jueves, 26 de mayo de 2011

«Non considero ningún drama competir en Primeira B»


Tras dúas tempadas en Primera Nacional A, o Superti-A Pontenova volve á B logo de completar unha primeira volta desastrosa e unha segunda metade de competición moito máis atinada. A pesar do primeiro descenso da súa historia, o presidente da entidade, Manolo Piñeiro (A Pontenova, 1970), ponlle un seis á campaña do equipo.
-¿É unha tempada para esquecer?
-Eu penso que non é para esquecer, porque de todas se aprende algo e porque, ademais, creo que na vida sempre se aprende máis das situacións negativas que das positivas. Foi unha tempada na que, se cadra, non estivemos demasiado atinados á hora de realizar as fichaxes ao principio, cuestíon na que asumo a miña parte de culpa, e por determinadas causas unha serie de xogadores non remataron por callar. Non tivemos sorte con Israel, Dani Carrera, Fredi, Nono e Samuel, que non encaixaron deportivamente pero tiveron un trato humano bo. Con moita diferencia, a peor situación produciuse con Toni. Supuxo unha decepción moi grande, debido ao trato que tivo cara os compañeiros, o club e a directiva.
-¿Cal foi a clave do descenso?
-A mala primeira volta, onde sumamos só sete puntos e botamos por terra calquera posibilidade de salvarnos. Na segunda fixemos 16 e, en todo caso, cun número de descensos normal, libraríamonos de baixar.
-¿Podería saír o equipo aínda en Nacional A?
-Sendo prudentes, a día de hoxe non nos pasa pola cabeza competir en Nacional A. De feito, motívame tanto facelo na B como na A e non o considero ningún drama. En teoría os custos de Primeira A van ser moito máis altos a vindeira tempada, moi próximos aos de Prata, mentres que os ingresos son moito máis pequenos. En todo caso, é lamentable que a Federación aínda non comunicara oficialmente cantos equipos van baixar finalmente.
-¿Haberá cambios na plantilla?
-Si, imos facer unha renovación importante na plantilla para intentar rexuvenecela.
-¿Seguirá Josiño como adestrador?
-O único seguro de momento é que segue a directiva. Estamos empezando a analizar a xente que queremos que continue.
-¿Cal foi a maior satisfacción?
-Sen dúbida, as categorías inferiores, porque ves a mellora. Esta labor débeselle a Josiño.
Manuel piñeiro presidente del superti-a pontenova
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.