miércoles, 21 de julio de 2010

Cando as troitas eran coma baleas


Relato atopado en farodevigo.es que fala das costumes dos pescadores. Copio e pego:
Os troiteiros teñen sona de seren xente un pouco esaxerada. Ao remate das xornadas de pesca hai quen aproveita para tomar un viño e contar as historias máis extraordinarias. Escoitar algunhas conversas é, a miúdo, un auténtico pracer, aínda maior se o narrador domina os tempos. Quen non ouviu falar de troitas coma baleas? Algunhas delas tan descomunais que se ven negras para daren a volta no río. Logo vén o baile de cifras, a discusión sobre os mellores cebos, e a idea de que as troitas, auténticas aristócratas de auga doce, son os animais máis espelidos.




Na noite do sábado para o domingo volveu o insomnio a moitos fogares de pescadores. Logo de sete meses agardando, abríase a tempada. Días antes, o que máis e o que menos, xa preparara as súas armas para o combate. Todo listo para estar ao pé do río tan pronto despunta o amencer. Neste deporte, coma na vida, o hábito non fai ao monxe. A pesca é interclasista, nun mesmo prado mestúrase o pescador de boutique, coa súa indumentaria de marca, o "bluetooth" na orella e as súas gafas polarizadas, co paisano que emprega cana de bambú, miñoca de esterco e botas de goma polivalentes. O número de capturas, loxicamente, non é proporcional aos cartos investidos na maquinaria.
Présa
David Bibián, vixiante da Sociedade de Pesca de Silleda e experimentado pescador con mosca recoñece que este deporte está inzado de anécdotas: "A min mesmo tenme pasado de todo. Incluso pasei unha noite sen durmir coa ansiedade e os preparativos do día seguinte. O mellor foi que ao chegar ao río deime conta de que estaba sen a cana". Bibián, coma todos os aficionados, recoñece divertido que esta arte se presta para a esaxeración e as bromas. Pero se algo teñen en comun a meirande parte de troiteiros é o amor polos ríos. A un aficionado de verdade dóelle atopar algúns tramos convertidos en auténticos vertedoiros. A pesar dos esforzos das sociedades, segue sendo frecuente ver electrodomésticos, plásticos e demais desperdicios que contrastan, a modo de navallada, con paisaxes idílicos.

Os pescadores volveron a queixarse onte das fortes restriccións á hora das capturas que impón a Administración. Hai un sentimento xeralizado de que pagan xustos por pecadores. Levar algunha troita máis das permitidas, ou cun tamaño lixeiramente inferior ao estipulado, pode acarrexar unha forte multa. Pola contra, consideran que as autoridades non sempre son tan severas á hora de apercibir a empresas ou particulares que verquen ao río. Na comarca do Deza hai sobrados exemplos de tramos castigados por malas depuracións, caso do Asneiro en Botos, ou pola construccións de autopistas, caso do Toxa.

Pola contra, o furtivismo decaeu extraordinariamente en Galicia nos últimos quince anos. A maior vixianza e, sobre todo, a prohibición de vender e mercar troitas de río levou a que se reduciran as prácticas espúreas que esquilmaban os cauces. Aínda así, habelos hainos. O mercado negro, destinado a encherolas de amigos ou a agasallos de compromiso, dispara o prezo das troitas. Así, o quilogramo deste prezado "delicatessen" pode chegar aos 50 euros.

Fuente: Faro De Vigo

VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.