martes, 9 de agosto de 2016

Entrevista a Ernesto González López

Ernesto González López - A Pontenova - 1953

Entrevista realizada por Santiago Coladas.

Hoxe entrevistamos en pontenova.es a Ernesto González López (Ernesto de Macón). Destacar que esta entrevista foi posible gracias á axuda de José Veiga Pérez (Pepe da Caixa) quen nos puxo en contacto co entrevistado e a quen lle damos as gracias pola súa colaboración.


Pontenova.es: ¿Cómo se chamaba a casa donde naciche e quen eran teus pais?


Nacín na Pontenova, na casa de Macón no ano 1953. Meu pai era Dositeo de Macón e miña nai  Amalia de Sequeiro, que despois de casarse era coñecida por Amalia de Macón. Meu pai veu do Santoestevo e miña nai de Goios.
Nacín na casa do Álvaro no primeiro piso, no baixo estaba a tenda de Moirón e da Señora Albina. Nacín nesa casa co apoio dun médico chamado D. Gervasio que non cheguei a coñecer. Naquela época os da Pontenova nacíamos na casa,  e supoño que os que non eran da Pontenova tamén .
Naquela casa non había auga corrente  nin cuarto de baño, pero iso resolvíao a miña nai carretando caldeiros de auga do río, e lavando tamén no río, a roupa e todos os enseres que se facía  preciso por non ter auga na casa. Penso que non é fácil imaxinarse  hoxe o gran sacrificio que facían  aquelas mulleres.
Naqueles anos miña nai, para apoiar  a economía da familia, tiña un pequeno negocio de alta tecnoloxía da época que consistía en reparar medias de mulleres con unha maquiniña que compraran ela e meu pai na Coruña cando foron de lúa  de mel a aquela cidade. Non tiña moitos clientes pero eu recordo algunhas mulleres que viñan pola casa a reparar as medias. Traballaba tamén una pequena  leira onde plantaba moitas cousas e tamén criaba un ou dous porcos, que se mataban no inverno cunha verdadeira festa gastronómica.
Meu pai  tiña un taller mecánico e eléctrico, en sociedade con Lolo de Angelina, nun edificio moi  vello, que estaba situado entre a casa de Marina de Federico e a de Mercedes de Trevín onde hoxe hai unha tenda chamada Da Ponte. Aquel edificio estaba dividido en dous;  nunha  metade era o garaxe do Rápido e na outra metade era o taller de meu pai e de Lolo. Non sei como  habería un taller en tan pouco local, a única explicación, é que traballaban fora, aínda que chovera, como se fixo durante moito tempo.

Pontenova.es: ¿Das escolas que había por aquela época na Pontenova a cal delas fuche?.

Comencei na escola de párvulos da feira con Dª Ofelia, no primeiro piso do que máis tarde foi o taller de Castro, logo, nos trasladamos as novas escolas que xa non existen, estreámolas  nós.  Eran catro edificios independentes, situados onde hoxe está o polideportivo. O máis pequeno  era o de párvulos, a mestra era Dª Ofelia, a escola era mixta,  pero había outras tres escolas cada unha co seu edificio:
A escola de D Segis, que era de nenos, a escola de D Marcelino que era de nenos un pouco máis grandes e a escola de Dª María que era de nenas.
Non é fácil entender como había dúas  escolas de nenos e unha de nenas, pero creo que ten que ver con que as nenas non se pensaba que era tan importante mandalas a escola como os nenos. Sin embargo me parece que todas as nenas da Ponte ían a escola.
O que máis recordo, é que naquelas  escolas non había calefacción, e como consecuencia pasábamos moito frío de inverno, chegando a ter sabañós nas mans e nas orellas. Naqueles  novos edificios pasei pronto para a escola de D Segis e alí estiven ata que fixen o ingreso. O ingreso era un exame que se facía no instituto de Lugo a os 10 anos e si o aprobabas dábache dereito a matricularte para estudiar o bachiller. Eu o aprobei por moi pouco e creo que para nós era algo así como é hoxe unha oposición difícil.
Daqueles anos da escola na Pontenova, recordo con gratitude, a Dª Ofelia.
Tamén recordo algúns compañeiros como Juan José de Eustaquio, Luís Miranda, Pepe de Xusta, Manolo de Arango, Charo de Federico (que hoxe é a miña muller).
Os 11 anos fun a estudiar a Lugo no “colexio  menor”, que era un colexio interno cheiño de rapaces da Pontenova, eramos tantos que ía un microbús do Chino a buscarnos a Lugo cando viñamos de vacacións. Do colexio  teño moi bos recordos, e tamén dos compañeiros, e dos educadores, alí fun moi feliz aqueles anos.

Pontenova.es: ¿Qué recordos tes mais frescos da tua infancia e xuventude na Pontenova?

Naquela época cando non estabamos na escola ou facendo os deberes xogabamos por fora con outros nenos veciños, íamos a bañarnos a Veiga d’alta ou o pozo de San Briz.
Algunha vez íamos de merenda, toda a familia, cerca do pozo de San Briz e o pasabamos ben, xa que non estabamos solos, ían outras familias. Logo  xuntabase un grupo numeroso de rapaces e rapazas.
Polo ano 67, meu pai  xa tiña coche e comenzamos a ir a praia os domingos de xullo e tamén era una extensión da Pontenova por que as dúas ou tres praias que visitabamos  eran frecuentadas habitualmente por xente coñecida da Pontenova.
Eu de rapaz pasaba algún tempo no taller de meu pai , alí había xente nova, aínda que algo máis vellos ca min, pero rapaces novos, algunhos aprendendo a profesión de mecánico e outros xa con alguns  coñecementos. Eu pasábao ben con aqueles traballadores porque eran divertidos, e tamén gustábame aprender con eles mecánica e cousas da vida.
Recordo como anécdota curiosa cando aqueles traballadores xogaban o fútbol na carretera mentras esperaban a hora de entrar a traballar, por suposto cando viña un coche paraban e afastábanse para que pasara, pero non viñan moitos.
O contacto co taller de meu pai, foi bon para min, porque me gustaba e me ensinou moito do que máis tarde sería a miña profesión, a mecánica e a xestion  de equipos de persoas. Pero o máis importante foi o que aprendín con meu pai, él era un gran profesional, me esinou cousas da profesión e da vida, sempre foi a miña referencia.
Recordome cando se fundou a fábrica de carrocetas, que foi un evento moi importante na miña familia. Meu pai foi socio fundador co seu socio Jaime Otero; Jaime se foi a traballar a fábrica, e meu pai  quedou no taller,  que se reduciu a menos da metade dos operarios porque a maioría se foron a fábrica. En esa época estábamos os tres irmáns estudiando en Lugo e non era fácil para meus pais  xuntar diñeiro para todo iso .
De todas as maneiras o mellor recordo da miña xuventude na Pontenova é a relación con a que dende fai 38 anos é a miña esposa Charo, que é filla de Pepe de Federico.
Recordo a discoteca Xolda que influíu  bastante no ocio da nosa xuventude. Os sábados e domingos había bastante ambiente e viña xente de lonxe como de Taramundi, A Veiga, Ribadeo, Meira, etc. Había xente en todo o pobo  e nos bares, ainda era costume sair  os
domingos, hoxe se vai perdendo supoño que por traballo ou estudios.
Recordo que íamos  a moitas festas na época do vrau, a menudo eu ía con Charo, Pepe Veiga  e Carlos Gabino. Claro que nesas festas había moita xente da Ponte.

Pontenova.es: ¿Cantos anos tiñas cando márchache definitivamente da Pontenova e cales foron os motivos?

Eu nunca marchei definitivamente da Pontenova pero a partir dos 11 anos o período  máis longo que pasei na Ponte, foi un ano, unha soa  vez. Ese ano traballei na fábrica de carrocetas, a modo de prácticas, onde  tiven a oportunidade de aprender moito.
No ano 77 cando tiña 24 anos fun a vivir a Narón, perto de Ferrol, por motivos laborais e aínda vivimos alí.

Pontenova.es: ¿En que cidades residiche durante todos este anos e en cal estás asentado na actualidade?

Comencei por vivir en Lugo de estudiante de Bachiller e de alí fun para Gijón para estudiar enxeñería técnica industrial onde me encontrei con Carlos Traviesas estudiando o mesmo. Cando terminei o servicio militar funme  a vivir e traballar a Ribadeo por un corto período de tempo, e de alí me vin a Narón onde  levo 39 anos. Dende o ano 1995 vivo en permanente viaxe, de maneira que de luns a venres estou en Lisboa, que e donde traballo.

Pontenova.es: ¿A que te dedicas profesionalmente?

Son técnico mecánico como non podía ser doutra maneira por tradición familiar. Sempre estiven relacionado coa técnica mecánica e a inxenería. Actualmente traballo como director de fábrica nunha empresa siderúrxica  chamada Siderurxia Nacional de Seixal resultante da privatización da Siderurxia Nacional de Portugal no ano 1995, e a adjudicación a unha empresa galega radicada en Narón chamada Megasa, que é onde eu traballaba, e de alí me enviaron a Oporto e máis tarde a Lisboa.

Pontenova.es: ¿Sigues vindo algo po la pontenova?, ¿cando ves en que sueles pasar o tempo?

Sempre visitei A Pontenova a menudo e sigo indo tanto ou máis que nunca aínda  que é
complicado estar o venres en Lisboa e o sábado na Pontenova para voltar o luns a Lisboa. Afortunadamente teño o apoio da miña muller e das miñas fillas para ir a Pontenova, por iso vou o fin de semana cada dúas ou tres semanas.
Cando vou a Pontenova vivo na casa onde  naceu miña nai, e que me deixou en herencia. Paso algún tempo cuidando na casa e a leira que ten o lado.
Paso tamén moito tempo ca familia e cos netos en Goios e na Pontenova. Estar na Pontenova para min é un placer, hay moitos amigos e boa xente por todas partes.

Pontenova.es: ¿Segues a actualidade do concello habitualmente?, ¿Coñecias a nosa página Web?

Claro que estou ó tanto do que publica Pontenova.es e aproveito para felicitar ós que a fan desinteresadamente dende fai tanto tempo. Para a xente que estamos fora é de gran axuda esta publicación.

Pontenova.es: ¿Podesnos contar algúnha anécdota que che sucedese relacionada ca pontenova?


O máis bonito que me pasou, relacionado ca Pontenova, foi xuntarme e casarme con Charo, que me enche de inmensa felicidade, e que tamén é una amante da Pontenova como eu.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.