martes, 21 de agosto de 2012

Os traballos de roza e desbroce están finalizados ou en execución no 60% dos Concellos da Mariña

Os traballos de roza e desbroce están finalizados ou en execución no 60% dos Concellos da Mariña
A Deputación mellora as comunicacións e contribúe a previr incendios na Costa lucense limpando 800 quilómetros de estradas, unhas tarefas que contan cun orzamento de máis de 100.000 euros e acometen 5 PEMES e autónomos da provincia
A roza está rematada en Viveiro, Foz, Burela, Cervo e Ribadeo; e en execución a de Xove, O Vicedo, Ourol, O Valadouro e Barreiros; mentres que nos próximos días iniciaranse os traballos en Alfoz, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, A Pontenova e Riotorto
“Sorprende o descoñecemento do Alcalde de Xove sobre o que ocorre no seu municipio”, afirma Lara Méndez, “porque os labores de desbroce están en marcha dende hai unha semana e a día de hoxe están listos nas estradas de acceso ás praias”
As tarefas de roza e desbroce cos que a Deputación mellora as comunicacións rurais da provincia e contribúe a previr incendios están finalizados ou en execución a día de hoxe no 60% dos Concellos da Mariña. Segundo deu conta a Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Mández, os traballos afectan no conxunto da Costa lucense a uns 800 quilómetros, contan cun orzamento de máis de 100.000 e deles encárganse 5 PEMES e autónomos da provincia. A limpeza está rematada na actualidade nos viais de Viveiro, Foz, Burela, Cervo e Ribadeo; e en execución, a de Xove, O Vicedo, Ourol, O Valadouro e Barreiros; mentres que nos próximos días iniciaranse os traballos en Alfoz, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, A Pontenova e Riotorto.
Neste sentido e facendo referencia ás declaracións do rexedor xovense, Demetrio Salgueiro, nas que aseguraba que a Deputación non tiña iniciado os desbroces no seu Concello, Lara Méndez afirmou que “sorprende o descoñecemento do Alcalde sobre o que ocorre no seu municipio, pois os traballos están en marcha dende hai unha semana”. A Vicepresidenta explicou que a roza terminou hoxe mesmo nas estradas de acceso ás praias de Xove, que suman uns 30 quilómetros e “ás que lles demos prioridade pola gran cantidade de visitantes que reciben nesta época de verán”, e a partir de agora limparanse as vías do interior, ó redor de 20 quilómetros de lonxitude, e que estarán listas a finais deste mes.
4.200 quilómetros en toda a provincia
O plan de roza e desbroce que a Deputación está a acometer nos 4.200 quilómetros que conforman a rede viaria provincial, a máis extensa de España, mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, pero ademais contribúe á prevención de incendios, “algo fundamental tendo en conta os recortes levados a cabo pola Xunta nesta materia”, indicou Méndez. Os traballos foron adxudicados por un importe total de 561.000 euros a 23 empresas lucenses, co que a Deputación potencia a actividades das PEMES e autónomos da provincia, paliando a difícil situación que atravesan pola crise e mantendo postos de traballo. Este ano, a Deputación xestiona a totalidade dos traballos co fin de acometelos coa máxima celeridade.
A Deputación roza, mentres a Xunta sulfata
A Vicepresidenta recalcou así mesmo a importancia de que a Deputación limpe as estradas de maleza rozándoas, fronte á actuación da Xunta, “que as sulfata, sen ter en conta os efectos nocivos que iso ten para o medio ambiente, a Rede Natura ou as Reservas da Biosfera”. Lembrou así mesmo que o desbroce iniciouse a finais de xullo para “facer un uso racional dos recursos e non ter que acometer estes traballos dúas veces, pois as condicións meteorolóxicas deste verán propiciaron que a maleza medrase moi rápido”.
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.