lunes, 13 de octubre de 2008

O alcalde de A Pontenova pídelle aos veciños que teñan un pouco de paciencia para ver os froitos da súa xestión


Ano e medio despois de entrar no mundo da política, o alcalde de A Pontenova, que polas tardes segue exercendo como veterinario, fai balance. Di que boa parte do tempo ocupárona en tratar de amañar asuntos pendentes do anterior mandato. Por iso pide un pouco de paciencia aos veciños, para que se comece a ver o froito do traballo propio do novo equipo de goberno.

VER ENTREVISTA



-Ano e medio de xestión, suficiente para facer un primeiro balance.

-O balance é positivo. Perdemos moito tempo e traballo en solucionar problemas que estaban aí. Se ao rematar o ano temos amañado o asunto do polígono industrial, para que se podan construír as novas naves, e o día 15 entregamos os títulos da reparcelación da Chousa de Vilaodriz, que leva pendente dende o ano 1986 e que afecta a preto dun cento de veciños, teremos moito avanzado. Este asunto da chousa de Vilaodriz é moi complexo, porque incluso no medio fixéronse compras de terras e non se sabe ben a quen corresponden as cargas. Pero si estivera xa rematado quizais xa houbera algunha vivenda nova construída. Solventados os temas do polígono e desta reparcelación poderemos traballar mellor noutras cousas.

-¿Por exemplo?

-Unha das cousas que temos prometida e que se vai facer xa é o encauzamento do río, que se fará nos anos 2009 e 2010. Tamén estou pelexando para que se inclúan nos presupostos do ano 2009 a mellora da estrada a Riotorto.

-¿Como é a situación económica do Concello?

-Mellorámola. Cando ingresemos unhas partidas pendentes penso que a débeda baixará nun 30% respecto á que herdamos do goberno do PP.

-O que se notou nos últimos tempos é unha maior actividade social e cultural, por exemplo co encontro de ferreiros, a feira de artesanía...

-Penso que nese campo a mellora foi do 100%. E tamén nos servizos sociais. Pero hai cousas pendentes moi importantes, como a explotación turística das antigas minas, no que temos un problema para contactar coa propiedade. Tamén queremos levar unhas traídas de augas a varios pobos. Penso que a partir de agora vanse ver os froitos da nosa xestión. Ata agora non tivemos moito tempo. Tamén tivemos uns problemas co persoal do Concello, cunha expropiación dos accesos ao centro escolar... en definitiva, cousas que non estaban ben feitas e que hai que ir amañando.

-¿Pensa que a xente de A Pontenova esperaba algo máis?

-Quizais si, pero pídolle aos veciños que teñan paciencia, porque insisto en que adicamos moito tempo a resolver problemas herdados. O traballo vaise ver máis agora e nos anos que quedan. Hai que ter en conta que cando chegamos ao goberno había, por exemplo, provedores que se negaban a servir ao Concello se non cobraban antes. Dende fora hai moitas cousas que non se ven. O fácil é vender unha obra, nunha inauguración, pero hai moito traballo sucio por detrás que facer.

-¿Xa se acostumou ao mundo da política?

-Aínda me costa. Polo meu traballo eu estaba afeito a resolver as cousas no momento. Na política calquera cousa leva moito tempo, polos trámites que se requiren. Por exemplo, agora mesmo temos pendente de facer a área recreativa de Fondón, pero estamos a expensas dos permisos de Urbanismo, da Confederación Hidrográfica...

-¿Cando se abrirá o piso tutelado?

-Está a punto. Estamos co proceso para seleccionar ás tres persoas que o atenderán. O prazo para que os interesados en ocupalas o soliciten xa está aberto. Son vinte prazas e esperamos que estea aberto no mes de novembro. No goberno municipal pensamos que non é o sitio máis axeitado, pero imos abrir as vivendas tuteladas igual, para non perder a subvención do Agader.

-Pero agora é tempo de festas.

-Certo. Invito a todo o mundo a vir a A Pontenova e gustaríame agradecer o gran traballo feito pola comisión.
VOLVER



Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.