jueves, 26 de julio de 2012

O PP local pide explicacións pola non solicitude por parte do Concello da Pontenova da liña de subvención aprobada pola Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar


  • O concello da Pontenova non figura entre a listaxe de municipios solicitantes da axuda da Deputación provincial destinada a sufragar unha parte dos custos locais en materia de servizos sociais
  • O portavoz popular, Jorge García, recorda que o goberno municipal pretende incrementar as contías que os usuarios do servizo deben aportar ao Concello
A Pontenova 24-07-2012. O portavoz do Partido Popular na Pontenova, Jorge García García, pediralle explicacións na próxima sesión plenaria ao rexedor local, o socialista Darío Campos, sobre a non inclusión do municipio da Pontenova entre os concellos que se acolleron á solicitude da subvención, en réxime de concorrencia competitiva, destinada a gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar aprobada pola Deputación provincial durante a anualidade 2012.  Tras facerse pública a listaxe de subvencións aprobadas pola Deputación provincial, os populares queren saber o porqué o goberno local da Pontenova non figura como solicitante deste tipo de axudas concedidas aos entes locais para contribuír a manter o Servizo de Axuda no Fogar.

A través dunha pregunta na próxima sesión plenaria, o portavoz popular quere coñecer os motivos que levan a un rexedor local a privar aos usuarios do programa SAF, deste tipo de concesións económicas que permiten mellorar as condicións de vida das persoas con dependencia. O portavoz popular da Pontenova acusa ao equipo municipal de profesar unha xestión de goberno caracterizada pola deixadez e pola toma de decisións que repercuten continuamente de forma negativa no día a día dos cidadáns na localidade da comarca da Mariña.

Jorge García cualifica de contraditoria a política que está a desenvolver o goberno local en materia de servizos sociais. O popular recorda que o rexedor da Pontenova formou parte da comisión de alcaldes e portavoces creada por Vicepresidencia do organismo provincial co obxecto de esixirlle á Xunta de Galicia unha mellora na súa aportación ao Servizo de Axuda no Fogar, trala aprobación do novo decreto regulador dos Servizos Sociais que completa a lei aprobada polo bipartito no 2008 e lexisla a aportación das deputacións nesta materia.  Jorge García critica que un rexedor que formou parte desta comisión agora, á hora de solicitar a contía que ofrece o organismo provincial para os concellos de Lugo, non cumpre co seu deber. Segundo Jorge García, Darío Campos amosa unha intencionalidade xestora carente de medidas produtivas que repercutan de forma positiva para os veciños.

Segundo o portavoz popular esta non é a única medida que conleva consecuencias negativas para o mantemento deste servizo. O portavoz popular recorda o plan de axuste do concello, elaborado en función do decreto de pago a proveedores promovido polo Executivo central, e sen consenso co Grupo Popular Municipal. Neste plan, o goberno local pretende incrementar a contía que o Concello lles cobrará aos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar. Ante isto, Jorge García pregúntase o porqué o rexedor local deixa de percibir axudas do ente provincial e incrementa o custe do servizo a nivel local.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.