18/11/2011 - Isabel García Fernández / El Progreso (A Pontenova)
Os traballos de limpeza, realizados onte nun monte privado do
céntrico barrio pontenovés de Xan Foucín, propiciaron o achado dunha
caveira e de varios ósos humanos, ademais de varios obxectos persoais,
entre eles roupa masculina e unha carteira con só dez céntimos no seu
interior. Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil e efectivos de
Protección Civil revisaron o lugar en busca de máis restos, ata que a
forense ordenou o levantamento do cadáver, cara ás dúas e media do
mediodía, para trasladalo a Lugo, onde se lle practicará a autopsia.
A leira, onde se atoparon os restos, pertence a un construtor
local, Antonio Rodríguez, que lle encargou a unha empresa a limpeza do
monte, ao obxecto de preparlo para unha nova plantación, tras efectuar
unha talla recentemente. Foi cara ás oito da mañá cando o padeeiro que
se atopaba na leira observou, nunha pendente do 90% dodne non se tallou,
unha corda, roupa e unha caveira, polo que alertou á Garda Civil, que á
súa vez solicitou a axuda dos efectivos locais de Protección Civil para
buscar todos os restos posibles que houbese en devandita contorna, ao
que tamén acudiron o alcalde, Darío Campos, e o edil de obras, Francisco
Martínez.