domingo, 20 de noviembre de 2011

Un incendiario intenta queimar unha palleira nun pobo da Pontenova

20/11/2011 - El Progreso (A Pontenova)
Un incendiario prendeu lume cara ás 19.00 horas de onte a unha palleira na localidade pontenovesa de Vilameá. Finalmente o lume non chegou a propagarse grazas á rápida intervención do Grumir e de feito nin sequera chegou a arder toda a palla que había no silo. Tamén había leña, que tampouco se queimou.
Desde o Grumir da Pontenova explicaron que o lume na palleira foi detectado por uns veciños dos propietarios, unha casa coñecida como De Sabino, que nese momento atopábanse fóra do seu domicilio.
Tras avisar ao 112, en menos dun cuarto de hora chegaron á palleira e enseguida sufocaron as chamas coa motobomba municipal.
En canto á estrutura do inmoble, resultou totalmente intacta.
Con todo, o que preocupa agora entre a veciñanza de Vilameá é que teñen asumido que entre eles, ou moi preto deles, existe un pirómano que se dedica a prender lume a este tipo de instalacións.
O pasado xoves viviron un episodio practicamente similar ao de onte, xa que tamén se detectou por parte dos veciños un incendio nunha palleira.
Entón non chegaron a avisar ao 112, xa que eles mesmos asumiron a intervención coa máxima urxencia e conseguiron sufocar as chamas con cubos de auga e unha mangueira sen que estas chegasen a estenderse.

SEN DÚBIDAS
Responsables do Grumir da Pontenova explicaron, tras intervir no incendio de onte, que non albergaban ningunha dúbida sobre a intencionalidade do lume. Sinalaron que no silo non había ningún tipo de instalación que puidese iniciar as chamas e que a corrente eléctrica non presentaba ningún problema, polo que está descartado que o lume comezase pola súa causa.
VOLVER A PONTENOVA.ES
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.