lunes, 24 de noviembre de 2014

Crónica da III Carreira de Montaña da Pontenova (23/11/2014)


Baixo unhas condicións intempestivas discorreu a 3ª carreira de montaña da Pontenova, tanto pola chuvia caída durante a proba como pola acumulada durante todo o día anterior e a noite, que fixo da mera participación unha xesta. As e os atletas chegaban a liña de meta totalmente enlamados pero felices! Sorprendente o volume de participación, pois tomaron saída 108 dos 126 inscritos. Vitoria aplastante do atleta Borja Varela Paz, cun tempo de 1:34:09 para os 21 km pasados por auga, con máis de 2 minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Orgullo pontenovés polo lado feminino, pois gañou a atleta local Ana González Margaride, cun tempo de 1:47:54. Destacar, un ano máis, a participación do corredor do Barco de Valdeorras Manolo García Alfonso, que con 74 anos finalizou a proba cun tempo de 2:24. Finalizaron a xesta os pontenoveses Constatin Dragomir, Ramón Fernández (Requeno de Xudán), Javier Rico Díaz “Santalla”, Oscar López Lastra, e un meritorio José Miranda.

A Sociedade Deportiva Albións quere agradecer o apoio recibido para a organización do eventopor parte do Concello da Pontenova e o seu persoal, pola Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, e polas decenas de persoas voluntarias, pois sen elas e a súa entrega seríaimposible que a carreira, ano tras ano, saia tan ben e mellore. Na entrega de premios contouse coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, o mariñán Antonio Veiga, e co alcalde da Pontenova Darío Campos e a concelleira de Cultura. Ademais da entrega de trofeos aos primeiros clasificados e clasificadas, como cada anofíxose entrega da “Navalla artesana”, elaborada polo corredor local Jose María Rodil Arruñada, ao tamén pontenovés de Rececende Felipe Barata Villapol. Felipe é coñecido a nivel galego por levar moitos anos nas carreiras e na promoción do atletismo popular e escolar. Ten moi merecido este recoñecemento. A pesar das dificultades climatolóxicas deste ano, consolídase a carreira de montaña da Pontenova e o seu percorrido, e xa pensamos na edición do ano que vén! Moitas grazas ás corredoras e corredores pola súa participación! 
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.