martes, 22 de febrero de 2011

Un estudo sitúa ao Eo entre os ríos de Galicia con menos especies invasoras

Tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e unha da da Coruña (UDC) iniciaron en 2009 un traballo que lles levou a analizar a introdución das especies invasoras nos ríos galegos. Os resultados, publicados recentemente na revista especializada Biodiversity and Conservation, constatan a naturalización de 31 especies acuáticas foráneas en Galicia, das 88 rexistradas na Península Ibérica. E ademais sitúan ao río Eo entre os que presenta un menor número de exemplares exóticos con respecto ás concas do sur galego.
Os investigadores non só tomaron mostras no río máis longo e de maior renome da comarca mariñá, o Eo, concretamente á altura da Pontenova, senón tamén nas canles mariñás da Sor, do Ouro e do Masma. En todos eles, en xeral, a presenza de animais e plantas invasores é escasa en comparación coa detectada noutros ríos galegos, sobre todo da vertente sur.
Por mor dunha comunicación presentada no congreso internacional Biolief, no Porto, iniciouse o traballo que contou con fondos propios da Estación de Hidrobiología da USC e dun recente proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Informe
Baixo a batuta da coordinadora, María José Servia, da UDC, un equipo de científicos galegos identificou, ademais do número de especies introducidas nos últimos cen anos, os períodos con maior número de entradas e a tendencia actual.
E é que en 1995, a aprobación do Tratado de Schengen permitiu a apertura das fronteiras dos países europeos á libre circulación de persoas e mercancías, o que propiciou que en Galicia as especies invasoras entrasen ao mesmo tempo que o facían no resto do Estado, cando antes chegaban con máis de 50 anos de diferenza, fundamentalmente debido ao illamento xeográfico e ao escaso tamaño das concas que impedía que levase a cabo a navegación comercial.
Entre os exemplares exóticos introducidos na comunidade galega destacan a ameixa asiática, o cangrexo vermello ou americano, o peixe mosquito e as plantas acuáticas como o jacinto de auga, aínda que aumenta a presenza de invertebrados e plantas, en moitos casos procedentes do comercio dos acuarios.
Na comarca
A pesar de destacar pola escasa presenza de exemplares foráneos, os investigadores detectaron no río Eo invasores na vexetación de ribeira, como acacias ou tritonias, aínda que polo momento «non existen rexistros o suficientemente detallados que permitan determinar o número de efectivos», como corrobora Servia. En canto ás especies de auga doce, localizaron exemplares de caracol acuático, orixinario de Nova Zelandia, e de piscardo, un pequeno peixe presente noutras concas da Península Ibérica, pero que non é nativo do Eo.
Os investigadores explican por que poden entrar neste río mariñán: «O caracol Potamopyrgus antipodarum está presente en toda Europa, onde chegou probablemente nas augas de lastre de barcos comerciais; a Galicia crese que entrou na primeira metade do século XX, probablemente no transporte de produtos de acuicultura ou de forma involuntaria en materiais de pesca ou navegación, mentres que con respecto ao piscardo considérase que foi introducido por pescadores, para o seu uso como cebo vivo», como constata Servia.
En calquera caso, a investigadora da UDC insiste en que «o número e o grao de invasión das especies exóticas no río Eo é menor que o detectado noutras concas galegas», pero tamén apunta a que «habería que ampliar os estudos para valorar o tamaño das poboacións das especies introducidas».
Solucións
O impacto destes exemplares exóticos na zona tradúcese en cambios «no hábitat ou en enfermidades que poden transmitir, ademais de que compiten en predación coas endémicas», como sinalan os científicos. Por iso, os investigadores urxen a regular o comercio acuícola e advirten contra a percepción xeral de que «as plantas e os invertebrados exóticos son inofensivos, cando o certo é que as especies invasoras constitúen unha grave ameaza para a conservación da biodiversidade onde se establecen».
Tamén a construción de grandes infraestruturas hidráulicas contribúe, en gran parte, como indica o estudo, a aumentar este fenómeno.
Ademais de regular o comercio da acuariofilia, que se incrementou nos últimos anos, Servia cre que os programas de educación para a poboación e sobre todo para colectivos como o dos pescadores, axudarían a reducir a chegada de especies foráneas.
Contaminación
Aínda que a directora desta investigación asegura que «en xeral o estado de conservación do Eo é relativamente bo», admite que «presenta problemas de contaminación orgánica comúns a outras concas galegas».
Por iso propón «reducir a carga de materia orgánica, algo que pode conseguirse con relativa facilidade a través da instalación de sistemas de depuración en núcleos de poboación», así como aplicar «boas prácticas agrarias na gandería, relacionadas coa vertedura de xurro en zonas próximas ao río, xa que en días de choivas, estas favorecen que os detritus cheguen á canle», puntualiza Servia, que descoñece se diminuíron as poboacións de troita e de salmón que dan fama a este río, porque o seu grupo de investigadores non analizou, «nin realizou ningún estudo concreto sobre elas».
Lamprea
A investigadora María José Servia participou tamén noutro proxecto que deu lugar, recentemente, a unha publicación titulada ‘Estado de conservación dás poboacións de lamprea mariñá en ríos de Galicia', editado pola Xunta de Galicia. Tras tomar mostras nos ríos Eo, Masma e Ouro, na comarca mariñá, e nos caudais do Mera, Mandeo, Anllóns, Sar, Ulla, Umia e Lérez, no resto de Galicia, entre 2007 e 2010, constatouse que o seu número aumentou lixeiramente nestes caudais, onde está prohibida a súa captura.
12 investigadores
Doce investigadores das universidades da Coruña e de Santiago participaron neste traballo, que só se centrou nas especies xuvenís, porque «das adultas non hai datos ao non haber pesqueiras», xa que «os exemplares novos viven enterrados en sedimentos e os grandes só soben para reproducirse e despois morren».

VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.