domingo, 30 de mayo de 2010

Exiliados, vítimas do esquecemento

Arsenio Coto / El Progreso (Lugo)
Un exemplo dese ostracismo histórico é Jesús Vázquez Gayoso, especialista en dereito indiano que veu ao mundo en 1909 na Pontenova. Na súa época de universitario en Madrid participou activamente en política e cando estalou a guerra interveu como miliciano na fronte. O seu exilio pasou por Francia, Cuba e e Panamá, país no que foi decano da Facultade de Dereito durante dous anos, ata que a finais de 1944 asentouse en Venezuela.
MERECEN que se escriba algunha liña máis sobre eles na historia da Galicia do século XX. Non só non recibiron o recoñecemento debido, senón que na súa terra natal, distanciada por un océano e por unha fráxil memoria, practicamente son uns descoñecidos. O seu foi unha viaxe ao exilio sen retorno. Non só quedou no anonimato a persoa, como lle sucedeu a miles de represaliados, senón tamén a obra. Son intelectuais, profesionais liberais… que
formaron parte dese desterro obrigado por mor da defensa daquilo no que crían.
Un exemplo dese ostracismo histórico é Jesús Vázquez Gayoso, especialista en dereito indiano que veu ao mundo en 1909 na Pontenova. Na súa época de universitario en Madrid participou activamente en política e cando estalou a guerra interveu como miliciano na fronte. O seu exilio pasou por Francia, Cuba e e Panamá, país no que foi decano da Facultade de Dereito durante dous anos, ata que a finais de 1944 asentouse en Venezuela.
Nese país foi cónsul desde 1945, cando o executivo rompía relacións diplomáticas coa ditadura franquista e recoñecía ao goberno da República no exilio como o lexítimo de España, ata que as retomou case catro anos despois.
"Foi a táboa de salvación de centos de exiliados e inmigrantes irregulares españois. Grazas a el puideron ter residencia legal", destaca o escritor e investigador Xurxo Martínez Crespo. A fi nais da década dos 40 existían nese país latinoamericano campos de internamento para os inmigrantes que arribaban sen papeis, que despois eran deportados.
Vázquez Gayoso conseguiu visados para que centos de compatriotas puidesen quedar. O risco de repatriación era unha inquietante ameaza para eses represaliados que se xogaban a vida se tiñan que volver á terra da que fuxiran.
A repulsa do executivo venezolano á ditadura franquista e a presenza de Vázquez Gayoso exerceron unha especie de efecto chamada. Produciuse, segundo Martínez Campo, unha chegada "masiva de barcos con inmigrantes clandestinos", sobre todo vascos, galegos e canarios. "Pasaban un ou dous meses en alta mar", como asegura, para realizar 5.000 quilómetros de singradura.
Vázquez Gayoso promoveu ademais entre os centros españois en Caracas a creación dunha institución benéfica común que acollese aos exiliados e tivo unha prolífica actividade articulista nos principais xornais da época.
Deixou o país tras o golpe de estado a Rómulo Galegos. Trasladouse a México, onde foi ministro do goberno da República no exilio e onde faleceu en 1970.
Médico investigador
Outro represaliado lucense que tivo o seu protagonismo no exilio, pero do que non se fixo eco a súa terra, é o facultativo Ángel Díaz Vázquez, nacido en Ribadeo en 1912, que foi "o pai da investigación das enfermidades endémicas do Trópico" en Venezuela, segundo afirma Martínez Crespo.
Ángel Díaz licenciouse en 1936 na Universidade de Madrid. Exerceu como militar médico ao servizo da República durante a guerra civil. Cando esta concluíu exiliouse en Venezuela, onde coincidiu con Vázquez Gayoso.
Os seus primeiros pasos xa se encamiñaron cara á investigación. Atopouse con que a maioría dos médicos exercían nas urbes. O rural estaba desatendido. Ángel Díaz, que foi un dos fundadores da republicana Lar Galego, foi de destino en destino ao longo do país ata que en 1957 foi trasladado a Caracas, onde durante cinco anos foi coordinador do Instituto de Medicamento Tropical.
Díaz, que deu acomodo en Venezuela aos seus oito irmáns, que se quedaron en Ribadeo, realizou máis dunha trintena de traballos que foron publicados nese país suramericano e en Estados Unidos. Foi membro na prestixiosa Royal Society of Tropical Medicine and Hygiene de Londres. O congreso venezolano outorgoulle as ordes de Francisco de Miranda e de Andrés Bello. En 1985 faleceu aos 73 anos en Maracay.
Novelado
"Esqueces que esas pendejadas non as escribiches ti, que non sabes escribir o teu nome sen faltas gramaticales, senón o galego traidor de José Almoina, pagado por min. ¿Non sabes o que di a xente? Que as iniciais de Falsa Amizade, F e A, queren dicir: Foi Almoina".
Éste é un parágrafo da novela de Mario Vargas Llosa ‘La fiesta del chivo'. O ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo mantén unha conversación coa súa esposa. O aludido, José Almoina, é un lucense exiliado que chegou a ser secretario particular do déspota caribeño.
A figura de Almoina foi recuperada só en parte grazas a dúas recentes biografías, unha publicada alén do charco, obra do profesor e investigador da Universidade de Michoacán (México) Salvador Morais Pérez, e outra a este, escrita por Xurxo Martínez Crespo.
"Almoina é unha figura que prestigia Galicia e esta ten unha débeda con el", considera Salvador Morais.
O intelectual lucense, que a mediados dos anos 40 chegou a ocupar unha oficina no palacio presidencial de Trujillo, foi abatido a tiros por dous sicarios en maio de 1960 en México por encargo de John Abess García, a man sinistra do tirano.
A súa sentenza de morte foi combater coa pluma unha das ditaduras máis sanguentas de Latinoamérica, á que se atribúen máis de 30.000 asasinatos en tres décadas. O seu verdugo non lle perdoou que publicase a obra ‘Una satrapía en el Caribe'. De nada lle serviu que o fixese baixo o pseudónimo de Gregorio Bustamente.
Almoina naceu en 1903 na antiga rúa Castelar de Lugo, actualmente Rúa do Teatro. Licenciouse en filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela. Era políglota, falaba oito idiomas, masón e militante do PSOE. Fuxiu a Francia tras o golpe de estado de 1936. Manuel Azaña nomeouno vicecónsul en Toulouse.
Ao concluír a guerra civil española marchou á República Dominicana. Foi un dos poucos países que acolleron a refuxiados españois, uns 4.000 naquela época. Nese país foi primeiro titor do fillo maior do tirano, Ramfis, e despois o seu secretario particular durante dous anos, tras o que fuxiu a México.
O protagonismo de José Almoina viuse solapado por outra vítima de Trujillo, o destacado nacionalista vasco Jesús de Galíndez, co que coincidiu no exilio caribeño.
‘Nomes e Voces': Máis de 14.000 represaliados
Unha das contadas bases de datos de vítimas galegas da guerra civil á que se pode recorrer hoxe en día é a do proxecto de investigación ‘Nomes e Voces', que alberga 14.386 represaliados, tras o golpe de estado de xullo de 1936. Ésta é unha cifra orientativa. Está en permanente actualización. Recolle, sobre todo, os casos de ajusticiados e encarcerados en Galicia, aínda que tamén aparecen persoas sancionadas economicamente polas súas conviccións.Este grupo de investigación está dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto. As súas principais fontes de información son as causas militares e os rexistros civís de defunción.
Fóra de Galicia
Entre os represaliados que recolle a base de datos de Nomes ‘e Voces' figuran 114 mortos no estranxeiro, en campos de exterminio nazi, e outros 183 en prisións do resto de España, como na masiva fuga do forte de San Cristóbal (Navarra), na que unha cuarta parte dos 207 abatidos a tiros era de Galicia, entre eles catro lucenses.

VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.