lunes, 26 de marzo de 2012

MÓNICA RANCAÑO ESIXE UNHA MUDANZA NAS POLÍTICAS SOCIAIS E DE EMPREGO DO CONCELLO

O BNG constata a fortaleza e o medre da afiliación na organización na Pontenova
 
Mónica Rancaño afirmou que "o Concello ten que operar como un axente económico máis, posto que na actual situación o sector público é central para a dinamización económica"
 
A Pontenova, 23 de marzo de 2012. O BNG mantivo unha xuntanza na tarde de hoxe do conxunto da afiliación da organización no Concello da Pontenova cunha representación da Executiva Comarcal a fin de definir o plano de traballo que os nacionalistas van levar adiante neste concello até o 25 de xullo e tamén para coñecer de primeira man as propostas que os órganos comarcais do BNG teñen pensado desenvolver nese período.
 
Segundo indicou a portavoz municipal do BNG na Pontenova, Mónica Rancaño, "é necesario unha mudanza nas políticas do Concello, particularmente no que ten a ver co aumento do gasto social e coa promoción do emprego. Nós pensamos que as administracións públicas, neste caso a local, non poden ficar á marxe cando tantos conveciños e conveciñas nosos están a enfrontarse ao drama do desemprego e cando as políticas de recortes están a provocar un aumento importante das desigualdades sociais dándose casos de auténtica exclusión social. Hai que reorientar as políticas de investimento por parte do Concello, comprometendo máis fondos para servizos que nun concello coma o noso son centrais, como é a axuda no fogar, e por suposto levar a diante un ambicioso programa de infraestruturas que a maiores de cubrir as demandas dos veciños do concello, incida tamén na creación de emprego. O Concello ten que operar como un axente económico máis, posto que na actual situación o sector público é central para a dinamización económica".
 
Xoán Estúa, vicerresponsábel comarcal do BNG, destacou "a fortaleza da organización local do BNG na Pontenova, do que é unha mostra o traballo desenvolto, pero de xeito moi especial, o significativo aumento de afiliación que se está a dar neste concello no último ano, onde destacan a incorporación dun número importante de persoas mozas e a inminente constitución da rama xuvenil do BNG, Galiza Nova, nesta localidade. Os nacionalistas apostamos dun xeito decidido pola Pontenova na dupla dirección de cumprir con este concello naquelas institución nas que temos responsabilidade de goberno mais tamén de achegar as demandas dos veciños e veciñas do mesmo a outras institucións onde contamos con representación, como é o caso do Parlamento Galego e as Cortes Xerais do Estado. Pénsese que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborouse  con 4 asociacións deportivas e 5 entidades culturais deste concello pola vía de achega de liñas de financiamento a través de axudas en réxime de concorrencia competitiva. Por outra banda, hai que ter en conta as iniciativas presentadas tanto no Parlamento Galego como nas Cortes Xerais, onde destacaríamos as propostas de mellora do firme da N-640 ou do saneamento e recuperación do río Eo, presentadas por Francisco Jorquera".
 
Xa por último, os nacionalistas confirmaron a celebración dun acto de cara ao 14 de abril que ten como obxectivo homenaxear e lembrar a multitude de veciños deste concello represaliados polo réxime franquista, que converteron a Pontenova nunha das localidades de toda a Mariña máis golpeadas pola represión. "É esa Ponte Nova, republicana, operaria e de esquerdas da que nós, os militantes do BNG, nos sentimos herdeiros" - afirmou Mónica Rancaño, que a punto seguido indicou "que sobre esa semente, ese patrimonio de conciencia cívica, ese espírito rebelde, aspiramos a construír unha outra Pontenova diferente. En definitiva, sentímonos en débeda cos que nos precederon na loita, pero tamén queremos darlle continuidade a esa loita pola que no seu día represaliaron a moitos conveciños nosos".

Noticia enviada por Bloque Nacionalista Galego de A Pontenova
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.