viernes, 18 de mayo de 2018

Os pontenoveses recollerán sinaturas para evitar a supresión do médico



Fuente: Xornal da Mariña

Os veciños da Pontenova recollerán sinaturas para opoñerse á supresión dunha praza de médico no seu centro de saúde. Desde comezos do pasado mes de abril, o centro sanitario conta con só dous facultativos, xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubriu o posto vacante tras a xubilación dun dos profesionais.
Os veciños acordaron esta primeira medida de protesta nunha reunión mantida o mércores na que denunciaron outros recortes como a falta dun conserxe que está a dificultar a xestión das citas. “Algunhas persoas maiores veñen ao centro médico só para pedir consulta porque non se entenden coa centralita de Santiago de Compostela”, comentaron varios dos asistentes á xuntanza, celebrada na casa da cultura.

O PAC DE MEIRA, CUN SÓ ATS

Os asistentes á reunión, convocada polo Concello da Pontenova, tamén manifestaron as súas queixas en relación coas limitacións de persoal do Punto de Atención Continuada (PAC) deMeira, que conta cun só ATS para atender as urxencias, curas e atencións a domicilio nas fins de semana.
Unha vez que perdemos a praza de médico, pareceunos lóxico convocar a os veciños para tomar algún tipo de medida. Trátase dun tema social, que vai máis aló da dialéctica política, por que nos afecta a todos. Hai que recortar no que hai que recortar, pero non en sanidade, e menos nunha poboación maior como é a do noso concello. Se con estas medidas non teñen ningún efecto, teremos que manifestarnos en Lugo, en Santiago, ou onde sexa necesario. Ás veces a sociedade é demasiado cómoda, pero neste caso non podemos deixar que o asunto pase sen máis”, comentou Darío Campos á saída da xuntanza.

O SERGAS DI QUE SE CUMPRE O RATIO

O rexedor convocou aos veciños tras unha reunión mantida co responsable provincial deAtención Primaria, que xustificou a supresión da praza ao abeiro do cumprimento da ratio dun facultativo por cada 1.400 habitantes.
Os asistentes á reunión acordaron tamén remitir un escrito de protesta á Consellería de Sanidade e a Xerencia de Atención Primaria, solicitando a presenza dalgún dos seus representantes na próxima xuntanza.
Os veciños volverán atoparse dentro dun mes para avaliar os resultados destas primeiras iniciativas e acordar novas mobilizacións no caso de non lograr ningunha resposta ás súas demandas.

Informa VANESA GÓMEZ LOURIDO.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.