martes, 11 de diciembre de 2012

Economía e Industria organiza en Trabada unha xornada destinada a promover a creación de empresas forestais

Lugo, 11 de decembro de 2012.-Economía e Industria organiza, no marco do Impulsa Lugo e a través do Igape, unha xornada técnica destinada a promover o traballo en rede, o emprendemento e a creación de novas empresas, especialmente asociadas ao sector forestal, nas comarcas da Mariña.
Ese é o obxectivo fundamental da xornada de traballo que constitúe unha experiencia piloto e que inclúe, entre outros contidos, unha mesa con expertos que debaterán sobre as diferentes fórmulas para a xestión forestal. O encontro desenvolverase mañá, 12 de decembro, na Casa de Cultura do concello de Trabada, a partir das 9,30 horas.

Dende o Igape estase a desenvolver unha experiencia piloto mediante o proxecto Creando Rede, un grupo de traballo conformado con axentes de desenvolvemento local (ADLs) da Mariña lucense, para a formación específica en creación de redes empresariais sobre o territorio, e formación de redes profesionais entre os técnicos participantes na experiencia.
Como organismo adscrito á consellería de Economía e Industria, o Igape ten entre as súas funcións fomentar o espírito emprendedor, apoiar a creación de empresas, dotar aos futuros empresarios e empresarias dos coñecementos e habilidades necesarios para xestionar a súa empresa e apoiar a consolidación e innovación no tecido empresarial galego.
Nun contexto coma o actual, onde a supervivencia de empresas e a súa rendibilidade está a ser máis problemática, faise especialmente necesaria a implantación de novas fórmulas e metodoloxías formativas, capaces de dotar de coñecemento e ferramentas axeitadas aos axentes de promoción económica no eido local, para dinamizar así o territorio facilitando a creación de novas empresas e apoiar ás existentes.
Os traballos deste grupo comezaron no pasado verán, e o obxectivo desta iniciativa é asentar unha rede profesional, con axentes de emprego da Mariña lucense, que permita crear redes empresariais e profesionais na súa contorna para un mellor aproveitamento dos recursos locais en xeral, e dos forestais en concreto.
No proxecto Creando Rede participan, a través dos seus axentes de desenvolvemento local, os concellos de Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada e Xove.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.