domingo, 6 de enero de 2013

Entrevistas con morriña: Carlos Miranda Trevín


Entrevista realizada por Santiago Coladas.

Hoxe entrevistamos a CARLOS MIRANDA TREVÍN (A Pontenova,1962).


Pontenova.es: ¿En que pobo do Concello naciche e cal é o nome polo que se conoce a túa casa e a teus pais?.

Nacín exactamente en Lugo , cando xa se empezou a dala luz no hospital. Aínda que a miña casa natal é na Pontenova, a de Trevín;  son fillo de Manuel de Miranda "Mirandiña" e de Meredes de Trevín 


Pontenova.es: ¿A que escola fuche ? ¿Recordas quenes foron os teus maestros e algúns dos compañeiros da túa "quinta"?

Fun as escolas "unitarias" con Doña Ofelia, a que lle estou  fondamente agradecido, por como nos ensinaba as primeiras letras con aqueles medios, e por como nos levaba a tódolos párvulos do pobo en rebaño pola acera ata a escola, e nos deixaba aleatoriamente abrila porta coa chave grande . Logo fun varios anos con Don Segis, máis serio pero eficiente: as divisións de moitas cifras e os dictados das trés, que ia corrixindo de un , o retrato de Franco entre duas bandeiras descoloridas, e o cadro da Inmaculada Concepción ... son recordos moi vivos ainda. E logo estrenei cos da miña quinta o Sótano, no baixo da igrexa, xa con profesores por asignatura: Doña Aurora de Lolo, Dona Ana María, Don Enrique de Vilameá, Don Enrique Fernández... e a señorita Isabel de inglés, que era moi esixente.  Dos compañeiros daqueles anos lembro a caseque todos por nome e apelidos de cando se pasaba lista, pero faríase moi longo enumeralos...    

Pontenova.es: ¿A que edad marchache da Pontenova e cales foron os motivos principais?

Marchei no ano 75 para o Seminario de Mondoñedo; meus pais permitironme ir polo bó ambiente académico que habia alí, e porque eu decía que quería ser cura, aínda que eles non o creían moito...

Pontenova.es: ¿Por onde andiveches e onde estás asentado na actualidad?

Estudiei ata COU en Mondoñedo, logo en Santiago un ano de Psicoloxía, cando ao fin me decidín a facela Teoloxía. Logo ordenoume crego D. Jose Gea, o noso bispo entón, e mandoume de Formador ao Seminario; alí estiben catro anos con alumnos internos e dando clase, e por fín a miña primeira parroquia: As Somozas, curiosamente sustituíndo a un cura de Foxas, Don Jesús García Gallo tio de Rafael, e catro parroquias mais; alí vivín a realidade do que é ser cura de pobo, facendo de todo, dende a vida habitual dunha parroquia: misa, sacramentos, catequese... ata clases de guitarra para os rapaces, Cabalgaata de Reis, unha asociación Cultural que fundamos entre xovenes de parroquia, pasando por convivencias, viaxes, campamentos..., teño un recordo gratísmo daquela xente e do feliz que fun con eles. Logo mandoume o Bispo a estudiar catequética en Madrid dous anos, vivindo nunha parroquia do Sur, San Mateo , na "Ciudad de los Ängeles" ao lado do Hospital 12 de Octubre; era unha experiencia de cidade grande, cun gran número de inmigrantes e xente vinda de todas partes de España, tamén galegos, que lograran crear un ambiente de barrio cómo nun pobo, coñecianse todos, e a xente era moi acolledora, e fixeronme sentir como na casa. Ao volver a diócese mandaronme para Cervo; levaba as cinco parroquias do Concello; recibironme xenial e alí houbo que facer de todo cómo en todas; ata un Grupo Scout "Esvedro"; e foi un contacto tamén moi gratificante coa xente de Alcoa (Alumina), cos mariñeiros en San Cirpián,  e os traballadores de Sargadelos, pero tamén coa xente rural de Rúa e de Castelo; sete anos, e moitas amizades e recordos.
Agora estou en Narón, pegado a Ferrol, na Parroquia de San Xosé Obreiro, nunha parroquia moi xove, na que hai moitisimos bautizos porque hai moitas parellas novas; algo lonxe da Pontenova, pero moi contento tamén;  en todas partes coñeces xente que merece a pena, é unha vantaxe de tantos cambios nestes anos, aínda que en principio son dolorosos..

Pontenova.es: ¿Cando pensas na Pontenova cales son os primeiros recordos que se che veñen á cabeza?

O pobo de ún está xunguido a tua familia e a tua infancia, aos veciños e os compañeiros de xogos; ao rio, o Pozo da Ola sobre todo, a Saldoira e a Veiga de Prado, lugares vinculados a meus pais e moi queridos. Pero sobre todo a persoas: meu pai Manuel, un home bó e excelente mecánico e torneiro, e meu irmau José Manuel "Minel" ¿que decir deles? que xa non estan, e que forman parte entrañable do que son eu e da miña famillia. O taller de meu pai e de meu tío José é unha das lembranzas mais vivas: as carrocetas e os Land Rover, aquel olor a gasoil permanente, e meu pai no torno ou na fresadora , e aqueles obreiros "míticos" como Orosio de Muiña, o Cabo, Guírrea... L ogo Ramón do bispo, que tiña a sua tenda na nosa casa, cuidábanos tamén  e deixabanos remexer nos caixos  dos botón, e tibo das primeiras televisión para velos toros, ainda que deixábanos ver Antena infantil e os primeiros debuxos animados, a tardiña tamén ía xente maior para ver Estudio 1, "EL Conde de Montecristo" lograra xuntar medio barrio: Tamén miña tía Remedios que foi sempre A TIA por excelencia, e os meus oito primos que compartiamos casa como se fose unha... Moita xente mais que se vota de menos, e os que aínda viven,e que cando os encontras aínda che parece ser pícaro...

    
Pontenova.es: ¿Sigues volvendo de vez en cando polo pueblo?. Cando ves, ¿En que acostumbras a pasar o tempo?.

Vou todo o que podo, que non é moito; pero cada vez vou con maís desexo; creo que segundo pasan os anos necesitase recrearte na túas raices, e aínda que estés loxe pertences a aquel sitio. Cando vou tento estar cos meus da miña casa, pero gústame moito ir de viños, costume moi nosa,e que che permite encontrarte cos veciños. Tamén procuro ir algún día das festas, pola Troita, en fin de ano... pero ó ser cura "traballo" mais os fins de semana, e resulta dificil compaxinar as cousas.  

Pontenova.es: ¿Continúas tendo vínculos dalgún tipo na zona ?.

Está miña nai , que xa é moito; miña cuñada Cándida e os meus sobriños Manuel e Daniel que son a miña familia agora; logo os veciños e os amigos da infancia que siguen vivindo no pobo, o pobo mesmo... a paisaxe e o río.  Vínculos son moitos, aparte de estos a memoria de meu pai e de meu irmau Minel, que era un namorado deste pobo; él estivo vinculado o nacemento da revista o Gouño, Os Albións, o
Baixeo e o Faragulleo, e a outras cousas... É unha honra que sigan adiante moitas delas, e síntome moi orgulloso de habelo tido como irmau !inesquecible!..

Pontenova.es: ¿Gústache estar ó tanto da actualidade desta comarca a nivel social, político,deportivo,.? e ¿Conocías a nosa páxina web?.

Coñezo páxina Web dende os seus inicios, e téñoa nos Favoritos, visitoa amiudo; agora mesmo é a mellor plataforma que temos para seguila vida do pobo os que estamos fora; o bó e o malo, as festas, as noticias varias, pero tamén a desaparición da nosa ponte que sentín moito. Dende rapaz tocoume ir vendo a demolición do noso patrimonio: a Sá de máquinas, o Muiño de Fernando, a Capela de  Santa Bárbara, a Casa de Cabodevila, Villa Dora, a casa de Modesta coa da Farmacia de Concha, e a de Ángeles... Éramos un pobo moi fermoso...

Pontenova.es: ¿Gustaríache nun futuro xubilarte e voltar a vivir por esta zona?.

Os curas non nos xubilamos, non é un oficio... Pero o que penso e seguir vindo o pobo canto viva , ademaís está a casa de miña mai que é sempre un refuxio moi agradable, e o pobo enteiro; eu son da Pontenova sempre, e quixera descansar nela "ata a resurección dos mortos" como dí o Credo.

Pontenova.es: Xa por último, a pregunta común para todos os entrevistados, ¿Poderíasnos contar algunha anécdota que che ocurrise que teña algo que ver ca Pontenova? 

Son moitas as anécdotas dignas de mención, dificil de escoller , pero unha que poidera ser representativa de cando era neno, é como nos embelesaba con contos a Señora Generosa, a abuela de Kike, unha muller moi delgada e de gafas grosas, que sabía contar historias maravillosas á porta da zapatería, no baixo de Cosme, e ianse sumando os nenos que pasaban, e lograba ternos quietos moito tempo, sacando incluso as banquetas da tenda para fora. Non dudo que ela era unha conta-contos sensacional que axudou a desenrolar o noso maxín, e o noso afán pola lectura. 
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.