- I.M.B. Localidade: viveiro/a voz.
- O Superti-A Pontenova non poderá festexar o seu décimo aniversario como lle gustou. O torneo que tiña organizado con clubs de 1.ªA, 1.ªB e Liga Autonómica, á vez benéfico [pretendía recadar fondos para a oenegué Cirurxiáns do Mundo], non se disputará pola intromisión do colectivo arbitral, segundo denuncian desde o club mariñán.
-«Fai unhas dúas semanas recibimos unha chamada do
Colexio Galego de Árbitros na que se nos advertía de que para organizar
un torneo desas características debiamos de ter unha autorización
federativa, que leva implícito un importante gasto arbitral. E o
orzamento que nos presentaron desde o colexio arbitral foi duns 5.000
euros. Tamén nos advertiron de que se non dispuñamos da autorización
darían parte ao comité de competición e os clubs serían sancionados»,
explicaba onte nestas páxinas o presidente pontenovés, José Manuel
Piñeiro (A Pontenova, 1970).
-Imaxínolle desilusionado pola suspensión do torneo
do fin de semana e indignado polo motivo que a provocou.
-Si, así é, pero sobre todo indignado. E non por
ter que suspendelo cando xa tiñamos todo organizado, senón porque creo
que o Colexio Galego de Árbitros actuou contra o noso torneo non para
que se cumprise a normativa, senón cun claro afán recadatorio. Tamén hei
de dicir que o secretario da Federación Galega de Fútbol, Diego
Batalla, portouse como un cabaleiro, tratando de atopar unha solución.
-¿Tiñan árbitros dispostos a colaborar prestando os
seus servizos de xeito gratuíto?
-Si, si, si.
-¿Cantos?
-Tres, e podo dar nomes e apelidos.
-Os clubs entenderían a decisión de dar marcha
atrás ao campionato.
-Perfectamente. Todos os equipos aceptaron de bo
grado a nosa postura e ata a apoiaron, algo que é de agradecer. O único
produtivo de todo isto foron as charlas e as ideas que compartín con
outros directivos.
- ¿Se o torneo fose despois do 30 de xuño podería
disputarse sen a autorización federativa?
-Non, porque o día 1 de xullo xa volvemos ter
vínculo coa federación.
-¿Teñen prevista algunha medida de protesta?
-Non o sei... Isto organizábao o club e unha
asociación deportiva e cultural da Pontenova, e de momento non o
valoramos. O único que valoramos foi que polo ben de todos era mellor
suspendelo.
-¿E outro xeito de festexar o décimo aniversario?
-Quedamos bastante desilusionados con este tema.
Cando organizas unha cousa coa mellor intención do mundo e bótancha
abaixo por isto, non che quedan moitos ánimos para pensar en
alternativas.
-Axudou na fundación do Superti e presídeo desde
entón ¿úrxelle unha substitución?
-A día de hoxe aínda me atopo con forzas para
seguir.
-Este ano o equipo fixo o seu debut en Primeira
Nacional A. ¿Foi a tempada na que máis se divertiu o presidente?
-Non, foi unha campaña moi difícil. Concedéronnos o
ascenso no mes de agosto, cando apenas quedaban xogadores no mercado, e
tivemos que completar o persoal case a contrarreloxo. Nos dous últimos
meses é cando máis gocei porque estabamos nunha categoría de prestixio e
xa tiñamos os deberes feitos.
-O persoal merécese unha boa nota. ¿Cal?
-Daríalle un 9,5. O 10 non se lle pode dar porque
despois á hora de renovar... (risas).