jueves, 21 de abril de 2011

Darío Campos: ''Vinte artesáns amosarán o seu traballo e os bares ofrecerán tapas''

O Concello pontenovés volcouse coa Semana Santa para atraer visitantes. O mercadiño de stocks que se viña facendo por estas datas, substitúese por unha cita de artesanía e antigüidades, e por unhas xornadas gastronómicas que terán lugar os vindeiros días 22 e 23.

ATRAER ó turismo e dinamizar a vida local é un dos eixos de traballo para o goberno do socialista Darío Campos na Pontenova. Por iso, nesta Semana Santa, o Concello decidíu impulsar dúas citas coas que atraer visitantes mañá venres e tamén o Sábado Santo.


Como xurdíu a idea de celebrar nestas datas un pequeno mercado de artesanía e antigüidades?
Pois a idea de organizar unha exposición deste tipo de dous días xurdíu da feira sectorial que ten lugar no verán, á que adoitan acodir unhas 4.000 persoas. Trátase desta vez de celebrar unha cita similar, só que máis pequena. A idea propúxoa o presidente do colectivo de artesáns, creador e xerente do evento de agosto, Manuel Piñeiro, quen nos pedíu axuda para facelo. Hai unha vintena de expositores que virán a amosar a súa mercancía na casa da cultura da localidade e ademais vaise homenaxear a catro artesáns locais.
Quen son eses veciños que recibirán a homenaxe polo seu labor coma destacados artesáns?
José María Señor Fernández, labrego xubilado de Vilaboa; José Trashorras Tojal ‘Echevarría’; Alfredo Castaño Fernández ‘O Cabo’, mecánico retirado que fabrica gaitas; e Manuel Marqués Díaz, de Sanxés.
Trátase tamén de paliar no posible a crise do sector na Pontenova?
Pois en parte si, tratamos de axudar así ó gremio dos artesáns e dos ferreiros. Non en balde, A Pontenova é terra de artesanía, chegou haber sete carpinterías importantes. Nos anos oitenta e nos noventa foi un referente para os anticuarios españois pola calidade dos traballos que se facían no municipio sobre todo coa madeira. Así que penso que hai que apostar por iso, pola industria local, polo que nos fai diferentes. Estas citas sempre acaban sendo ademais unha toma de contacto entre compradores e vendedores.
Ademais, hai previstas unha xornadas gastronómicas. En que consisten e como se propuxeron?
En anos anteriores, por estas datas, a asociación de comerciantes, industriais e autónomos adoitaba organizar un mercadiño de stocks que atraía a unhas 2.000 persoas, pero, como o colectivo está nestes momentos inactivo, dende o Concello reunímonos co sector, sobre todo da hostalería, para pensar nunha alternativa e así foi como xurdiu a idea de facer coincidir con estas datas e co mercadiño artesán as tradicionais xornadas de tapeo e tamén outras adicadas ó salmón e á troita, é dicir, ós productos locais. Acordamos dividir os gastos de xeito que o Concello aporta uns mil euros e cada bar, dos 13 participantes, uns 30 euros aproximadamente.
E ademais contan co aliciente de ter a obra de encauzamento do río Eo rematada?
Si, e aínda que faltan pequenos retoques, os visitantes poderán dispoñer dunha senda e un espazo recreativo precioso no entorno da Praza dos Fornos. Incluso a pasarela peonil é unha atracción polo seu alumeado nocturno.


VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.