domingo, 6 de noviembre de 2016

Os faragullos da Pontenova nun libro de recetas


Fuente: La Voz de Galicia

É unha apaixonada da cociña. Rocío Garrido Caramés estuvo en Ourense para presentar o libro «Mel nas filloas», unha escolma de receitas de doces de toda Galicia.

-Como foi o seu traballo de campo?
-A maioría das receitas sóubenas falando con persoas maiores, con xente que atopo cando vou de viaxe ou dou unha charla. Procuro que me conten o que comían de pequenos como doce. E outras lendo libros antigos e documentación nos que me atopaba con algúns que nin sequera coñecía, como a tortilla romana de Muros ou as faragullas da Pontenova. Son receitas que se quedan no esquecemento.


-Esta non é a súa primeira incursión na gastronomía.
-Este libro saíu hai cousa dun mes, a mediados de outubro, está case saíndo do forno. É o segundo. O primeiro foi «Cociñando coas razas autóctonas». A idea era dar a coñecer as que estiveron en perigo de extinción e agora están xa en fase de recuperación. O segundo vai dedicado aos doces tradicionais de Galicia. É un paseo polas diferente comarcas. Recupero receitas de doces que están case no esquecemento.
-Por que o nome?
-Filloas é o nome típico do doce en Galicia e «Mel nas filloas» é unha frase que se soe dicir cando algo sae ben, como colofón.
-É un libro de receitas tradicional?
-É un pequeno paseo polas vilas de Galicia, polos seus doces. E tamén algunhas receitas son da panadería familiar que tiñan meus avós. E as que se facían na miña casa. Como ofrezo moitos cursos de cociña, gusto de preguntar á xente maior por esas receitas que poden estar esquecidas, para que non se perdan. A pesar de que hai algunhas descoñecidas, hainas coñecidas, como pode ser a Tarta de Santiago ou a de Mondoñedo. Pero curiosamente A Tarta de Santiago é unha das receitas que moi pouca xente sabe facer.
-Haberá algunha de Ourense?
-Si, hai moitas. As cañas de O Carballiño, as bicas de Trives, Laza e Castro Caldelas... Hai varias.
-Cada vez hai menos xente que faga doces tradicionais, que siga estas receitas?
-Hai algunhas. É curioso, por exemplo, que a xente maior diga que por que fago doce de pan. Porque daquela era de pobres. E son receitas que non as coñecemos pero que están moi boas. É unha pena que se perdan.
-Como xurdiu a idea de plasmar isto un libro?
-Estando no Fórum Gastronómico de A Coruña co editor Francisco Castro, de Galaxia. El estaba presentando un libro sobre comer con algas e comenteille esta idea. Eu xa tiña algunhas receitas recuperadas e os meus seguidores xa me pedían un novo libro.
-Parte do seu traballo pódese ver no seu blog en Internet.
-Abrín un blog no 2010 como unha fiestra de escape porque quedei coidando ao meu avó. Agora teño máis de seis mil seguidores.
-Entón, o feito de ter que coidar ao seu avó, abriulle outra oportunidade.
-Eu era informática, dedicábame ao comercio exterior, aínda que na miña familia había negocios de restauración. Cando me quedei a coidalo, aproveitei a cociña como unha forma de facer algo e non quedar atrapada pola crise.


Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.