jueves, 16 de mayo de 2013

Web LugoMove

A Área de Cultura da Deputación pon en marcha a web LugoMove para difundir e potenciar a actividade cultural lucense.
 Mario Outeiro explicou que se trata dun “portal web que xunta nunha axenda toda a actividade cultural da provincia e permite a calquera organizador, concellos, asociacións, colectivos culturais, publicitar as súas actividades”
Mario Outeiro destacou que “esta ferramenta permite igualar as posibilidades de promoción dos eventos dunha asociación dun pequeno concello da nosa provincia a un concello grande con infraestrutura propia”
“É unha aposta pola promoción cultural desde a base, agora que o AGADIC está a reducir drasticamente o seu apoio ao sector” afirmou Outeiro

lugomoveLugo, 14 de maio de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou esta mañá no salón de actos do Pazo de San Marcos, o portal web LugoMove, “unha ferramenta cultural que servise de nexo de unión entre todos aqueles axentes que son dinamizadores da Cultura na provincia de Lugo”, segundo definiu o propio Outeiro. “É unha aposta pola promoción cultural desde a base, agora que a Xunta de Galiza desde o AGADIC está a reducir drasticamente o seu apoio ao sector” afirmou Outeiro.

Mario Outeiro explicou, ao mesmo tempo que se abría a páxina web para uso público e se mostraba aos medios, que LugoMove “nace coa pretensión de ser un espazo de referencia sobre os recursos culturais e de lecer existentes na provincia de Lugo, un portal no que se reúne toda a oferta de actividades da provincia, onde o usuario poderá acceder a toda a información sobre as diferentes actividades (concertos, exposicións, obras de teatro, festivais, espectáculos de danza, circo…) que se organizan en cada comarca. Ao mesmo tempo que “LugoMove” se presenta como un punto de referencia para o usuario a través da súa axenda de programación, tamén pretende ser unha ferramenta de difusión a través do apartado de colaboradores. Desta maneira, os Concellos, asociacións, grupos, compañías e todo tipo de entidades poden dar a coñecer as súas actividades de lecer dentro da provincia de Lugo a través desta axenda cultural”.

O delegado de cultura e turismo destacou que “esta ferramenta permite igualar as posibilidades de promoción dos eventos dunha asociación dun pequeno concello da nosa provincia a un concello grande con infraestrutura propia, porque non nos enganemos, non son máis importantes os eventos que máis repercusión teñen e hai actividades de pouca afluencia de xente que atesouran unha transcendencia cultural e de posta en valor do noso patrimonio que resulta de vital importancia para Lugo e Galiza”. Esta web vai neste camiño, quen queira ir a unha actividade nunha comarca lucense vai ter tan a man a información dun gran festival coma dunha foliada da asociación veciñal do lugar.

LugoMove serve para darlle oportunidades a todo o mundo, para que unha persoa de Cervantes, da Ribeira de Piquín ou de Lugo poidan ser coñecedores das actividades culturais que se levan a cabo no seu contorno. LugoMove é unha páxina dinámica, aberta e plural que no día a día vai a ir medrando e achegando novos eventos para que todos e todas sexamos coñecedoras deles; con esta presentación o que queremos é que máis programadores (tanto de asociacións, como doutras administracións) consideren que Lugo Move é a casa común para promocionar todas as actividades culturais que se levan a cabo no noso territorio. Por outra banda, tal e como sinalou Mario Outeiro, unha das suxestións que o tecido cultural fixo nunha das múltiples xuntanzas mantidas foi a posibilidade de que unhas asociacións culturais estivesen informadas das actividades doutros colectivos, para así non facer coincidir eventos semellantes o mesmo día, evitando unha contraprogramación por descoñecemento.

Mario Outeiro destacou tamén “o potencial turístico, a nivel de promoción do turismo interno, que ten esta páxina, xa que fai coñecedor aos lucenses de diferentes comarcas do quefacer cultural doutras comarcas, co que se incentiva e se dan alternativas de ocio cultural á hora de programar unha viaxe”.

Calquera programador pode achegar un evento a través dun sinxelo formulario na propia páxina web, e logo de validalo este estará publicitado e poderá ser visto facilmente por quen visite a web, que poderá buscalo por datas, zona, tipo de evento cultural, grupo ou compañía, etc.

Cronica 3 A Marina
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.