martes, 27 de octubre de 2009

A Pontenova, sen ponte en 1939.


Hai 70 anos unha riada levou o paso de ferro e carballo que, levantado en 1898, prestaba servizo sobre o Eo, ó pé das minas.
Nestes momentos en que a Pontenova volve estar en obras para mellorar as comunicacións sobre o río Eo, compre recordar os momentos de meirande actividade mineira a primeiros do século XX, cando saían seis trens cargados de mineral de ferro para embarcar en Ribadeo e na chousa de Xanfoucín non medraba nada debido ó fume dos fornos de calcinación. Era outro deses momentos de acelerado crecemento da actividade e o patrimonio industrial, só comparable na Mariña os vividos antes na fundición de Sargadelos e despois co arranque de Alúmina en San Cibrao.
Xavier R. Lombardero



Para a mina e para o desenvolvemento urbano resultou definitiva a nova ponte sobre o Eo, obra que hoxe é de formigón xa que a anterior de ferro, pisada de táboas de carballo, e en servizo desde 1898, levouna unha grande riada o 17 de xaneiro de 1939. Foi en plena Guerra Civil, cando o río seguramente quixo arramplar co terror e os asasinatos que ocorrían daquela nos arredores pero só conseguiu varar os ferros un pouco máis abaixo, nas hortas de Capellán. A enchente do Eo anegara varias casas cando, na corrente do Pozo da Ola, apareceu acelerando nos rápidos un gran castiñeiro, ariete que axiña deu conta da estrutura de ferro. A traxedia puido ser peor e aínda houbo que lamentar o caso dunha nena mancada nos restos de ferro.

A miúdo a enchente inundaba as casas construídas enriba do río e no mesmo comercio de López Cotarelo, nas casas agora derrubadas, o nivel da auga alcanzaba o mostrador. Non era a primeira vez que o Eo arramplaba con todo, deixando incomunicadas as dúas ribeiras de Vilameá e Vilaoudriz e obrigando ós veciños a facer a rodeada pola ponte do Cairo, quilómetros río abaixo, pero tal desbordamento foi simbólico pois A Pontenova tocou fondo en moitos aspectos, marcando o final dunha época vertixinosa.

As comunicacións do país sempre foran pésimas, e seguían moi mal. Xa unha antecesora de madeira, pontella pesimamente conservada, se viñera abaixo coas primeiras enchentes do outono de 1891. A nova tardouse en aprobar pero unha vez arrancaron as obras a cousa non quedou aí porque, mediados os traballos para substituír aquela primitiva Ponte Nova,3 outra gran riada, a do 12 de xaneiro de 1895, esborrallou o piar central e a pasadeira provisional.

Taboleiro metálico

Foi entonces cando a Deputación Provincial optou por instalar un taboleiro metálico dun só tramo de 30,5 metros entre as dúas ribeiras, e levantar máis os dous estribos, esperando sortear así as correntadas. Feirantes e veciños observaron a chegada das dúas grandes vigas de aceiro Martin Siemens descargadas en Ribadeo, e transportadas dificultosamente por camiños de carro ata a Pontenova, coa desconfianza de quen coñece o poder da natureza, pero coa esperanza nun progreso que tiña un símbolo importante na rodeada: o ferro. Non era a espectacular ponte de ferro Duisburg-Ruhrort sobre o Rin pero, na súa modestia, a terra galega dos mazos e ferrerías encheuse de orgullo coa nova ponte metálica.

Sen embargo, igual cos anteriores, este paso de ferro padeceu dun mantemento inadecuado que corría a cargo dos dous municipios. O espíritu austero e dilixente dos veciños, enfaenados en dominar a montaña e en contruír o pobo, contrastaba co abandono dos espazos públicos . Pouco antes do sinistro, a corporación de Vilameá urxiu arranxos, sinalando a falla de tuercas (porcas), e o mal estado do piso do viaducto. Así relatan, nun pleno de 20 de xaneiro de 1939, o sucedido coa riada:

«Informados os señores da corporación de que o forte temporal de augas arrastrara totalmente o día 17 deste mes a ponte de ferro sobre o río Eo que unía os pobos da Ponte Nova deste municipio e de Vilaoudriz, deixándoos completamente incomunicados, así como a outros moi importantes, do mesmo cuartel da Garda Civil, estación do ferrocarril a Ribadeo, estrada de Lugo a Ribadeo, explotacións mineiras, etc., co que se causa enorme prexuízo ós habitantes destes pobos, imposibilitados de poder concorrer cos seus produtos e gando ó mercado semanal e feira quincenal que se vén celebrando desde tempo inmemorial na Ponte Nova de Vilameá, onde radica o comercio máis numeroso e importante de ámbolos concellos, e con obxecto de que o antes posible se restableza a comunicación que hoxe se efectúa cun rodeo de máis de 15 quilómetros á ponte máis inmediata, pois unha vez que o citado río Eo baixe ó nivel ordinario, terá que realizarse por medio dunha ponte provisional ou paso de barcas, coas conseguintes incomodidades, acórdase por unanimidade solicitar da Deputación a construcción, o máis axiña posible, dunha ponte de formigón que reúna as debidas condicións de solidez para que poidan pasar por ela camións e outros vehículos mecánicos».

A nova ponte, a actual, quedou construída en 1946. Ata entón, o servizo provisional fíxoo o barqueiro de Abres Policarpo Amor, e impúxose unha taxa polo paso do río a cada viaxeiro e quintal de mercadoría, quedando excluídos do pago os gardas civís, soldados e as súas familias, os mestres da vila, nenos das dúas escolas, empregados do concello e veciños con fincas nas dúas ribeiras. Nada se dicía das minas e dos mineiros, case sen actividade daquela.

VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.