martes, 7 de agosto de 2012

Sociedad de Instrucción, Recreo y Protección Unión de Villameá y Villaodrid

Data de fundación: 03/05/1914
Localidade e país de fundación: A Habana (Cuba)
Historia
:
O 3 de maio de 1914, os veciños do antigo concello de Vilameá, emigrantes en Cuba, tiveron unha xuntanza para constituír unha sociedade co obxectivo de fundar un ou varios colexios no seu concello natal. Entre os fundadores da nova Sociedad de Instrucción Centro Villameiense podemos citar a Antonio Villamil, que pola dedicación á sociedade chegará a ser presidente honorario, Juan Ginzo, Francisco García, Antonio Ginzo, Enrique García, Abelardo González, Bernardo López, Florentino Regueiro e Francisco Trevín.
A primeira xunta directiva da nova entidade quedou así constituída: como presidente, Antonio Villamil Colmenares; vicepresidente, Salustiano Rocha Díaz; secretario, Francisco García Martínez; vicesecretario, José García Díaz; tesoureiro, Juan Ginzo Lombardero; vicetesoureiro, Venancio Estúa Bermúdez; e vogais, Abelardo González Villamil, Antonio Ginzo Díaz, Enrique García Díaz, Bernardo López, Florentino Sequeiro, Francisco Trevín, Gerardo Díaz Díaz, José González Ginzo, Nicanor González e Alejandro González Villamil.

O 11 de agosto de 1915 aproban en asemblea social un novo regulamento e o cambio de nome, Centro Villamiense. Sociedad de Instrucción de La Habana.
Durante os seguintes anos traballan a prol da creación dunha escola na súa terra natal, para isto realizan diversas xestións e xiran os primeiros cartos para custear os primeiros gastos. O 24 de xuño de 1917, aproban o plan a prol da instrución "en el solar patrio". Comezan por soster os colexios existentes nos lugares de Liñeiras, Santalla, Santo Estevo, Vilaoudriz, Foxas e A Pontenova, co envio de cartos para o pago do soldo de 50 pesetas mensuais para cada mestre/a.
No ano 1919 deixan de reunirse e de ter vida societaria. O 6 de abril de 1924, que un grupo dos antigos socios deciden volver reorganizar a sociedade baixo a presidencia de Salustiano Rocha.
O 19 de setembro deste ano, xunto cos emigrantes naturais de Vilaoudriz, acordan un novo regulamento social, que data do 8 de febreiro de 1925, e pasan a denominarse Unión de Villameá y Villaodrid, con fins de instrución, recreo e protección aos socios.
Nos seguintes anos temos constancia do envío de pequenas doazóns económicas ás escolas do concello.
O 11 de agosto de 1968, tras un longo período de escasa actividade societaria, debido ao escaso número e á lonxevidade dos socios, aproban a súa fusión coa sociedade Monterroso y Antas de Ulla.
As Escolas Da Emigracion 
Escola de Vilaoudriz
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.