miércoles, 16 de marzo de 2011

O alcalde pontenovés aclara que o PP aprobou en 2005 o deseño actual da pasarela

 I. García / El Progreso (Lugo)
O primeiro edil pontenovés, o socialista Darío Campos, saíu onte ao paso das críticas vertidas sobre a instalación dunha pasarela, cuxo paso aínda non se abriu e que ocupa o lugar que antes tiña a vella ponte da localidade. O alcalde quere responder ao que considera «unha campaña de mentiras do Partido Popular para dividir á poboación en época preelectoral» e aclara que foi precisamente esa agrupación política a que, durante a súa etapa de goberno, en 2005, «aprobou en sesión plenaria o deseño da ponte tal e como se desenvolveu, sen que o BNG tampouco se opuxera daquela».
O rexedor responde así aos dous principais partidos políticos do municipio que recentemente manifestaron a súa oposición polo resultado da actuación, sobre todo porque a citada pasarela, segundo afirman, non permite pola súa estreiteza o paso simultáneo de vehículos e peóns.
Así as cousas, o rexedor pontenovés recorda que «os nacionalistas, que cando se aprobou o proxecto contaban con dous concelleiros na corporación, calaron entón, pero agora parece que se teñen arrepentido».
Acusa tamén ao actual líder da agrupación pontenovesa do Partido Popular, Jorge García, por renegar «agora dun proxecto aprobado cando o era tenente de alcalde, como renegou tamén do anterior alcalde nalgúns plenos celebrados non Concello, nos que non dubidou en botarlle as culpas todas ó rexedor coma se el non tivera responsabilidades de goberno naqueles momentos».
Antecedentes
O alcalde socialista quere aclararlle á veciñanza que o mesmo proxecto do encanamento do río Eo ao seu paso pola Pontenova, incluíndo o deseño da agora polémica pasarela, «xa fora sometido a exposición pública por primeira vez en 2005, despois de que o aprobase o PP que gobernaba daquela con maioría absoluta» e engaden que tamén entón «foi aprobado sen que se presentase ningunha alegación por parte de políticos, nin de veciños», polo que o vixente goberno municipal non entende por que «agora xeran esta campaña de difamación contra un proxecto que o propio PP aprobou».
Aínda que el mesmo responde a esta cuestión, ao considerar que talvez se deba a que «dende 2005 ata 2008 o proxecto estivo durmindo nun caixón pola falta da iniciativa do Partido Popular que non foi quen de acadar a financiamento para levalo adiante»; un orzamento de seis millóns de euros que, como sinala, «si conseguiu ou PSOE ó chegar a alcaldía» .
Conclusión
Por todo iso, o primeiro edil pontenovés está convencido de que «as críticas son a consecuencia directa dunha campaña do PP baseada na mentira e no engano ós veciños e non ten outra función que ensuciar ás próximas eleccións, tapar a nefasta xestión que fixeron no seu día e encirrar os veciños cunha polémica falsa, dividindo á poboación con falsidades para tratar de gañar con malas artes algún voto».
A xuízo de Darío Campos, a única razón das críticas que rodean a actuación non é outra que a de responder dese modo ao labor do PSOE local que «foi capaz de levar adiante unha obra que estaba paralizada dende a etapa anterior e que mellora de xeito considerable esta zona do pobo».
O PSOE insiste en que haberá dous viarios, en lugar dun, sobre o río Eo
  • O alcalde, Darío Campos, insiste en que «lonxe de suprimir unha conexión, o que se fixo foi pór unha máis, de xeito que todo tipo de vehículos teñen agora un mellor enlace con máis visibilidade a tan só a 200 metros do anterior». E é que o proxecto incluíu a construción dunha ponte e a substitución do anterior por unha pasarela peonil.
Un viaduto mixto
  • Precisamente Campos destaca que logrou «que pola pasarela, que no proxecto orixinal aprobado polo PP ía ser só peonil, puideran circular vehículo lixeiros nun só sentido, en dirección á Praza dos Fornos, de xeito que servirá tamén para acoller ás multitudes que tódolos anos concéntranse na popular queima dos Fornos das festas patronais».

Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.