo previsto para este fin de semana, co que pretendía conmemorar o
seu décimo aniversario e recadar fondos para a oenegué Cirurxiáns do
Mundo, como consecuencia do elevado custo da arbitraxe, segundo explicou
o seu presidente, Manolo Piñeiro.
«Hai dúas semanas recibimos unha chamada do Colexio
Galego de Árbitros na que se nos advertía de que para organizar un
campionato con clubs de Primeira A e Primeira B debiamos de ter unha
autorización federativa, que leva implícito un importante gasto
arbitral. O orzamento que nos presentaron desde o colexio de árbitros
foi de 5.000 euros, unha cantidade que nos parece abusiva dado o
carácter benéfico do campionato e á que non podemos facer fronte»,
explicou Piñeiro. «Tamén nos advertiron de que se non dispuñamos da
autorización darían parte ao comité e os clubs serían sancionados»,
engadiu.