lunes, 13 de mayo de 2013

Entrevistas con morriña: Ramón Pedro Díaz López

Entrevista realizada por Santiago Coladas.

Nesta nova entrega de "Entrevistas con morriña" tuvemos ocasión de falar con Ramón Pedro Díaz López (A Pontenova, 1.960) da casa de Pedro Factor na Feira.


Pontenova.es: ¿Cal é o pobo do municipio donde naciche e porque nombre se conocía a túa casa e teus pais?.

Eu nacín un chuvioso día de "todos os santos", asistida a miña nai por don Sergio, Nieves de Germán e miña tía Concha na miña casa da Pontenova, coñecida por " casa de Pedro Factor " (traballo que realizou o meu avó durante varios anos na estación do tren). 

Vivín cos meus pais: Ramón de Pedro e Conchita (asturiana procedente de Barcia-Luarca), ademais do meu avó e o meu tío "Pepe". Alí tiveron durante 42 anos un negocio que acabou sendo ferretería e que xa fora fundado polos meus avós na antiga casa de "Perucho" (onde hoxe en día se encontra a casa de Albino) outros 25 anos atrás, iniciándose esa aventura comercial como tenda de ultramarinos e casa de comidas.


Pontenova.es: ¿En que escola do concello estudiache?, ¿Recordas algún dos teus compañeiros e profesores?.

Os meus estudos comezaron un día no que collín camiño á escola de párvulos de doña Ofelia acompañado da miña nai e doutros compañeiros daquela idade. Naqueles tempos existía un grupo escolar de catro unidades: os profesores eran a xa nomeada doña Ofelia, don Ségis, doña María de Regos e don Marcelino. Pasada a aprendizaxe de das primeiras letras, o seguinte paso era o que chamamos educación primaria onde, con don Segis, pasei a maior parte desa época da miña formación.

Naquela agrupación coincidimos a maioría dos nenos do pobo daquelas idades dos que vou citar algúns para que nos sirva de referencia: Jorge de Néstor, Toño de Perón, Xesús e Liso Bouza, Quique Muruais, Manolo Liz, Antonio "Tunio" de Cosme,Tino dá Cubana, Antonio de Fermín, Orlinda, Teresa de Reigada, Carmen e Elisa Puente, Margarita Núnez, Mercedes Morado,…

Durante toda esta época véñenme á mente moitos recordos como poden ser cando don Ségis nos poñía a todos de pé en semicírculo fronte á súa mesa, ordenados por niveis, e nos tomaba a lección. Ou como os xogos que faciamos nos recreos: en inverno iamos xogar ao rego que había detrás dos edificios, aproveitando o caudal que levaba, para facer pontes, diques, e outras ocorrencias propias da nosa idade. 

Ademais doutros xogos como as bólas, a billarda..., e como non o fútbol do que se me quedou gravado un partido organizamos nun prado con algo de costa, con portarías feitas de madeira e para o cal esgotamos as existencias duns botíns con tacos que apareceran como novidade na zapataría de " Pipín".

E, tras un breve paso pola escola de don Marcelino, debido ao paso do antigo bacharelato á EGB, un grupo de alumnos incorporámonos ao plan antigo en terceiro curso. Naquel tempo funcionaba no pobo un instituto no que cursabas de primeiro a cuarto; alí volvinme a xuntar con moitos compañeiros e con outros provenientes das outras escolas unitarias do municipio, como foron: José Manuel de Xinzo, Manolo da Xolda, Inés de Conforto,... . Durante dous anos, proseguimos a nosa formación guiados por profesores, tamén de moi grato recordo, como: Jaime Coladas, Julio Ayán, Ramón "párroco de Villaformán", Enrique Muruais, Enrique Fernández, Mercedes (muller de Sierra, enxeñeiro en IPV) e don Antonio, o noso párroco durante moitos anos.

Ademais dos recordos escolares quedan outras moitas vivencias daqueles anos. Xogar á guerra polo monte, construír arcos e frechas de madeira... Explorar pola mina e a inesquecible excursión de subida ás penas do Castelo. Subir e baixar a feira en bicicleta, entrando ás veces na estrada xeral debido a un fallo os freos ou ao exceso de velocidade, o que traía como consecuencia unha gran reprimenda de Leal (ex garda civil, e por aqueles tempos porteiro do concello). 

Non podo deixar de intercalar aquí as espectaculares baixadas de Arango cos remolques de tractor que fabricaban no seu taller, axudado por un dos seus mecánicos indicándoo se había tráfico na estrada xeral, lanzándose vertixinosamente costa abaixo e, coa inercia, atravesar a estrada, a ponte e chegar á estación onde aparcaba o vehículo.

Tamén me acordo dos baños no verán no pozo da Ola aínda que fun dos máis remisos a enfrontar á auga, sempre que o tempo acompañaba había unha gran cantidade de xente gozando do marabilloso do noso río. Nel tamén me iniciei na arte da pesca, pero non conseguín a pericia do meu tío Pepe e, polo número das miñas capturas, pódeseme considerar ecoloxista dende aquela época na que nin coñecía esa palabra. E como non do cine de Fidel,a seis pesetas no galiñeiro e a 10 en butaca, onde viamos as películas cun grande entusiasmo e animación ( alboroto poderiamos dicir a maioría das veces ).

(Ramón con seus pais cando era un neno)


Pontenova.es: ¿A que edad te fuche definitivamente da Pontenova e que motivou a túa marcha?.

A punto de cumprir os 14 anos continuei os meus estudos en Lugo, 5º e 6º de bacharelato e COU no que daquelas era o Instituto Masculino de Lugo. Cursando despois na mesma localidade os estudos de Maxisterio (por aqueles tempos denominados profesor de EGB). 

Despois de tres anos preparando as oposicións, e un ano de servizo militar intercalado neste período, conseguinas aprobar significando para min a primeira experiencia laboral.

Pontenova.es: En todos estos anos que levas vivindo por fóra, ¿Cal foi a túa profesión e en que lugar ou lugares a desarrollache?.

Dende aquela dediqueime ao ensino podendo falar de dous períodos. Un que durou 13 anos e no que estiven a traballar como provisional nun gran número de colexios: empezando por Vigo e Pontearas, surcando despois a nosa provincia pasando por Riotorto,Meira,    Pedrafita do Cebreiro, Sober, Ribeira de Piquín, Becerrea, Friol... 

Durante este tempo casei con Marisol e tivemos dous fillos: Pedro e Mateo. Instalámonos en Lugo, onde a miña muller conseguiu unha praza fixa no seu traballo mentres eu viaxaba todos os días ao meu destino correspondente.

A miña segunda fase como mestre empezou cando me deron destino definitivo no Incio, onde estiven 10 anos dando clases,o que me permitiu levar un labor máis constante, coa experiencia que fora recollendo durante anos, e buscando tamén novos camiños para a mellora nun traballo tan gratificante no que case sempre encontrei alumnos, pais e compañeiros cos que compartín inesquecibles momentos en todos eses anos.

Pero cando estaba enfrascado nestas tarefas e na miña vida familiar, un día regresando do colexio, tivemos un pequeno despiste no coche no que viaxaba con outros tres compañeiros sufrindo un accidente bastante grave e que supuxo un cambio nas nosas vidas.

Pontenova.es: ¿Qué recordos tes máis frescos cada vez que te paras a pensar no teu pasado na Pontenova?.

Agora imos cos tempos de xuventude, das aventuras en cuadrilla... 

O noso "local social" era o bar Asturias onde nos reuniamos para organizar as nosas andanzas, xogabamos ao futbolín e escoitabamos música no tocadiscos. 

Por aquela época vivimos o nacemento da discoteca Xolda e da ampliación a Nova Xolda, outra época dourada da nosa xuventude. Alí celebramos un montón de festividades, pero a min a que mellores recordos me trae foron os entroidos. Patrocinados pola discoteca, polo CIT ou polo concello (comparsas na rúa) pasamos inesquecibles momentos e como grupo gañamos numerosos premios.

Por aqueles tempos había un ambiente na  Pontenova: tomar uns viños calquera día da semana en calquera época do ano era todo un pracer, na época de pesca tiñamos asiduos visitantes todos os fins de semana, e no verán o pobo enchíase de de turistas locais, ou sexa, familias enteiras procedentes de Pontenova que pasaban a maior parte das súas vacacións gozando dos encantos da súa terra natal.

Pontenova.es: Quenes te conocemos sabemos que padeces unha lesión medular que te limita físicamente, en que consiste en concreto?.

Ben, a miña vida cambiou un día no que regresaba a Lugo dun día máis de colexio, e por un pequeno despiste no coche no que viaxabamos tivemos un accidente que para min tivo como consecuencia unha lesión medular (unha tetraplexía que me deixou sen mobilidade e sensibilidade á altura do peito e os brazos cunha limitación de movementos moi alta). A partir dese momento a vida laboral que levaba rematouse, actualmente estou xubilado por incapacidade.

Pontenova.es: ¿Cómo transcurre o teu día a día na actualidade en Lugo?.

Dende que tiven a lesión dedico gran parte de da mañá a sesións de fisioterapia para intentar recuperar algo a funcionalidade, en principio dos meus brazos. 

Os progresos son moi lentos, e dende hai tres meses estou a acudir a unha clínica de rehabilitación en Santiago onde se está a experimentar con hormonas para mellorar os resultados do traballo fisioterapéutico

O resto do tempo aprovéitoo fundamentalmente para traballar co ordenador. Un dispositivo permíteme manexalo coa fronte e coa boca. A partir de aí teño un montón de posibilidades para poder relacionarme e realizar unha morea de actividades. 

Como nos dicía don Ségis, para realizarse nesta vida hai que facer 3 cousas: plantar unha árbore, ter un fillo e escribir un libro. A min quédame isto último por facer e gustaríame poder logralo aínda que agora vou moito máis lento debido ás miñas limitacións. Tamén estou interesado neste tipo de enfermidades, sobre todo en pacientes con danos cerebrais. Debido á miña profesión docente non pode esquecérseme que podo achegar experiencias para traballar con este tipo de traumatismos que afectan a moitas persoas. Cando a climatoloxía mo permite, xa sabemos como é o tempo aquí en Galicia, gústame saír a dar un paseo polo centro de Lugo

Está en gran parte peatonalizado, o que me permite desprazarme sen moitas dificultades. 

Ademais teño a sorte de que familiares e amigos me axudaron dende o principio, e continúan visitándome, o que me permite ter moitas conversas nas que falamos do presente e afloran moitos recordos do pasado.

Pontenova.es: ¿Sigues de forma habitual a actualidade do noso pobo?, ¿Conocías esta web?.

Por suposto, ademais non estou tan lonxe e, como eu, hai moita xente do pobo vivindo en Lugo que segue relacionada coa vida diaria da Pontenova e o que por alí acontece. 

Ademais conto coa información que nos proporcionades a través da vosa páxina e que, como moitos máis oriúndos do concello, sigo día a día.

Aproveito para felicitarvos por ese gran traballo e animarvos a seguir con el pois é como unha raíz que chega a todos os lugares do mundo onde estamos multitude de oriúndos desa fermosa terra.
(Ramón e a súa muller nun antroido con Jesús Bouza e esposa)

Pontenova.es: A xuventude da vosa época tiña fama de algo pilla e traste, ¿poderíasnos contar algunha anécdota curiosa de entonces?.

 Ben, creo que durante a xuventude todas as xeracións tiveron os seus tempos gloriosos nos que gozaron e tamén fixeron algunhas loucuras propias da súa idade. Como non, na nosa xuventude, temos unha gran cantidade de anécdotas que contar. 

Por escoller algunha podemos quedar con esta.

Un ano a discoteca Xolda organizou un carnaval de verán e nós non podiamos faltar a esa cita. 

Nesa ocasión escollemos disfrazarnos de vaqueiros. Para darlle máis realismo á cousa construímos unha forca para simular un linchamento propio das películas dese xénero. 

A corda era de verdade, e o sistema de simulación consistía nun cinto de seguridade dun coche que suxeitaba ao condenado a unha cadea no momento da execución da sentenza. 

Pola tarde fixemos unha proba para ver a seguridade do invento; pero un fallo de consistencia no mosquetón que suxeitaba o arnés fixo que o aforcamento se fixese realidade no cuello de Antonio de Fermín. Rescatado rapidamente antes de que a corda fixese o seu efecto e pasado o momento complicado, quedoulle como recordo unha marca no cuello e un susto de morte.

Substituído o mosquetón por outro máis consistente, pola noite triunfamos na discoteca, aínda que esta vez o arriscado voluntario foi Kiko do Puente resultando perfecta a actuación.

Poderiamos contar moitas máis aventuras, pero o bonito desta sección é que moita xente está a achegar os seus recordos e entre todos iremos esbozando coas nosas pinceladas a vida dunha vila na que todos participamos e desexamos que siga o seu desenvolvemento con xentes tan entrañables como as que saen nestas entrevistas.

Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.