martes, 9 de abril de 2013

O libro A Torre e Pousa de Dumia

Aporta este libro información detallada sobre personas de una antigua familia que vivió en A Pontenova.  ¡De lectura obligatoria!

Da autoría de Xulio Pardo de Neyra, e publicado por Edicións Embora, preséntase o xoves 11 de abril, ás 20:00 h, no Sexto Edificio do Museo.

Edicións Embora de Ferrol vén de publicar na súa colección Punto de Investigación o libro de Xulio Pardo de Neyra A Torre e Pousa de Dumia. Estudo de historia social de Terra de Cervantes, que se presenta o xoves 11 de abril, ás 20:00 h, no Sexto Edificio do Museo, no transcurso dun acto no que, ademais do autor, intervirán o director, Xosé Carlos Valle Pérez, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Pegerto Saavedra Fernández.

Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) licenciouse en Filoloxía na Universidade compostelá, pola que é doutor en Filoloxía Galega e en Historia Contemporánea. É tamén doutor europeo en Didáctica da Lingua e a Literatura pola Universidad de València. Foi profesor da Universidade de Compostela, da de Estremadura, da Católica Portuguesa e actualmente é Profesor Titular da Universidade da Coruña. Ten publicado unha trintena de libros e multitude de artigos, así como ten participado en numerosos congresos internacionais, tanto en Galicia como en España e noutros lugares de Europa. As súas liñas de investigación abranguen temas como a pornografía literaria, o republicanismo, o feito trobadorista galego, a literatura galega contemporánea, a literatura comparada, a didáctica da lingua e a literatura, sociolingüística e historia social.

No libro o autor trata de contextualizar o nacemento e o devir dunha das casas nobiliarias con maior representatividade e, polo tanto, antigüidade do actual concello de Cervantes e da propia Terra de Ancares que antes se chamaba Terra de Cervantes, e de facelo mesturando intereses xeográficos, históricos, filolóxicos e xenealóxicos. Son estes últimos os que presentan unha maior problemática, por máis que haxa tempo que se teña subliñado a importancia dos arquivos familiares -polo xeral conectados cunha casa ou cun edificio palaciano determinados- como medio fundamental para o estudo do noso pasado.

O estudo de Pardo de Neyra, tras un detido limiar, estrutúrase nos catro apartado seguintes: A Torre e Pousa de Dumia no proxecto xurisdicional da Igrexa lucense: o nacemento dunha liñaxe canceladense, A Torre e Pousa de Dumia á calor dos Neyras. A consolidación dun patrimonio Fidalgo na Idade Moderna, Os Dumias marchan ó país de Neira. A creación do apelido Pardo de Neyra e a preparación para un regreso trescentos anos despois e Dumias e Neyras na arte popular galega: os símbolos familiares dos Señores de Dumia na heráldica galega da Idade Moderna.
Museo De Pontevedra
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.