Mónica Rancaño critica que “ao eliminar
as axudas a Xunta de Galiza queda en entredito que se poida seguir mantendo o
servizo de axuda no fogar”
O Concello da Pontenova foi o único
da provincia que non solicitou a axuda á
Deputación Provincial para o servizo de axuda a domicilio.
A Pontenova, 17 de xullo de 2012. Esta mañá, a voceira nacionalista da Pontenova,
Mónica Rancaño, manifestou a través desta nota de prensa aos medios a súa
crítica ao brutal recorte que a Xunta de Galiza vén de aplicar no sistema de
benestar e que vai ter particular incidencia en todos os concellos lucenses de
menos de 20.000 habitantes, como é o caso da Pontenova.
Segundo indicou Mónica Rancaño, “os
recortes da Xunta poñen en risco na Pontenova o funcionamento do servizo de
axuda a domicilio, que no noso Concello presta atención a máis de 70 persoas, e
fará case imposible que se poida por en funcionamento o Punto de Atención á
Infancia (PAI) que tería que atender a 22 cativas e cativos”. No Concello da
Pontenova, hai unhas 70 persoas usuarias directas que se benefician do servizo
de axuda do fogar básico cuxo custe ascende a uns 40.000 euros, polo que a Xunta de Galiza deixa abandonados a un numero importante de
persoas, poñendo en risco tamén o emprego das persoas que traballan neste
servizo. Rancaño, afirmou que “as axudas da Xunta aos servizos sociais
comunitarios xa foron recortadas os anos 2010 e 2011, especialmente no que se
refire ao Servizo de Axuda no Fogar. O Plan de 2011 dispoñía de preto de 24
millóns de euros para as prestacións sociais básicas, servizos sociais
comunitarios e plan de desenvolvemento xitano, e o goberno do PP os recortou en
2,4 millóns de euros. Para este ano 2012, o plan concertado quedou na metade,
en 12,4 millóns de euros. Isto tradúcese en que para o noso Concello, a axuda
para este ano será de 0 euros”.
Por outro lado, Mónica Rancaño sinalou
que o goberno de Darío Campos “deixou
pasar a oportunidade de solicitar a subvención á Deputación Provincial como
alternativa a estes recortes da Xunta de Galicia“, e é que o vicepresidente da
Deputación, Antonio Veiga, vén de anunciar que esta Administración
subvencionará con 600.000 € o servizo de axuda a domicilio en 64 concellos da
provincia. Dentro destes concellos non está a Pontenova, que segundo fontes da
Deputación non solicitou esta axuda.
A voceira nacionalista da Pontenova, Mónica
Rancaño, fixo fincapé en que “ademais temos que lembrar que o Concello non fixo
nada cando desde o BNG pedimos que se buscaran alternativas para a financiación
deste servizo, vital para moitas familias do Concello ”, facendo referencia a
que para o vindeiro ano “os orzamento municipais non prevén diminución doutras
partidas para poder adicar ese aforro ao mantementos dos servizos sociais
básicos, senón que simplemente se limitan a subir o servizo un 25 aos seus
usuarios”.
Contacto: apontenova@bng-galiza.org