domingo, 15 de abril de 2018

Darío Campos: «Manolo non superou non ter sido presidente da Deputación»

Resultado de imagen de dario campos

Fuente: La Voz de Galicia

Darío Campos (A Pontenova, 1965) di que non vive os seus peores momentos na política, pero esta semana tivo que expulsar do seu goberno a Manuel Martínez, a quen integrou hai 14 meses. 

-O que mal empeza, mal acaba?

-Non ten por que ser así. Hai discrepancias e avatares que se repiten, pero estase a traballar ben. 

-Pódese gobernar con só 10 deputados de 25?

-Si, e un exemplo é que se aprobaron os orzamentos do 2016, 2017 e 2018 en minoría, e espero aprobar os do 2019 con todos os grupos. O que se debe é deixar gobernar, non poñer atrancos, porque non estamos representando nin a un partido nin a un mesmo, senón aos lucenses, e hai persoas que non están á altura. 

-Cando regresou Martínez vostede falou de marcador a cero. 

-Acollémolo como un compañeiro. Firmamos un acordo público, que el incumpriu. Pedíanos vicepresidencia e vías e obras e nós tamén o propuxemos para presidir Suplusa. El tiña que votar na liña que marcaba o PSOE. O que me sorprende é que hai 15 días díxonos que el xa non quería volver ao grupo. É posible que usase o asunto das residencias como escusa para que o botaramos. 

-Séntese decepcionado?

-Eu non perdín a confianza nel. Foi unha cuestión de choque. O que si houbo foi conchabeo co PP para votar en contra da RPT e das residencias. Manolo ten un problema que non superou, que é o de non ter sido presidente da Deputación. E ten unha enfermidade que se chama «besteirismo», e iso ten que ser de psicólogo porque non lle vexo outra solución. Besteiro (ex-secretario Xeral do PSdeG) desde hai anos non representa nada aquí, supoño que será un afiliado máis do PSOE, pero aquí non ten notoriedade, nin privilexio, nin está influíndo en nada. Quero deixalo súper claro.

-E como valora a postura de PP e BNG nesta crise? -Falta de responsabilidade. O modelo de xestión para as residencias é pioneiro en Europa, feitas con diñeiro lucense e que deben ser para os lucenses, pero temos atrancos do PP. A Xunta tiña que facer as residencias porque é competencia súa, pero se ao final non as fai, o que non é normal é que o impida. Falámolo con Feijoo, pero se non quere colaborar, que non poña atrancos. -A sociedade percibe unha Deputación esperpéntica... -Pode, pero tamén os veciños ven que a Deputación está a resolver a súas demandas. Que nos levemos ben ou mal? Nós sacamos os presupostos e cada vez máis rápido. Rajoy está en minoría e non os dá aprobado. Aquí estanse repartindo os cartos aos concellos con criterios obxectivos. Quen me coñece sabe que me gusta traballar, non os focos, e que son persoa de consenso.

-E se se dan as circunstancias, quere repetir como candidato? 

-Estou disposto ao que digan os compañeiros. Se teño que estar estarei, e se non, non pasa nada.

-E como valora unha candidatura independente con Martínez? 

-Parece que está xurdindo esa idea, pero quizais froito dun problema social, de individualismo, de non aceptar nin compartir decisións dos compañeiros, senón basearse nun modelo ditatorial e impositivo, como fai Martínez. 

-Pero haberá autocrítica. 

-Visto o visto claro que levariamos a situación doutra maneira, pero non me arrepinto de nada. Fíxeno coa mellor vontade, con ganas de integrar a Manolo e de que o partido funcionase. Eu son alcalde dun concello onde todos remamos do mesmo lado, pero, cando chegas á Deputación, atópaste con personaxes que buscan máis os méritos propios que os dos veciños. As cambadelas están á orde do día.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.