lunes, 4 de febrero de 2013

Entrevistas con morriña: Carlos Traviesas.

Entrevista realizada por Santiago Coladas.


O veciño que entrevistamos hoxe é Carlos Traviesas, máis conocido por todos como Carlos de Miguel, quen gustosamente respondeu ás preguntas de pontenova.es cas cales vos deixamos. Añadir que nos aportou tamén unhas bonitas fotos que insertamos polo medio da entrevista.


Pontenova.es: ¿DONDE NACICHES?


Carlos: Nacín na Casa da Estación, que foi restaurada - e moi ben, por certo- para albergar a Oficina de Turismo. Meu avó Miguel, era o xefe da Estación e alí viviamos meus avós, miña nai Elena e meu pai Prudencio, el era de Campo Caso (Asturias), fora desterrado anos despois de rematar a guerra e “caeu no pobo” na casa da Señora Generosa, veciña súa que xa viñera anos antes por razóns similares ás del. Meu pai pensaba quedar só unha tempada con ela na Ponte, pero xa nunca marchou.
Tamén vivían alí meus tíos Isabel e Gonzalo, este á morte do seu pai ocupou o seu posto de Xefe de Estación ata que o tren e a mina deixaron de funcionar.
A min coñéceseme na Ponte por Carlos de Miguel e poido decir con moita fachenda que fun a única persoa que naceu  na Casa da Estación.

Pontenova.es: ¿A QUE TE DEDICAS PROFESIONALMENTE?

Carlos: Aínda que nos meus inicios profesionais me dediquei ás montaxes e  aos proxectos industriais, principalmnente en Lugo e Ourense, hai xa case  25 anos que traballo no Concello de Culleredo onde son funcionario con responsabilidades en tarefas de Promoción Económica e Desenvolvemento Local. Neste últimos anos  e ata a súa xubilación o ano pasado, acompañoume neste labor o meu amigo de sempre Pedro Rocha, con qen ademáis de traballo profesional compartín momentos  e conversas nas que  refrescabamos a memoria con recordos de xentes e lugares do noso pobo.

Pontenova.es: ¿QUE RECORDOS GARDAS DA TÚA INFANCIA? 

Carlos: Os meus recordos xiran en torno ao tren, ao cine Unión Cultural e ao Café do mesmo nome que rexentaban meus pais.
Eu pódese decir que fun un neno moi feliz porque... ¿ cómo non vai ser feliz un neno que vive nunha estación de tren?, podendo subir á Máquina sempre que quería para ir dar a volta á plataforma xiratoria que a poñía mirando a Ribadeo, ou montando na “mesilla” con Narciso e Paco ( os que arranxaban a vía) ou a mediodía xogando polo medio dos mineiros que comían debaixo das árbores da Estación nas que Manolo de Rexina, o mineiro máis novo case un neno, xogaba conmigo e collía xílgaros.
Tampouco podo esquecer as “expedicións” pola mina co inolvidable Sito nen as tardes no mazo cos meus primos nas que xogabamos con rapaces maiores ca mín: Pepe, Xaquín, Carlos do Queito e Ramonelo que tiñan un equipo de fútbol o Atl. Turía con ¡¡camisetas verdiblancas!! coas que eu alucinaba.

Por riba  os domingos ¡ o cine gratis!,  sen reparar na censura que poñían na porta da “Capilla do  Cuartel”( 1, 2, 3, 3R ou 4 segundo o grao de peligrosidade moral que tiveran despois de pasar a tesoira; un bico era un 2 coma mínimo). A verdade e que recordo a primeira fila do cine sempre chea de pícaros. Estes domingos cinéfilos van unidos ao aroma dos bocatas, de anchoas co pan de Jesús de Capellán, que facía miña nai no Café ( sensación contrastada con outros coetáneos).
Outra visión destes domingos son as bicicletas que ao longo de todas as beirarrúas e paredes enchían o pobo, esta imaxe recupereina hai uns meses en Amsterdam, non é broma, o que me fixo pensar se en realidade fomos tanto a mellor.
Do café, todos os recordos están vinculados aos persoeiros que o frecuentaban, cada un deles daría para escribir moitas páxinas: Quintela, Ramiro, Chola, Gervasio da Pita, Don Sergio, Pepe de Luis... auténticos “tahures” de partidas maratonianas e ao meu pai que a pesares de non ser orixinario do pobo integrouse moi ben e penso que a xente o apreciaba.
A min  sempre me chamaron a atención as conversas de meu pai con Jesús do Pildaro, o Caldereiro ( José María), Eustaquio, José de Miranda ou Luis de Coladas entre outros, aos que lles tocara a guerra noutro lado e tal vez se tirasen algún tiro ca outro, e tamén  que entre eles poidesen falar con total naturalidade e ata diría que con certa complicidade e desde logo sen nengún tipo de rancor. El , a pesares de ter pasado por moitas penurias, xa que incluso estivo  anos nun campode concentración en Valencia sempre me inculcou os valores da tolerancia e amizade por riba das ideoloxías, algo que c onfirmei un día no bar de “LITA” falando desto mesmo con Luis de Coladas que me dixo: “ Xa ves Carliños, teu pai foi un dos mellores amigos meus”.
Pero para non  poñerme demasiado serio vou contar algo, hoxe nada políticamente correcto, como eran as pelexas de galos que organizabamos no foso da plataforma do Tren, entre outros Lolo do Pico, Cabanas e máis eu. Tiñamos uns quicos ( o de Lolo era o campión), fora unha ocurrencia que sacaramos das películas dos charros mexicanos animados por dous “cachondos mentais” que estiveran en México: o meu tio Gonzalo e Ramón de Ramallal. Teño que recoñecer que este xogo hoxe non estaría ben visto ( sobre todo polo SEPRONA) pero xa prescribiu.
Da infancia un non pode  esquencer aos seus mestres. A miña primeira escola foi na Feira pegados a panadería e a fonte. A mestra Dona Ofelia acababa de chegar á Ponte, fomos os seus primeiros alumnos, podería nomealos case a todos: Manolo de Miranda, Pepe de Eladio, José de Federico, Orlinda... Dona Ofelia, que xa ten os seus aniños, aínda hoxe cando nos ve chámanos Carlitos, Pepín, Manolito... segue sendo igual de doce e cariñosa e así foi ao longo dos anos a pesares dos reveses que lle dou vida. 

Logo pasamos ás escolas de San Briz, primeiro a de Don Marcelino e ao pouco tempo á de Don Segis, aquí os métodos pedagóxicos non eran os de hoxe ( eran os daquel tempo), pero para min teño que decir que aprendín moito pois era tremendamente metódico ( dictados, mapas , lectura...) Tamén nos ensinou a memorizar e razonar o cal  non era moi pouco común enton e desde logo nada de adoutrinamento.
Para prepararme para o ingreso pasei a academia de Enrique onde coincidín entre outros con Anxel, Modesto, Victoriano, Domingo, Toño de Pacios... Unha vez feito o ingreso como moitos outros a principio dos anos sesenta marchei interno para un colexio de curas na Coruña no que coincidín con José e Rubén de Federico e anos máis tarde con  José Luis (Lenon) e Manolín da Hermida, tiña once anos e aquí rematou a miña infancia, pois a dureza dun internado naqueles anos nada tiña que ver cos anteriores na PONTE.



Pontenova.es: ¿QUE RECORDOS GARDAS DA TÚA XUVENTUDE?

Carlos: Rematei a carreira no ano 74 e os seguintes desta década están moi vinculados á PONTE.
Destes anos datan o nacemento do C.I.T. o Sporting, a Festa da Troita, e os primeiros escarceos políticos da pre-democracia. Participei activamente en todos eles, do C.I.T. , fundado entre outros por Coladas e Ramón Médez, fun da segunda directiva que puxo en marcha a Festa da Troita, en canto ao Sporting fun o primeiro adestrador, xa que os da directiva faciamos un pouco de todo; Juanjo, Chino, José Luis e Linares xogaban, Carlos de Américo era o masaxista e Paraxes, Luis Juanín, Victor e José Mari tiñan responsabilidades importantes xa que todo se fixo en moi poucos meses.
Recordo as interminables negociacións para facer o campo, sendo alcalde o inolvidable Sr. Eustaquio, propias dun guión dos “ Hermanos Marx.
Nesa época a Ponte tiña unha grande actividade asociativa e de ambiente de viños pola semana e os domingos, agora máis festeiros que cinéfilos, na Xolda  formouse unha movida” moi guapa” como din agora.
Estes anos tamén darían para escribir moitos bós recordos unidos a tantos amigos, algúns hoxe xa non están, pero así é a vida.
Pero tamén foron anos nos que aprendín moitas cousas que logo me foron útiles para a vida profesional en termos de dinamización e asosacionismo, como decía o gran pensador que era Alejandro Quintela: “ La mejor unversidad es CALLE y  BOLICHE”. 

Pontenova.es: ¿QUE CAMBIO NOTAS NO POBO CANDO VOLVES?

Carlos: A vida do pobo cambiou moito, neso coincidimos todos os da miña época. Cando veño gústame madrugar  e despois de tomar o mellor café do mundo  no Esquina fago un percorrido, que ás veces non poido rematar porque se me cae a alma aos pés, vendo casas pechadas nas que xa non vive ninguén. E sinto un grande desacougo. Poñerlle freo a esta despoboación cada vez é máis difícil, e o pobo pouco a pouco vai morrendo. Ao meu humilde entender, perdeuse a oportunidade de telo solucionado en épocas nas que os fondos europeos podían ter respaldado estratexias de desenvolvemento que coido que nen tan sequera se chegaron a plantexar.



Pontenova.es: ¿SEGUES VOLVENDO CON FRECUENCIA?

Carlos: Por suposto, sempre que poido. Porque teño aquí a Isa, miña tía, que non hai quen a faga saír da PONTE nen por uns días. E tamén  porque considero que aquí teño a eses amigos, que logran que as cousas que poderían parecer recordos, volvan a formar parte do meu día a día. Saír un venres coa miña muller Manoli a tomar un viño con Reigada e Ría, Pata e Ana, Bouza e Pili, que son os fixos... e ás veces con Manolo do Pildaro , Regos, Primo, Pepe e Manolo Muruais... é para mín unha auténtica terapia. E é que no fondo a miña casa sempre será a PONTENOVA, pásame un pouco coma a Hemingway cando lle preguntaban por que deciía que aquela era a súa casa se nunca estaba nela e contestou: “ Eu non teño unha casa para vivir, téñoa para volver”.

Pontenova.es: ¿PODES CONTAR ALGUNHA ANÉCDOTA QUE RECORDES ESPECIALMENTE?

Carlos: Podería contar moitas...,sen máis o outro día con  Manolo de Miranda ( con quen coincido na Coruña algúns fins de semana) recordamos a Festa do Estudiante no ano 67. Esta festa faciamola ao final do verán coma remate das vacacións. Aquel ano, despois de organizar bingos, rifas e algún baile no “Gasolín”, aínda andabamos curtos de cartos para contratar a orquestra pero con todo  desprzámosnos a Veiga para negociar co grupo de moda: “LOS ESTOICOS”do mítico Pachico. Despois de moito tira e afroxa deixáronolo en 5000 pesetas, unha auténtica fortuna para nós. O escenario foi, despois da xestión da María José, a camioneta de Pepe de Marcos. Aquel foi talvez o primeiro concerto de Rock ao aire libre que se fixo na PONTENOVA.
 Outro hito foi o concerto de Bibiano e Benedicto que organizamos nas Feiras do 72, procurando darlle un enfoque cultural á Festa. Logo de moitos tira e afroxa no Goberno Civil (a festa foi a primeira actuación dos dous xuntos) e a pesares de darnos unha lista de temas que non podían cantar ao final cantaron o que lles deu a gana, aínda que nos estabamos un pouco preocupados pola posible multa que nunca chegou. Recordo, con respecto a isto, que Muruais ( Manuel) cando os oiu cantar preguntou que quen eran aqueles mozos tan mordaces e cando Pepe de Eladio llo explicou exclamou moi baixiño: “POÑEFLAS”.

Pontenova.es: ¿VISITAS CON FRECUENCIA A NOSA PÁXINA?

Carlos: Míroa todos os días. Porque é unha maneira de estar ao tanto do que pasa no pobo. É de agradecervos moito que me chamarades a través de Manolo do Pildaro, tamén teño que pedirvos disculpas pola miña tardanza en facer esta entrevista, pero falar dun, sempre da un pouco de pudor.

Unh aperta a todos.

Carlos de Miguel.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.