sábado, 7 de abril de 2012

Xunta e o Centro de Iniciativas Turísticas na Pontenova asinan un convenio para accións de mellora dos ecosistemas fluviais

Santiago, 1 de abril de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de asinar un convenio de colaboración coa Sociedade Centro de Iniciativas turísticas A Pontenova para a realización de actividades ou investimentos a favor da riqueza piscícola das augas continentais, así como a mellora dos ecosistemas fluviais.

Dende a Dirección Xeral de Conservación da Natureza indícase que os tramos de río obxecto deste convenio son os coutos de pesca denominados Vilarmide e Xinzo, no río Eo.

A Xunta de Galicia comprométese a entregar gratuitamente á entidade colaboradora, para a distribución ou venda entre os seus socios, os permisos de pesca no couto citado para cada un dos días hábiles de pesca de cada tempada. Reservarase á entidade colaboradora a totalidade dos permisos do couto para tres xornadas de pesca en cada tempada.

A Consellería de Medio Ambiente tamén deberá asesorar á sociedade naqueles aspectos técnicos do presente convenio que o requiran. Antes do inicio de cada traballo de mantemento ou mellora, persoal da consellería efectuará unha inspección previa, asesorará aos responsables das accións e certificará a súa correcta execución.

A entidade colaboradora encargarase de sinalizar os coutos de pesca, manter en bo estado de uso os accesos, sendas e postos de pesca, evitar residuos sólidos no couto. Tamén distribuirá os permisos recibidos entre os socios e facilitarlle a cada socio un documento que o identifique.

O Centro de Iniciativas Turísticas A Pontenova colaborará co servizo provincial cando o mesmo o demande, no guiado de capturas no couto e nos tramos libres. Dende este ente formularanse propostas de xestión do couto disporase dun servizo profesional de vixilancia do espazo.
Xunta.es
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.