martes, 15 de mayo de 2012

II. Entrevistas con morriña - Perfecto Conde

Entrevista realizada por Santiago Coladas-Guzmán García.

Voltamos novamente ca sección de “Entrevistas con morriña” e para esta segunda entrega tivemos o placer de entrevistar ó xornalista Perfecto Conde Muruais (A Pontenova, 1943) a quen desde estas líneas lle queremos agradecer a súa colaboración.


Pontenova.es: ¿En que pobo do Concello naciche e cal é o nome polo que se conoce a túa casa?

–Eu nacín na aldea de Xinzo, parroquia de Vilameá. Unha aldea que daquela tiña arredor de 40 habitantes, agrupados en dez familias, e que na actualidade só viven alí permanentemente unha ducia escasa de persoas. A nosa casa chámase a Casa do Noble. Non sei de onde lle virá ese nome tan rimbombante.

Pontenova.es: ¿A que edad marchache da Pontenova e cales foron os motivos principais?

–Logo de estudiar o que daquela se chamaba Bacharelato Elemental e a súa correspondente Reválida, na academia do meu parente Enrique Muruais, sen dúbida un dos tres grandes profesores que tiven en toda a miña vida académica –os outros foron Xesús Alonso Montero no Instituto Masculino de Lugo e Xosé Manteiga Pedrares na Universidade de Santiago–, marchei a Lugo para facer o Bacharelato Superior, a Reválida Superior e o Preuniversitario. Despois funme a Santiago para estudiar a carreira que daquela se chamaba de Filosofía e Letras. E, máis tarde, a Madrid para estudiar Xornalismo na Escuela de Periodismo de la Iglesia, que hoxe xa non existe.
Dende aquela, vivin en Francia, en Santiago de Compostela e en Madrid, ata que me xubilei no ano 2008 e me quedei a vivir en Santiago. Durante case 40 anos exercín o xornalismo en medios de comunicación tan diferentes como a Gran Enciclopedia Galega, Televisión Española, Televisión Francesa, BBC, a radio estatal portuguesa, as revistas Triunfo, Cambio 16, Actualidad Económica, Interviú e Tiempo; os diarios El País, Avui, El Periódico de Catalunya, etc. Como enviado especial viaxei por toda Europa, América e parte de África e exercín cargos de dirección ou de redactor xefe nalgunha das publicacións para as que traballei. Tocoume un mundo laboral, social e cultural moi diferente ao que se está a vivir nestes momentos.
Tamén me publicaron un libro sobre o narcotráfico (“La conexión gallega. Del tabaco a la cocaína”, Ediciones B, Barcelona 1991) e outro de narrativa en galego (“Memoria infinda”, Ediciones Pentalfa, Santiago 1991).



Pontenova.es: ¿Cal foi a cidade ou cidades donde viviche maiormente ó largo da túa vida?

–En Santiago, onde volvo a vivir agora dende 1995, pasei tres etapas da miña vida. A primeira durou de 1962 a 1965, cando era estudiante. Logo funme ao Este de Francia, e regresei a Santiago ano e medio despois. En 1964 marchei a Madrid, onde estiven ata maio do 1972. E de Madrid, a Gijón ..........
e logo outra vez a Santiago, cidade na que me quedei ata o 1984, no que volvín outra vez a Madrid. Na capital do Estado vivín ata o mes de agosto de 1995, en que regresei a Galicia, sen dúbida xa para rematar aquí a miña vida. Teño a sorte de vivir nun pequeno lugar moi fermoso, á beira do río Sar, a dez quilómetros do centro de Santiago, onde recupero os meus tempos da nenez e da mocidade cultivando leitugas, tomates e pementos e volvendo a ler os libros que máis me gustaron ao longo dos anos. Sempre que podo fago algunha viaxe ao que considero os meus paraísos perdidos, que están na Bretaña francesa, en Sicilia, na Toscana e en Buenos Aires.

Pontenova.es: ¿Cando pensas na Pontenova que é o primeiro que se che ven á cabeza?

–Os anos da miña infancia. Cando era neno e ía coas vacas aos prados de Penacova, ás Cerdeiriñas ou a Currelos. As discusións inocentes coa miña irmá Ramona. A cadela Zara, que tanto adoraba ao meu pai e o meu pai a ela. Era un tempo de soños e de sinxeleza humana que xa non existe.

Pontenova.es: ¿Sigues voltando de vez en cando a Xinzo?. Cando ves, ¿En que acostumbras a pasar o tempo?

–Recoñezo que fun algo desertor do arado e que me alonxei de máis dun mundo e dunha realidade que é á que máis pertenzo. Procuro, porén, manter vivo o lazo umbilical que me une a Xinzo, á Pontenova e a toda unha Terra de Miranda que é a miña e eu son dela. Vou comer coa miña irmá e co meu cuñado, que cada vez pasan tempadas máis longas en Xinzo. Báñome en Corbelle, no meu sempre achado de menos río Eo, no que de mozo quixen ser pescador de troitas e non pasei dun torpísimo perdedor de culleriñas. Pola vila paro cada vez menos. Os novos xa non os coñezo nin me coñecen eles a mín, e os da miña quinta ou arredores cada vez imos sendo menos ou andamos ciscados polo mundo.

Pontenova.es: ¿Qué condicións crees que se deberían dar nestas vilas pequenas para que a xente non escapase vivir ás grandes cidades?.

–A min non se me dá nada ben dar consellos. Nin sei nin me gusta dalos. Por desgraza, coido que foron tantos os erros e as desmesuras que se cometeron co mundo rural galego que agora é moi difícil e ata imposibel evitar o desastre que significa a despoboación dunha paisaxe e dun medio natural que daba de comer e sabía conservarse máis ou menos sustentabelmente. No caso concreto da zona da Pontenova, quizais habería que ir pensando en recuperar algo unha agricultura e ganadería que fosen sustentábeis e que puidesen competir nos mercados actuais, pero sempre dende prácticas e usos respectuosos e conviventes co medio ambiente, coa paisaxe e coa natureza. A crise que nos está afogando se cadra nos impide sermos optimistas, pero volverá algún día no que nos estará permitido quizais pensar en atraer un turismo de calidade que sexa amante da nosa paisaxe e da nosa idiosincracia. A gastronomía, por exemplo, no que a Pontenova sempre soubo ser unha praza forte, terá moito que dicir seguramente.
Pero quero insistir en que os que nos fomos non debemos sermos os que marquemos o rumbo. Teñen que ser os novos e, sobre todo, os que viven na terra día a día os que vaian apuntando o futuro local.

Pontenova.es: Habendo nacido a orillas do Eo, ¿Qué recordos gardas relacionados co río?

–Moitísimas lembranzas boas, e mesmo algunha mala. De neno oíalle contar á miña nai como, cando ela era moza, ían o Eo pescar troitas e anguías que traían para as casa en sacos de guano cheísimos. Collíanas á man, con nasas ou como podían. Daquela había tanto peixe no río que ningunha clase de furtivismo nin de esaxeración remataba coas especies. A zona de Xinzo sempre foi un lugar de privilexio para este tipo de pescas e por ela pasaron os pescadores clásicos da rodeada: os Candeleros, os da perruquería, etc., etc. Grazas á pesca da troita, sendo eu moi neno, vin por primeira vez unha Vespa. Estaba parada diante da taberna de Xinzo e os rapaces da aldea ata apostamos entre nós para adiviñar  o que podía ser unha cousa redonda, envolta nun plástico enrugado, que estaba colocada na parte de atrás. Hóuboos, coma min, que imaxinamos que aquela moto tan rara tería radio e aquel trebello podía ser o seu altavoz. Outros dixeron sabe Deus o que, pero ninguén imaxinou a verdade: que era a roda de reposto.
Para min o río foi importantísimo. Lembro que, grazas a el, ata aprendín as primeiras palabras de frances acompañando pescadores que viñan de Francia a pescar polos meandros de Corbelle ou polos pozos de Salmeán. E tamén lembro –como non?– as semanas santas nas que viña Franco a pescar despois de que lle deixasen o río para el só durante quince días.
Pero o Eo tamén me deu algunha vivenza dolorosa cando o meu mellor amigo da infancia, Xoseíño de Macía, se afogou pescando en Corbelle. Só tiña 13 anos. Aquela desgraza foi tan terríbel que ata marcou a morte da nai de Xoseíño poucos meses despois e afectounos a todos os de Xinzo dunha maneira inesquecíbel. A min ata me produciu algo de rechazo á auga aquel suceso. Daquela ata hoxe naveguei bastante por mares moi diferentes, pero nunca fun nin sequera un nadador elemental, algo que me impediu praceres tan enormes como os de nadar a carón das belísimas tartarugas do Exeo ou dos corais mediterraneos e doutros mares polos que andei. Dame a impresión de que esta precaución algo extremada, que sempre tiven coas profundidades acuáticas, é algo que me quedou daquel triste suceso ocurrido en Xinzo.

Pontenova.es: ¿Gústache estar ó tanto da actualidade desta comarca a nivel social, político,deportivo,…? e ¿Conocías a nosa páxina web?.

–Lamentábelmente chega unha idade na que a actualidade local de un mesmo vaise reducindo moito ás noticias tristes (defuncións, enfermidades, etc.), pero eu procuro estar atento ao que lle pasa á miña pequena patria e á miña xente en xeral. Coñezo a vosa web e ata agora non a seguín a penas, pero promoeto visitala decote a partir de agora.

Pontenova.es: Para rematar, queríamosche pedir que nos relatases algunha anécdota o cuirosidade da túa vida relacionada ca Pontenova.

–Quizais con persoas concretamente da Pontenova non me tén ocurrido nada salientábel polo mundo adiante, pero si con algunha cousa da Pontenova. Por exemplo, hai se cadra vinte ou máis anos, estaba eu en Colombia seguindo unha investigación sobre narcotráfico e os miliitares daquel país ofrecérenome a posibilidade de acompañar un operativo levado a cabo nsa selva amazónica para desmantelar un laboratorio clandestino de cocaína. Cando aterramos nun lugar concreto preto da cidade de Leticia, observeu con estupor que había camionetas todoterreo da marca IPV. O Exército de Colombia tiña varias ducias destes vehículos fabricados na Pontenova.
Outra vez, cando estaba seguindo a desaparición dun diplomático español que fora posto en busca por evasión de capìtais a Suiza, en Junín de los Andes (Arxentina), onde este fugado tiña unha piscifactoría, en plenas montañas andinas fronteirizas entre Chile e Arxentina, cando estaba ceando no restaurante do hotel onde me aloxaba empecei a escoitar cmo falaban con moito acento galego varias persoas que estaban no fondo do salón. Fun onde a elas e pregunteilles de onde eran e que facían no lugar. Eran de A Coruña e estaban pescando as magníficas troitas que hai naqueles ríos que baixan polos Andes abaixo. Pero o caso foi que, cando lles dixen que eu era da Pontenova, eles celebrárono moito. Resulta que eran pescadores que frecuentemente visitaban a Pontenova para pescar troitas e salmóns e comer na Cubana. Si, o mundo ás veces non é tan grande como parece nos mapas.

Entrevista realizada por Santiago Coladas-Guzmán García.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.