miércoles, 27 de mayo de 2015

Entrevistas con morriña: Socorro García Conde

(Socorro García Conde)

Entrevista realizada por Santiago Coladas

Seguimos incrementando a nómina de veciños entrevistados nesta sección. Hoxe é o turno de Socorro García Conde (A Pontenova, 1.968).


Pontenova.es: ¿Como se chamaba a casa onde naciche e quen eran/son teus pais?

Son de García, o reloxeiro. Meu pai era Manuel, ou Manolo como lle chamaban case todos os que non o coñecían por García. Nacera no veciño concello de Trabada aínda que veu para a Ponte moi novo. Miña nai é Encarna Conde, da casa do Pacio de Vilaeimil.
Eu xa son da xeración que comezou a nacer en Lugo, nun hospital, o que lle quitou
orixinalidade a nacer pero deulle moita seguridade. Son, xa que logo, da mesma Pontenova, desa rúa que aínda conserva o nome que en todas partes foi xa retirado: a do Xeneralísimo (a ver cando lle toca).


Pontenova.es:¿Cantos anos tiñas cando márchache definitivamente da Pontenova e cales foron os motivos?

Fun marchando aos poucos. Coma moitas e moitos, empezamos a marchar para o bacharelato, no meu caso aos 14 anos, e fomos asentándonos fóra, primeiro para estudar e despois para traballar e xa vivir definitivamente.

No curso 82-83, xusto o ano que eu comecei a estudar o BUP, abriu, con algo de retraso para ese curso e con moito para moitas xeracións de xente da zona, un instituto en Meira que colaborou algo a que non houbese que emigrar tan axiña. O da Ponte aínda tardaría ata cando xa as fornadas de nenos e nenas era moito máis pequenas...

Ademais, hai anos meus pais foron vivir a Foz, onde abriran unha tenda anteriormente, e iso condicionou ir cada vez menos nas fins de semana ou nas vacacións.

Pouco a pouco, cando vives fóra, vaise facendo máis difícil botar tempo na Ponte aínda que, como dicía un coñecido veciño noso, “cando pasas o Marco de Álvare parece que se respira mellor”.
(Socorro cos compañeiros na Escola de San Briz)

Pontenova.es: ¿En que cidades residiche durante todos estes anos e en cal estás asentada na actualidade?

En poucas. Primeiro fun estudar á Coruña. Alí fixen o bacharelato e os dous primeiros anos de Filoloxía. Despois migrei a Santiago para poder escoller a especialidade en lingua galega e aquí me quedei. Comecei a traballar no Concello no ano 92 e sigo no mesmo lugar. En Compostela naceron os meus fillos e levo máis anos ca en ningún lado, aquí está a miña casa, sen dúbida, pero sigo dicindo que son da Pontenova.

Pontenova.es: ¿A que te dedicas profesionalmente?

Son técnica de normalización lingüística, un traballo algo raro e escaso que ten como obxectivo a recuperación de espazos para o galego, neste caso desde un concello e dirixido a calquera ámbito da vida municipal (a administración con todos os servizos que inclúe ou os sectores sociais como a infancia, a mocidade, as escolas e as actividades culturais ou de lecer, as empresas, as asociacións...).

É un traballo que me gusta porque ten facetas diferentes, aínda que esixe moita persistencia porque loita a contra a corrente que con forza impón o español. Desde o meu posto teño relación coa maioría dos departamentos do Concello –traballamos unhas 500 persoas, ademais dos servizos que prestan empresas concesionarias- e tamén con sectores externos do ámbito da cultura, o ensino, as asociacións, as empresas, etc. Iso significa que o servizo de normalización é pouco máis que unha area no mar pero faise o que se pode.

Pontenova.es: ¿Que recordos tes máis frescos da túa infancia e xuventude na Pontenova?

Moitísimos. Creo que todos e todas lembramos sempre esa etapa da nosa vida con moito máis viveza ca outras porque é cando todo é novo e sorprendente.

Acórdome da escola, de todos os mestre e mestras que tiven, aos que non son capaz de lembrar sen o don ou o dona, e tamén dos cambios que se foron producindo. Coma moitas xeracións da Ponte, aprendín a ler a escribir con dona Ofelia, na escola de San Briz, antes da creación do grupo escolar. Alí había outras tres escolas: de dona María,  que era de nenas, e as de don Primitivo e don Segis, que eran dos maiores, creo que só de nenos. Daquela, os pequenos entrabamos ás 11 e iamos andando, coma pitiños, guiados pola mestra que nos ía recollendo ao pasar. Unha mestra capaz de aturar uns trinta nenos e nenas entre os 3 e os 6 anos, todos xuntos, de aprendernos as letras, as contas, mesmo o catecismo, e de manternos quietos naquelas mesas cadradas aínda de madeira, sen practicamente ningún recurso pedagóxico de apoio. Aquel modelo escolar rematou ao acabarmos nós “parvulitos”. Xusto cando os da miña quinta pasamos para primeiro agrupáronse todas as escolas do concello e estreamos novo sistema de ensino, a EXG, con modelos pedagóxicos novos, moitos libros de texto.... Cando iamos en terceiro, con  dona Inés de Rigueiro, estreamos edificio. Aquilo parecía enorme e, visto desde a actualidade, era realmente un gran centro e moi dotado.

Acórdome tamén moito do río. De bañarnos en San Briz os domingos cando eramos pequenos e moitas familias, sen coches por suposto, nos xuntabamos de merenda no areal e viña Prudencio cos xeados. Alí me ensinou Amalita de Macón da dar pinchecarneiros. Acórdome, xa un pouco máis grande, do Pozo da Ola e das moitas horas que alí botamos, ou de irmos a Valiñalba na bici.

Acórdome da biblioteca, no baixo da Casa do Concello, á que me levaban, antes de saber ler xa, Fina de Manolín e Maruxa de Xigueiro. Despois de ir centos de veces buscar libros. Case lembro por que zona estaban colocadas as coleccións que máis me gustaban.

Tamén teño na memoria moitas tendas e locais que xa forman parte da historia e que ás veces van saíndo en imaxes ou no que se conta na vosa páxina. Tiñan unha personalidade propia que se perdeu con elas e coas persoas que lles daban vida: a tenda de Marcos ou a de Moirón, onde ía buscar unha barra de pan e unha libra de chocolate Carmiña para merendar; o Caldeireiro, onde recolliamos o correo e se vendía de todo; tamén na feira, a panadería de Suso de Capellán, que faía unhas tortas de mazá que sabían a gloria; o Gasolín, cando aínda era café e tiña aquel mostrador tan alto detrás do que só alcanzaba a ver un espello na parede onde estaba pintado aquel “embozado” que anunciaba un viño; o café de Miguel e o cine, con Isabel vendendo as entradas, no que vin moitas películas de Cantinflas; o bar da Plazuela e os seus costelos; o de Perón, de chegaron primeiro os iogures; ou o de Vicente da Barcia, que xa só recordo aberto os domingos de feira; a taberna do Maragato, onde iamos por viño a granel; o Puente, que vendía pasteis; o ultramarinos da Pita, do que lembro o olor mesturado de todos aqueles produtos en bolsas de papel que sacaba Choncha das alacenas de madeira; a ferretería de Cabodevila, cunha fascinante variedade de cacharros; os fíos e teas da casa de Gabriel; as farmacias de Conchita ou de Aparín... Podería seguir porque son como fotos que quedaron gravadas.

Acórdome de moita xente que eu vía e escoitaba no taller de meu pai ou desde detrás do mostrador da tenda, de pequena subida nun tallo. Era como unha ventá a unha galería de personaxes e ensinanzas que van reaparecendo durante toda a vida. Os primeiros que me veñen á cabeza son persoas das que gardo especial cariño: Chicha de Agustín, Arsenio de Marcos ou Luís de Coladas, pero hai infinitas caras. Moito se aprende nunha tenda!

E tamén moito se xoga! A tenda era un espazo no que xogabamos a diario, sobre todo no inverno. Daquela, polo noso barrio había moitos nenos e nenas e ás veces as tendas eran lugar de encontro. Do espazo para xogar formaba parte a longa e ancha beirarrúa, o Muín, o garaxe de Veiga –onde os maiores nos cobraban entrada para ver os espectáculos que preparaban-, os talleres, as tendas, os portais...  Agora só se xoga en espazos controlados, específicos e moi seguros pero nós andabamos máis ao noso aire e en canto podiamos explorabamos máis lonxe: a feira, a mina, a vía, a estrada cara a Santa Apolonia... Son da xeración que comezou a incorporar a televisión –acórdome cando chegou á nosa casa- pero que non a cambiaba por estar fóra e mellor con bicicleta.

Acórdome tamén do Entroiro, xa  máis grandes. Das moitas veces que nos disfrazamos e do ben que o pasabamos preparando todo e recuperando xoias que quedaran polos faiados e que nos prestaban. Ou despois, na Xolda, con todos aqueles espectáculos que se armaban.

A Xolda, as festas..., aquela vez -que sempre nos rimos cando o contamos- cando viñeran Sergio e Estíbaliz e non se cabía. Os cabezudos, que daban medo e risa, as veces que houbo circo ou cando viñan aqueles magos -un deles o despois famoso Mago Antón- dar os seus espectáculos no café de Miguel ou no cine.

Acórdome de pasalo moi ben e de todos os amigos e amigas, que aínda o son agora.
(Socorro na escola)

Pontenova.es: ¿Segues a actualidade do concello habitualmente? ¿Coñecías a nosa páxina web? ¿Que che parece?

Sígoa o que podo, pola vosa web e as redes sociais. Tamén cando veño ou atopo xente veciña por Santiago e a través de miña nai que está máis cerca.

A web parécenme unha estupenda maneira de manter vínculos e mesmo de re-coñecer xente que xa case esqueceras, de crear máis apego ás nosas orixes.

E paréceme de agradecer o moito que traballades polo que vos pagamos!

Pontenova.es: Como seguro sabes, a última pregunta sempre é a mesma para todos os entrevistados. ¿Poderíasnos contar algunha anécdota que che ocorrese que teña algo que ver ca Pontenova?

Non son moi boa para as anécdotas. Non teño moi desenvolto ese humor tan “da Pontenova” que ten dado historias estupendas. E, á parte de sabelas narrar, fai falta algo de distancia ou tempo respecto a elas para que collan sentido ou se poidan contar.

A respecto da xente da Ponte, creo que comparto esa sensación de “tribo” que esperta cada vez que sabes de alguén de aí que anda polo mundo. Cada vez que atopas veciños ou veciñas noutros contextos –aquí en Santiago aínda hai bastante xente- ou que te sorprende unha relación coa nosa orixe en alguén que coñecías por outra causa. Debe pasar con outros lugares, supoño que non en todos, pero coa Pontenvova creo que todos e todas mantemos unha relación de cariño e morriña que nos dura toda a vida.


Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.