jueves, 26 de abril de 2018

«Na Festa da Troita hai pescadores que estiveron vindo nas 40 edicións»

.
Fuente: La Voz de Galicia



«Está todo atado, máis ou menos controlado». O autor desta frase é Francisco Javier Rois Freijo, presidente do CIT de A Pontenova, en alusión á XL Festa da Troita que a localidade está a piques de celebrar. É un dos eventos multitudinarios a nivel local, con 40 anos ás súas costas

.-Como imos de ocupación?

-A xente que vén ocupa todo e algúns teñen que marchar a concellos limítrofes para durmir. En casas de turismo rural, hoteis... incluso para os convidados o ano pasado tivemos que coller algún piso particular. Está todo cheo, e dende hai tempo. 

-A Pontenova, capital da troita.

-Sen dúbida, tanto pola asistencia de pescadores como polos galardoados das Troitas de Ouro.

-E os visitantes! Cantos agardan? 

-O día grande, ao mellor che hai oito ou nove mil persoas. Este ano os restaurantes non darán servido as comidas, por iso vai vir unha pulpería e tamén vai haber postos de gastronomía no Mercado, aparte da degustación da troita. Os restaurantes teñen que reforzar persoal eses días.

-A Festa da Troita cumpre 40 anos. Xa sabe, os 40 son hoxe os novos 30. A festa está moza. 

-A Festa da Troita está medrando e aínda lle queda para medrar. Intentamos mellorar ano a ano

.-E de saúde, está mellor a festa que as troitas do Eo? 

-Está mellor de saúde a festa que a troita. A pesca ten outros problemas acuciantes. Un deles, o cambio do medio, ao cambiar o rural e irse abandonando toda a vida arredor do río. Onde antes había campos e terreos de cultivo e comida, agora hai silvas. Os pobos rurais, en xeneral, están quedando sós porque a xuventude marcha. Teremos que cambiar todos, a Administración, os pescadores... que en vez de levar as troitas para a casa teremos que soltalas.

-Fala dos novos... como respostan á afección á pesca fluvial? 

-As novas xeracións non van ao río se non se divirten. Se non pican troitas, pensan que para comer o bocadillo so, mellor comelo na casa. Agora, salvo excepcións, a xente que pesca é de máis de 40 anos. Na Festa da Troita hai pescadores que estiveron vindo nas 40 edicións.

-O día 30 van entregar as chamadas Troitas de Ouro. -É a máis alta distinción que pode conceder o CIT. É unha troita de ouro pequeniña para poñer na solapa. Recibirana Juan Delibes e Nacho Rojo polo programa Caza y pesca de Movistar Plus, o artesán de moscas Vicente Longo, o escritor Gay Roques que vai facer dous mil quilómetros para estar aquí, ida e volta, dende Francia, e os campións de España Raúl Ibo e Alí Pérez Trebolle. No concurso van participar dous campións do mundo, David Arcay e Vicente Aranda.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.