sábado, 4 de mayo de 2013

Pregón XXXV Festa da Troita


Este ano 2013 o pregón da XXXV Festa da Troita deuno o periodista Alberto Torres.O acto estuvo presentado polo tamén periodista Miguel Piñeiro quen fora o pregoeiro na edición do 2012.


(Foto de Alberto Torres na entrega dos V Premios Trueiro en Sada. Ano 2012)

A continuación deixámosvos ca presentación que Miguel Piñeiro fixo do noso pregoeiro deste ano e despois co fermoso e emotivo pregón co que nos deleitou Alberto Torres.



PRESENTACIÓN MIGUEL PIÑEIRO:


Alberto Torres leva traballando no mundo da comunicación dende 1991.
Xornalista Deportivo, desempeña o seu cargo de xefe de sección do DXT Campeón, primeiro xornal deportivo de Galicia, do Grupo de El Ideal Gallego. Antes foi xefe de deportes de Onda Cero e Radio Voz en A Coruña e Galicia e redactor en Radio Coruña da Cadena Ser. Como narrador de radio e na prensa escrita seguiu ao Deportivo da Coruña por todos os campos de España e Europa, dende o penalti de Djukic aos anos de Champions.
Fixo dobraxe, locución publicitaria, presentacións deportivas e participou nos últimos grandes eventos do deporte galego. É colaborador do programa Foro Aberto, da TVG, que dirixe Terio Carrera.
A súa paixón, amén do seu traballo, é a pesca.
Neste eido Alberto é director e cofundador do Xornal Trueiro, o referente da prensa escrita en materia de pesca deportiva galega, premio Galicia de Xornalismo Deportivo 2008.
Como escritor, logo de gañar o certame de relatos curtos de El Corte Inglés de Santiago e o da Feira do Salmón de Cornellana, Asturpesca, en categoría castelán, ten publicados dous libros, Cousas da Mosca e Galicia Salmonera, os dous con un servidor, e o primeiro tamén con Julio Seijas.
Como editor acometeu a publicación de Siempre Moralejo, a obra dun persoerio de culton na pesca galega Juan José 'o Doutor' Moralejo, outro traballo, como os anteriores, de Edicións Trueiro, que impulsou dende a creación do xornal para ampliar o espectro de Trueiro ao mundo da edición de libros e ao audiovisual.
Colaborador de revistas especializadas, do equipo do programa Ríos e Montes da Radio Galega, líder de audiencia en Galicia. Membro do consello asesor do couto de Vilagudín. Director do Congreso de Periodistas, Artesáns e Pescadores de As Mariñas/Abegondo ou coordinador de eventos do Grupo Miguelpesca, entre outras moitas facetas que nos extenderían en demasía, este xornalista ferrolán, inmensamente enamorado de toda Galicia, intenta pescar todo o que pode e escribir todo o que ve de ríos, peixes e pescadores.

PREGÓN ALBERTO TORRES:

PREGÓN da XXXV FESTA DA TROITA
    Alberto Torres
A PONTENOVA
30 de abril de 2013


Sr. Alcalde, Sr. Presidente do Centro de Iniciativas Turísticas, Autoridades, Compañeiros dos Medios de Comunicación, Señoras, Señores, queridos troiteiros; boas noites.

Na miña vida profesional poucas veces me sentín tán orgulloso como cando me chamou Javier Rois, Taracho, para comunicarme a decisión do CIT de impoñerme a Troita de Ouro da festa. E a sorpresa non só foi esa, foi maior cando me pedíu que pronunciase o pregón deste ano.
Pregoar a Festa da Troita da Pontenova é verdadeiramente un orgullo pola fonda tradición da mesma e pola senlleira raigame socio-cultural que enraíza nas crenzas da propia Vila. Levarei e lucirei a Troita de Ouro como un pontenovés máis coma me ensinou o meu querido tío Mundito, o meu galeno de auga continental e emocións salmoneiras.
E tamén debo sinalar que non é doado suceder neste mester ao meu amigo Miguel Piñeiro, pregoeiro o ano pasado, quen deu toda unha lección de prosa e coñecemento pesqueiro deste bendito lugar. Pero é o propio Miguel quen sempre me dí que “Fé en Dios e ferro a fondo”, así que me dispoño a cantar as excelencias dun río, dunha vila e dunha actividade privilexiados pola nai natureza que fixo deste curruncho de Galicia un referente para galegos e foráneos.

No mapa pesqueiro deste País, A Pontenova ten unha importancia de seu, pola troita e polo salmón. Cando se fala do Salmo salar calquera diría que os lotes da Pontenova restan méritos á Nosa Señora a Troita, como dicía Juan José Moralejo, pero lonxe de restarlle méritos é un complemento máis para unha vila que leva a auga do Eo no seu ADN. En efecto, o salmón chama moito e ten un poder de convocatoria fóra do común e iso tamén se debe especialmente aos lotes 2 e 3 que son requeridos e desexados por milleiros de pescadores que saben que o Eo non falla. Pero a troita non se acomplexa co poderío dos prateados. A pintona congrega nas aguas do Eo e dos seus tributarios a unha inxente cantidade de pescadores que traballan con destreza a culleriña, a miñoca ou o buldo buscando as emocións dunha picada nunhas augas limpas onde o exercicio da pesca transfórmase en pracer para o corpo e para os sentidos.

Non pesco máis veces no couto de Vilarmide, no Rodil, nin no Eo, polas miñas ocupacións profesionais e pola distancia que me afasta destas marabillosas augas troiteiras e, cando puiden facelo, debo recoñecer que asinei xornadas verdadeiramente memorables con outras na que levei no cesto un sonoro e estrepitoso capotazo, que non fracaso, porque estar uns intres por esta vila é para un galego un marabilloso exercicio de purificación da alma. Se, porque elas queren, un día non se dan as troitas, haberá uns faragullos e unha cunca de viño que botarlle ao corpo, uns chourizos cortados cunha navalla de A Pontenova e unha conversa para falar de peixes e trasnos. Acaso é o mesmo?
Todos os pescadores sabemos xustificar un capote outorgando ao río a condición de capoteiro ou caprichoso pero facer un cero no Rodil está ao alcance dos mellores pescadores porque, en efecto, cando nas quere dar non hai maneira de que piquen nin meténdolle o reclamo nos peteiros.

A troita do Rodil e do Eo é resabiada, lista como un allo, sutil na picada e brava na loita. De aí que a elección de nazarenas e falanxistas no tempo do frío e de amarelas e olivas para días con máis calor, sexan conduta e ritual obrigados para o pescador sibarita que sabe do fino comportamento das pintonas destas augas. A mín, por estes cauces que quero coma vos, dáseme ben tentalas coas moscas que saen do torno do meu vello maestro do Ulla, pero iso é outra historia.

Historia de Galicia, como A Pontenova. Hoxe, no tempo de xuntarse os concellos para poder subsistir, dende esta ribeira do Eo mírase ao pasado. Nada novo que contar aos veciños de estas terras poboadas dende antes da idade de pedra, sendo un dos poucos municipios galegos con esta singularidade. Cun fortísimo espíritu castrexo presente nas Mámoas e Medoñas de Xudán ou o Dolmen de Pedra de Anca, esta terra foi pasando polos séculos, sendo terra de Pardo de Cela, de revolución no traballo, arquitectura industrial, de arte sacro... A 'queima dos fornos' pode ser un rito ancestral recuperado do tempo dos Druidas que seguro, naceron nestas terras e deixaron os seus segredos ocultos entre os carballos, castiñeiros e bidueiros de todos os regatos que buscan o Eo.


Como pregoeiro, e pasando moi por riba da historia de A Pontenova, si quero deixar uns lances para poñer en valor todo o patrimonio de esta vila ao largo dos séculos e o que lle aportou a Galicia. Este concello define perfectamente o noso país. A nosa propia historia.
Non debemos esquecer que un dos protagonistas fundamentais de todo isto é o río. Temos que ter o Eo como a propia Festa da Troita, limpo, fermoso, cheo de vida. Temos que mimar os nosos regatos, son arterias da sangue desta terra de auga. O celo no seu coidado ten que ser absoluto cando falamos dun río como o Eo, un bastión galego.

Nos contan moitas mentiras. Mirade o das preferentes. Cando eu era cativo, no Xuvia, dicían os maiores, 'bótao ao río que o leva todo'. Era mentira. En todo caso, e adaptados aos tempos que corren, hoxe os ribereños dos grandes ríos galegos temos máis traballo para quita-lo lixo do río que para botalo. Neste mester as sociedades de pesca, os pescadores, os centros de iniciativas dos concellos, son fundamentais polo seu compromiso. Sen esquecer o traballo de riadas, enchentas, estouparadas e demais efectos que limpan o río de maneira natural. Ordeada.
Falando de auga, eu sei o que é chover na Pontenova, non parar en todo o día. É fermoso.
Tedes unha terra que coidar e da que sentirvos ben orgullosos, especial e única, como queda dito nestas humildes letras.

E dentro das singularidades está a Festa da Troita. 35 anos son moitos anos. Unha maioría de idade, un verdadeiro referente no mundo da pesca continental galega.

Por iso non quixera rematar sen render pública homenaxe a todas as mulleres e homes que co seu bo facer acadaron unha festa recoñecida por todos, unha festa que é algo mais, un estandarte da Pontenova.

Felicito ao CIT, alonxando de min calquera mérito, pola elección dos galardoados coa Troita de Ouro, a David Arcay polo seu esforzo gañador, El Progreso de Lugo polo informativo e o Profesor Fernando Cobo polo científico, na pretensión de cuidar as nosas augas a aos seus moradores. 

O traballo desenvolvido por este Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova, con Conchita García, posteriormente con María Ángeles Yáñez, e na actualidade con Francisco Javier Rois, Taracho, e anteriormente outros, é digno de recoñecemento e deben dispor dun lugar destacado no maxín troiteiro e turístico de calquera veciño que se prece de ser da Pontenova.

Comamos e bebamos coa forza que da sermos felices na Pontenova, onde pescaremos cos amigos de sempre e cos novos que, para sempre, faremos no río e nesta vila.
Feliz Festa da Troita, gracias, e boas
 noites.





Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.