sábado, 1 de junio de 2013

Un camiño aberto a ferro e dinamita

Casimiro non lembra a última vez que atravesou un túnel. Debeu de ser nesa nenez que agora se volveu vella, porque a viviu nos anos 40; pero non menos esperanzada. Este veciño da Pontenova sabe que montou no tren mineiro, o transporte que trasladaba o mineral local a Rotterdam, Androssan, Swansea y, en menor cantidade, a Baiona, Newport e Middlesborough. A carga desprazábase en barco, pero -como o río Eo non é navegable- recorríase a un tren que levaba a mercaduría ata o, daquela, porto internacional de Ribadeo, encarrilado sobre 34 quilómetros de vía.

A operación comezou canda abría o século XX. A Sociedad Minera de Villaodrid ergueu uns fornos na Pontenova, tendeu un cargadeiro sobre a ría de Ribadeo para deixar caer o ferro sobre as bodegas dos mercantes. No medio, cruzando en liña razoablemente recta os municipios de San Tirso de Abres e Trabada, deitaron unha vía ferroviaria que se mantivo en activo ata 1964.

Dende os primeiros tempos, en 1905, habilitouse un servizo para uso de pasaxeiros e Casimiro conserva a memoria, que non dá concretado, de ter acudido «ás festas do 8», as celebracións da patrona de Ribadeo, que ten lugar o día 8 de setembro.

Agora percorre todos os días os primeiros cinco quilómetros longos da Ruta do Ferrocarril, un tramo asfaltado que parte dos fornos da Pontenova e avanza sobre o itinerario que ocupou o tren mineiro. «Nunca cheguei ao túnel», recoñece en referencia ao túnel da Asela, o primeiro tramo cuberto de roteiro que atopa.

A Balastreira, que era como se coñecía á máquina que tiraba polos vagóns de pasaxeiros e polas vagonetas de mineral, daba a volta na estación de Ribadeo, da que agora quedan en pé as paredes e as fotografías en branco e negro. Do mesmo xeito, Casimiro fai a súa manobra de viraxe segundo chega ao primeiro dos ‘casetos’, «no apeadeiro do Cairo», coma se fose entrar no ámbito exótico do antigo Exipto.


Casetos

Os casetos son casoupas duns catro metros cadrados que se erixiron en pizarra, teitáronse en madeira e lousáronse con piso de terra; atópanse a cada certa distancia no camiño. Ao seren edificadas polos veciños, hai carteis que suliñan o seu valor etnográfico. A súa función era ter conta do carbón que A Balastrera consumía como combustible, así como das bicicletas, e mesmo das elitistas motocicletas que os viaxeiros deixaban aparcadas no seu desprazamento á vila costeira, onde o cheiro pesado a carbón víase desprazado no aire polo recendo salgado do salitre. Pouco tempo máis tarde, chegaba a felicidade de deterse suavemente na estación, estricar as pernas e liberar os apoios traseiros do traqueteo e da dureza inmisericorde do asento. A seguir, coma acto de dignidade, sacudíase a roupa de estrea da levísima capa de borralla que o veara.

Curiosidade


«Non faltarei ao meu paseo por esta ruta máis de dous ou tres días ao mes», asevera Casimiro, o camiñante que «nunca» se deixou vencer pola súa curiosidade de revisitar ese cilindro que describe unha curva prolongada de 173 metros. Para un meniño, atravesar aquela escuridade fonda atordado polo abaneo brusco e axordecedor dos vagóns debía de ser como montar no tren da bruxa.Hoxe en día, este túnel e os outros cinco do sendeiro, ven aliviado o seu aire tétrico grazas a unha cadea de lámpadas brancas que vai alumeando os pasos pola terra e a lama, entre as paredes de pedra ou de rocha viva, baixo un teito que pinga a auga filtrada pautadamente.

A lanterna non se bota de máis cando se trata de deleitarse coas manchas de ferro embarrado que esvara con lentitude secular sobre as estalactitas, que son tan breves como a angustia que provoca o espazo pechado.

A boca luminosa agárdanos con agarimo, pedíndonos simplemente que vaiamos colocando con confianza un pé diante do outro para atravesar o arco de luz que nos devolverá á paisaxe de ameneiros, dedaleiras, garduñas salvaxes e paporroibos inocentes. Un vieiro que ten o río Eo sempre á beira esquerda.

A ruta atravesa outros túneles, aínda máis longos, aínda máis escuramente emocionantes -como o de Piagolongo-, para quen entusiasme coa incertidume das penumbras e cos caprichosos xogos de cores negras e ocres cos que van tinxindo as paredes tanto as décadas como as escorreduras de auga.

O río segue estando ao carón, facendo soar as súas aguas lizgairas para tranquilizar o paseante. O curso fluvial tamén fai parada nunha presa, que se civilizou ata o nivel de construír unha escada de salmóns, unha estrutura que permite a estes peixes remontar o caneiro sen maiores esforzos.O caudal tamén se intentou aproveitar cunha estación eléctrica que Pedro García habilitou en 1932 para subministrar enerxía a unha fábrica de cristais ópticos que pretendía armar en San Tirso de Abres. Do proxecto restan a intención e unha nave na que aínda se conserva, nun estado decente, a maquinaria.

A Ruta do Ferrocarril sabe de proxectos porque tamén protagonizou en 2011 unha asentada iniciativa para ser prolongada dende Vegadeo ata Ribadeo, completando os 34 quilómetros que lembrarían con integridade o itinerario que cubría A Balastrera.

A proposta foi vencida pola crise, coma o tren foi vencido polos autobuses De Dion Boutón, de Trevín, e O Gasolín da Pontenova, e máis polos camións do Carrán, de Riotorto.

A única ‘vía verde’ galega das 72 que hai en España


O Ministerio de Administraciones Públicas, en colaboración con Renfe, decidiu en 1993 poñer en marcha o proxecto Vías Verdes. Consistía en mudar os itinerarios ferroviarios que estaban abandoados ou a medio faceren en rutas para camiñar ou montar en bicicleta, aproveitando as que eran de acceso fácil e estaban afastadas do tráfico rodado. Dende aquela, en España, construíronse 72 vías verdes, que suman 1.700 kilómetros de caminos ecolóxicos. A ruta do tren da Pontenova foi a única que aproveitou esta proposta en Galicia.

Desuso

En Galicia, malia o volume de tramos férreos en desuso ou antigos que atravesan contornas naturais, especialmente dende o desmantelamento dos trens de cercanías, non houbo unha iniciativa que aproveitase para vieiros pedestres ou ciclistas uns roteiros xa marcados hai anos para abrir paso ao tren en todo o país.

DolmesO percorrido desta ruta que abrangue os municipios da Pontenova, San Tirso de Abres e Trabada para rematar en Vegadeo ten seis túneles e unha ponte que preserva elementos orixinais e que atravesa o río con espectacularidade. Inclúe tamén no seu percorrido castros e dolmes prehistóricos, así coma un pazo que data do século XVIII, en San Tirso de Abres, e unha igrexa ben singular que foi erixida no século XVII e que se atopa ao paso da ruta pola parroquia de Conforto, xa no municipio da  Pontenova.

El Progreso - Lugo Turistico
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.