martes, 7 de febrero de 2012

O BNG DA PONTENOVA PEDIRÁ QUE SE DECLARE O 24 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA


Que Rosalía de Castro é unha das escritoras máis representativas da lingua e da literatura galegas é ben sabido por todas e todos. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
            A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
            Deste xeito, desde o BNG da Pontenova, solicitarase ao Concello o recoñecemento, a nivel local, da data do nacemento de Rosalía de Castro, como unha data sinalada no calendario cultural municipal.
            A portavoz municipal, Mónica Rancaño, explicou que “levaremos unha moción ao vindeiro pleno onde solicitaremos a declaración do 24 de Febreiro como Día de Rosalía no noso Concello”

            Esta data está recollida oficialmente pola Consellería de Cultura da Xunta de Galiza no seu Calendario do Libro e da Lectura, co que con esta iniciativa preténdese emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra desta Galega Ilustre, nas que participen veciñas e veciños da Pontenova.
            Desde o BNG local sinalouse tamén a necesidade da difusión do coñecemento da súa obra para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, co que se buscará un acordo para “levar a cabo actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto das veciñas e veciños do noso Concello, ao mesmo tempo que se realice unha lectura pública da obra rosaliana en colaboración cos centros escolares, veciñas e veciños”

VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.