domingo, 28 de noviembre de 2010

A Ponte.


O venres pasado chegou este relato o correo de pontenova.es. O autor prefire manterse no anonimato.

A Ponte.

Salvar obstáculos (e/pra) unir son as finalidades primixenias das pontes. Xa señan barrios, cidades, ata continentes coma a do Bósforo. Unida tamén está a ponte do noso pobo aos meus recordos e aos vosos.
Vivín case toda a miña vida a carón dela, e como as, hai anos célebres, ilustracións tridimensionais, probablemente a cercanía non deixa ver a imaxe como debera, senón que hai que afastarse un anaco pra percibila tal como é. Non falo agora de distancia senón de tempo.
Cativos de tódalas idades cruzábamola un par de veces tódolos días, de camiño á súa veciña Praza dos Fornos. Alí era onde xogabamos ao fútbol, ao escondite, facíamos precarias cabanas ou cazábamos sapos e escónzaros. Por riba das pandillas, que sempre houbo e haberá, prevalía a inconscente (e por iso tan valiosa) cohesión de tódolos nenos e nenas fronte aos adultos. Unha vez atravesada a ponte (mirando dúas veces a esquerda e dereita) deixabamos atrás non só o, a míudo aburrido, día de colexio, senón tamén a mestres, pais e demáis maiores aos que todavía non entendíamos moi ben. Máis alá das obrigadas riñas entre nenos e nenas, maiores e pequenos, tódolos días ao cruzar a ponte partíase o día, ou mellor dito, abríase unha paréntese nel, no que ata entrada a tardiña (coa excepción de algunha nai que vixiaba que non nos depenaramos) eramos pícaros e nada máis que iso.
Hoxe en día non é habitual xa, nin sequera nos pobos, nin sequera no noso, este ritual. É por iso que gardo esa imaxe dos centos que vos podería contar sobre a ponte. Vós, que viñades xogar, que lle tirabais dende alí pedras ao Eo, que pasabais por baixo dela a pescar un par de troitas na zona sen morte e liscabais correndo, que vístedes caer xente dende alí ao río (con e sen coche), sabeis do que vos falo.
A nosa ponte, que garda a herdanza da súa devanceira, a ponte de ferro, debemoslle moito máis que a toponimia do noso pobo; e nestos tempos onde os símbolos do pasado (ata os máis sacros coma o idioma) non se respetan como é de rigor, faise máis necesario ca nunca defendelos en voz alta, xa non chega asentir coa cabeza en silencio. Agora hai que voltarlle á ponte un pouco do que deu, e unirnos nós como ela fixo co pobo pra decir que non queremos que a derriben.
Non privemos aos pícaros que estan por vir de dirixir cara A Fonsagrada aos domingueiros despistados, que, tras pasar por riba da nosa ponte, dubidan da ruta a seguir e arriman o coche preguntando por onde se vai a Taramundi, sempre baixo a impertérrita vixiancia dos nosos fornos.
Un vecín.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.