jueves, 15 de marzo de 2012

Daniel Veiga: ''Buscamos, xunto co alcalde, un local para instalar un roupeiro''

Aínda que actualmente está desempregado, o pontenovés Daniel Veiga dedica, dende hai anos, a meirande parte do seu tempo libre ó seu pobo. O colectivo cultural e deportivo que dirixe procura paliar as carencias locais, como a falla dun telecentro, que a agrupación suple con cursos de informática para a xente maior.

estar no paro non é excusa para non axudar, en todo o que sexa posible, á xente que o precisa. Ademais de buscar traballo, o pontenovés Daniel Veiga volca tódolos seus esforzos na solidariedade para con quen máis o necesite e así, dende a Asociación Cultural e Deportiva As Minas da Pontenova, que el preside dende hai xa cinco anos, procura suplir as carencias que calquera municipio pequeno, do interior mariñano, adoita ter no eido social. Con esta finalidade, leva dous anos inmerso nunha campaña de doazón de roupa, calzado e xoguetes para beneficiar a toda a comarca da Mariña.
O ano pasado, As Minas doou ó redor dunha tonelada de roupa e xoguetes á ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. En que consiste a campaña solidaria que o colectivo iniciou este ano?
É unha campaña similar, de recollida principalmente de roupa, calzado e de xoguetes, estes últimos sobre todo de cara ó Nadal, que comezamos a finais de novembro de 2011 e que culmina precisamente este mes de marzo. Esta vez, o volume de obxectos donados pasa da tonelada.
 Isabel García Fernández / El Progreso (A Pontenova)

Que destino teñen as doazóns?
A principios de febreiro, un compañeiro e máis eu viaxamos nós mesmos cun furgón cheo a Almería para depositar o cargamento nunha sé da ONG Axudemos a un neno, que á súa vez, enviará a mercancía a Nicaragua. Parte do resto do material xa está repartindo entre a xente máis necesitada e boa parte tamén, sobre todo os xoguetes, entregámosllos en Nadal á Cruz Vermella de Burela.
Pero aínda teñen moito almacenado nun local que lles emprestaron uns veciños da Pontenova, que pensan facer con este material?
Preocúpanos darlle saída, porque non podemos estar ocupando así un local que non é noso. Por iso estamos a falar cos departamentos de servizos sociais dos concellos para que eles indiquen que lles fai falla para darlle ós seus usuarios e nós estamos dispostos a levárllelo e, se ó final, aínda quedara mercancía, daríamoslla a Cáritas.
Pretenden crear un roupeiro na Pontenova, onde non o había?
Si e así llo comentamos ó alcalde, que está disposto a axudarnos para localizar algún local dispoñible. Mentres tanto, tódolos veciños da Mariña que o desexen e o necesiten poden chamarme ó teléfono 661.68.16.28 para que eu lles abra este roupeiro, de xeito discreto, no que hai de todo, dende artigos para bebés ata outros para persoas maiores.
Tamén procuran suplir a carencia dun telecentro na súa vila coa organización de cursos de informática para a xente maior, non si?
Si. En colaboración co colexio público local, que nos deixou a aula de informática, impartimos un obradoiro de iniciación para dez persoas. O informático autónomo Enrique Marqués imparte esta formación a persoas cunha media de idade duns 50 anos.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.