jueves, 28 de septiembre de 2017

O OUTONO E AS FEIRAS DA PONTENOVA por X.L.

Inline images 1

Rematado o verán e, ainda,  está, nun recanto da eira, a morea de caños e arrencende   a palla nova que desperta, ao riscar o día, o  múúú acompasado das vacas  que teñen gaña dela.
O Setembro  chega mainiño e vaise, arraposado, dacabalo da ventoeira co carrexa en cadaleito de follas amarelas. As froitas presumen das cores raxadas que abaneadas polo nordés caen maduras e invitan a comelas e os ourizos  fánse o harakiri para amosar a castaña de parede. Despertan do sono atericido os pallares húmedos  polas rosadas da noite que xa agardan  cos fendan en regos para ser preñados  de estercos que acollerán no seo as sementeiras  das nabeiras que, logo, florearán na primaveira.
Síntese a nova rula nos menceres do Outono e o guááá dos corvos enriba dos piñeiros, namentras co fume fuxe pola chimenea como fio de novelo  que estira e retorce   a man dereita da fiadora ao tempo que ripa ca esquerda da gavela de lá escarpullada como nube branca  na punta da roca.

-        Maruxiña¡, érgueste ou qué?
-        Ún minutiño, xa vou...estáse tan a gusto neste calorciño¡
-        Estarás muller, estarás...
-        Calorciño a estas horas...non sei que vou facer de mín.
-        Ramón, tí ainda non despertaches¡...calorciño da  cama.
-        Ah, xa dícia eu...na cama, claro, pois dereita non te vexo.
-        Fala baixo, que vas despertar os nenos e a nai.
-        Os nenos non entenden e a nai non oie un farrapo...
-        Entérase de todiño, si non oie, supón...que logo ben me pregunta.
-        Mira, agarda que che baixe a temperatura...eu vou muxir a Galana.
-        Vai home vai...para tí primeiro é a leite da Galana..Ai que homiño éste¡¡
-        Sempre ouvín ca Primaveira altera o sangue e que no Outono perde forza...pró, polo que vexo ainda deixa ún calorciño.
-        Meu marido... o amor hai que coidalo para que non morra.
-        A que ven agora falar do amor a estas horas e un día de traballo?
-        Que lle vou facer... levo dez anos ensinándote...é estás como o primeiro día¡¡
-        Ensinándome qué? ...ahh, levas máis tempo, dende que che valeo para velo.
-        Ja, ja, jaaa.
-        Anda, vai muxir ao remollo grande que parece que che da máis gosto...vai, vai.
-        Filla, de que remollo falas?
-        Durma nai que é moi cedo e está a mañán fria.
-        Durma, durma...levo durmindo dende as oito da noite...boeno, estou na cama.
-        Ande, descanse, que falta unha semán para as Feiras da Pontenova.
-        Só unha semán...voume erguer agora mesmiño, teño que ir á costureira.
-        Pró, vostede que dí, á costureira para qué?
-        Para que me faga unhas senaugas de raias, unha blusa e un apretador...zapatos teño.
-        Vostede soña, ainda ten a roupa do derradeiro ano...só a puxo para o enterro da tía Dominica.
-        Pro tí, sei que toleas...vou levar as Feiras a mesma roupa do enterro.
-        E logo que lle pasa?
-        Pasalle que cheira a cera e é moi escura...ou sei que estás para amolarme.
-        Mamá, mamá...eu tamén vou a festa...e eu tamén...hai randeas, barriga verde..
-        Maruxiña, seica co calorciño fuxiu da cama?...véxote lixeira de roupa.
-        Cala, Ramón, cala...foise o calor e as gañas de telo.
-        Boeno, muller, xa voltara...cando menos se pensa chega e hai que alivialo.
-        Xenro,qué tal o remollo?...non é algo cedo para amasar.
-        Señora Carmen...sogra como non hai ninguha...tamén falta fai, que me dí?
-        Que dentro dunhos días son as Feiras...e vou ir hoxe a costureira.
-        E logo, pensa botar nun mozo, ou...ja,ja,ja...está viuva e garda loito.
-        Porque a roupa que teño quédame floxa e xa non se leva.
-        Non oie un carallo...só o que non ten que ouvir...no sei que raio lle pasa.
-        Zapatos xa teño...pró, sempre se atopa ún con xente coñecida...
-        Ainda está de bo ver...se non fora a coxeira... levará o caxato novo?
-        Quedoume floxa a saia e o suxetador...non me senta ben a comida e perdo kilos.
-        Ahh, pois hai que coidar eso..sempremarcando cú e espeteira sostida.
-        Ramón, pró tí que esbardallas...a nai está vella e xa non regula ben.
-        Quén non regula nada e o meu reloxo de peto que dínlle un golpe ca rabela do arado.
-        E nada me dixeches...non te farías dano na barriga?
-        Un pouco máis abaixo...tiven que arroularme polo chan arado.
-        Ai, Deus béndito...e ainda che doe...e mexas ben?
-        Non te preocupes Maruxa, sigo presentando armas máis que quixera, tí coida o calorciño que non fuxa dese corpo xeitoso.
-        Sempre cas mesmas lerias...como si fora poreso.
-        Non, é por aquelo...ja,ja..si non coñecera eu o precal.
-        Fillos, voume  para costureira...teño duas horas de camiño.
-        Vaia amodiño, coidado ónde pousa os pés...si se lle fai tarde coma en Casa Catalina.
-        Papá, papá...vamos ir a Festa...as randeas, ao barriga verde.
-        Vades, nenos, vades...hoxe, primeiro a escola... e moito coidadiño con tirar pedras.


E chegou o día das Feiras de Outubro, en familia, percorreron o camiño polos montes do Tesouro e do Barreiro ata chegar ao campo da feira. Xente, gando grande e miudo, sementes, manteiga e ovos postos polas galiñas de fora. A señora Carmen andivo o camiño como moza de quince, Ramoncín e Lucia non pararon de darse empurrós e de falar das randeas, Maruxiña, ca cesta da merenda enriba da cabeza, ca espeteira aberta como comporta que deixa pasar a friaxe para refriar o calor  e, Ramón, ca egua polo ramal e coidando co poltro non esgonce unha perna e así  vendelo sen defectos ocultos e poder responder por él o tempo xusto.
Tamén hai cabezudos, ananos, moinantes e gaiteiros có son do tambor deleitan ca cantiga: “Maruxiña do forneiro, si coceras faime un bolo, si mo fas faimo de trigo que de millo non o como;  para que non digas que fún e non fún, que tal  que sei eu, eu aló non fún,  ella aquí non veu, nin eu llo pedín, nen ela mo deu”.

Despois de ben comidos e bebidos, das apertas a familia e coñecidos, fóronse as randeas e na barca montaron xunto cos outros ata enchela. Renxián as cadeas cando o vaivén os puña cara o chan e a volta na subida ollaban cos fornos se abaneaban e víñanse enriba deles, pecharon os ollos e berraron: aquí morremos¡¡ e na freada con cheiro a goma queimada, estribaron cos pés e aplaudiron, xa parou¡¡.vaia o demo con todo...eu non volvo...eu tampouco.

A orchestra “Los Chicos del Eo” comenzou co pasodoble “Te quiero”. Ramón e Maruxiña, axustaron os corpos e quedaron amartelados ata que reviraron cando cantou  “...mundo entero”; como amantes que son do baile, das Feiras da Pontenova e  da sua propia vida de apaixoados namorados.

Daquelas tamén había a queima nos fornos dos minerais arrincados da mina e polas chimeneas saia lume e fume mentras que nos ventres estoruraba a cantiga, de:
“Vaia festa tan rachada, que xeitiño de beilar, si me apretas danme gañas, de levarte para o pajar”.


Despois de celebrar as Feiras de Outubro, o viño para de ferver, os seráns acurtan o traxecto e o calorciño fuxe do xergón. Tócanos agardar ata o vindeiro ano.

DETIVERON O BAILE PARA A FOTO (A Pontenova, fai moitos anos)

Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.