lunes, 3 de junio de 2013

A Xunta destina máis de 510.000 euros aos concellos lucenses

A Xunta destina máis de 510.000 euros aos concellos lucenses situados en Rede Natura para a conservación e recuperación dos espazos naturais

A delegada territorial, Raquel Arias, destacou que estas actuacións “contribúen a preservar espazos moi ricos dende o punto de vista medioambiental, que representan ademais un importante atractivo turístico e económico”

A representante do executivo galego visitou hoxe o espazo da Lagoa de Cospeito, en cuxo entorno se actuarán na mellora de varios camiños

 Cospeito, 3 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia destina máis de 510.000 euros (512.888 euros) aos 31 concellos situados en Rede Natura beneficiados polas axudas que concede a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI). Así o indicou no día de hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante unha visita ao entorno da Lagoa de Cospeito, onde explicou que as devanditas achegas irán destinadas á recuperación, conservación e mellora dos espazos naturais.

O departamento autonómico comezou xa a comunicar aos concellos a concesión destas subvencións nos últimos días. “A pesares da crise, a Xunta segue a cumprir co seu compromiso de coidar o noso entorno, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico”, indicou a delegada territorial, que estivo acompañada na visita ao humedal chairego polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

Arias explicou que estas axudas van destinadas a sufragar tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos.

“Trátase de dar resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, manifestou Arias, que agregou que o importe da subvención será do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio.

O departamento autonómico pretende coa concesión destas axudas non só a recuperación do medio natural senón tamén “o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos”, explicou Arias.

A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, “un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego.
No cadro seguinte detállanse os concellos e as actuacións a desenvolver en cada un deles:


Xunta de Galicia

Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.