lunes, 31 de agosto de 2015

Veciños de Conforto entregan 742 euros de donativos para loitar contra o cancro

A asociación de veciños da parroquia de Conforto, na Pontenova, entregou 742,14 euros á delegación de Lugo da Asociación Española de Loita contra o Cancro. Esta cantidade de diñeiro correspóndese coas doazóns non empregadas na defensa do patrimonio da parroquia e dos veciños acusados polos responsables parroquiais de Riotorto e de Conforto.
Esta medida de destinar o diñeiro aforrado a algunha entidade benéfica xa fora decidida en asemblea polos veciños tempo atrás. A asociación veciñal aproveitou tamén para
agradecer a todos os doantes, fregueses e devotos de Conforto, polo seu apoio na defensa do patrimonio histórico e cultural e da solidariedade mostrada cos veciños acusados.
Nun comunicado de prensa a organización no quixo entrar a facer valoracións das actitudes e feitos acontecidos, aínda que si quixeron mostrar a súa satisfacción con ter «cumprido coa nosa obriga cidadá de poñer en coñecemento dos estamentos eclesiásticos, xudiciais, gobernamentais e administrativos correspondentes os danos ocasionados ao patrimonio de séculos que viñemos herdando dos nosos antepasados».
Para finalizar, desde o colectivo fan un chamamento aos responsables xudiciais e administrativos competentes «para que os feitos denunciados teñan o castigo que legalmente lles corresponde», asi como poñer «un pouco de cordura no tratamento que desde algunhas institucións se lle está a dar ao patrimonio».
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.