
«A min tócame mirar para adiante e esquecer o pasado»
O rexedor pontenovés, un recén chegado ó mundo da política, recoñece que as cousas dende fora parecen máis doadas
Sigue leyendo...
Darío Campos foi unha das grandes novidades no escenario político resultante das pasadas eleccións municipais. Novo no eido da política, chegou a este mundo con moita ilusión e cargado de expectativas. Os veciños depositaron nel as súas esperanzas de cambio despois de varios mandatos de goberno do PP con maioría absoluta. O PSOE non tiña representante municipal no Concello de A Pontenova, e cun equipo liderado por Darío Campos conseguiu acceder á alcaldía, por maioría absoluta. Dez meses despois das eleccións, Campos valora o seu ingreso no mundo da política.
-Hai momentos bos e malos, como todo na vida. Cando chegamos ó Concello atopámonos cunha situación complicada, que estamos intentando sacar adiante. Agora xa está todo mais ou menos da nosa man. Toca mirar para adiante e esquecerse do pasado, do que había antes.
-¿Imaxinaba así o mundo da política?
-O certo é que é moi diferente a como se ve dende fora. Dende fora todo parece moi doado de amañar, pero o maior problema sempre está no tempo, na tramitación das cousas. As veces fan falta meses e incluso anos. É o máis triste de todo. Xente coma min que estaba acostumada a facer e resolver as cousas no día a día, agora teño problemas para asimilar que para facer unha cousa fan falta vinte papeis, vinte trámites.
-¿Mudou o seu trato coa xente?
-Penso que non. Coa xente non tiña problema antes nin os teño agora. Sigo sendo o mesmo. A política non me cambiou para nada.
-Cando o PSOE chegou ó goberno municipal fíxoo cheo de expectativas, polo que supoñía de cambio de rumbo político. ¿Pensa que están respondendo á confianza dos veciños?
-Iso é o de sempre; haberá xente que estea satisfeita e quen non o estea. Nós o que pedimos é un pouco de paciencia. A xente sabe que chegamos ó Concello nunha situación difícil, nunhas condicións que non son as axeitadas en canto á organización, economía, etcétera, e agora estamos poñendo todo da nosa man. Hai cousas que pensabamos que estaban resoltas e coas que nos atopamos con problemas. É o caso do polígono industrial, que non estaba legalizado. Por iso ás veces en lugar de poñernos a facer cousas novas o que temos que facer é amañar cousas que veñen de atrás. Pero así son as cousas e así temos que asumilas.