lunes, 9 de julio de 2018

Entrevista en La Voz a Juan Francisco Valledor Puente (A Fonsagrada, 1951) pero criado en A Pontenova

.
Fuente: La Voz de Galicia


Sendo o maior de sete irmáns e como se lle daba ben o debuxo, seu pai quería que estudase arquitectura, pero Juan Francisco Valledor Puente (A Fonsagrada, 1951) tiña claro que a súa vocación era a medicina. «Sempre me gustou o trato coas persoas, e el sempre me respectou e me apoiou», resalta o médico, que acaba de xubilarse, e que o pasado xoves se despediu de pacientes, compañeiros e amigos do centro de saúde de Viveiro. 

-¿Como levou o último día?

 -Aínda que a decisión estaba tomada desde hai tempo, esta semana foi moi dura. A xente viña á consulta e dicíame: «¿Acórdase de cando atendeu a miña nai?»... Emociónaste porque son moitas vivencias, profesionais e persoais, durante moitos anos. 

-Nacido na Fonsagrada, pero criado na Pontenova, ¿como recalou en Ourol primeiro, e en Viveiro máis tarde? 

-A primeira infancia paseina na Pontenova, onde teño as miñas raíces, e o bachiller prepareino nunha academia da Fonsagrada e funme examinar a Lugo, onde estudei o último ano do Preu [antigo curso preuniversitario] e logo fun estudar a Santiago, onde me fixen médico no 1975. Cando pedín praza despois de vir da mili quedaban vacantes Ourol e zonas do interior. Como me gustaba máis A Mariña, vin para Ourol, e aos tres anos, cando quedou unha libre, vin para Viveiro, e seguín aquí toda a vida. Exercendo no centro de saúde e na consulta privada, que tiven ata hai dez ou doce anos máis ou menos.

-A medicina e a sociedade cambiaron moito, ¿como foron os inicios? 

-Cando empecei en Ourol había moi poucos medios e como era o médico do pueblo había que facer de todo, ata atender partos. O hospital estaba en Lugo porque non había o da Costa, e tiñas que solucionar os problemas como fora. Tiña que traballar 24 horas ao día porque era o único médico e facía máis de cen quilómetros ao día en domicilios. 

-¿Que tipo de doenzas atendía habitualmente? 

-Agora hai moitas doenzas derivadas do envellecemento da poboación, pero cando eu empecei unha persoa da miña idade era un vello e só tiña un enfermo de alzhéimer, que agora hai moitísimos. Daquela había moita industria da madeira e tiñas que atender moitos accidentes, moitos cortes de motoserras... E tamén había accidentes de tráfico importantes porque coincidiu coa montaxe de Aluminio [da fábrica], a carretera era como era, con curvas e curvas, e había moito persoal que pasaba por aí a fin de semana. Recordo un coche encima doutro nun accidente, e outro con catro feridos que viñeran celebrar a Viveiro o patrón, as ambulancias non chegaban, e pasei case toda a noite ata que se foron para Lugo. Era unha vida estresante en cousas, pero era así, e non había a presión asistencial que hai hoxe. 

-No 1978 concedéronlle o traslado a Viveiro... 

-En Viveiro xa había servizo de urxencias, e estabamos daquela seis médicos, que hoxe creo que hai trece. Cando empezou a transferencia de competencias mellorouse algo en canto a medios, pero de todas formas non era suficiente porque volvo dicir que cando foi a montaxe de Aluminio chegáballe ben. Despois pouco a pouco foi aumentando o persoal de enfermería. Cheguei a ter o cupo máis grande da provincia de Lugo, con 3.000 pacientes, pero tiven que deixar parte porque non podía máis. Agora andaba en 2.800 ou así.

-¿Xa pensou en que investirá o tempo cando se xubile? 

-Teño moitos hobbies. A pintura, a talla, a pesca, que tiña medio esquecida. E dedicarei tempo a ler algo máis. Sempre apoiei o deporte en todos lados, como médico, como colaborador e tamén como deportista. Ciclismo, balonmán, baloncesto, fútbol sala, formei un equipo de rugby... Menos os deportes de contacto, que nunca me gustaron. 

-¿Que consello médico dá para chegar á xubilación en boa forma? 

-Que se coiden, que teñan unha vida sana física e psiquicamente. E se teñen parella, que se respecten e se coiden. É a fórmula secreta para estar ben. «Cando empecei había moitos accidentes de tráfico e no monte, e as ambulancias deixaban moito que desexar»

«A primeira charla sobre o colesterol dina con Mar García, de quen teño un gran recordo»
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.