lunes, 11 de abril de 2011

''Preparei a soldados para ir ó deserto e fun militar 20 anos''

Aínda que naceu en Texas en 1967, Bernardeta Taylor pasou a súa infancia na Pontenova, de ondé é a súa nai. O amor á terra dos seus devanceiros, á que volta cada dous veráns, fai que se declare «galega de alma». A cotío le El Progreso e escribe no blog veciñal pontenovés.

DISQUE UN É de onde pace, non de onde nace. O caso é que Bernardeta Taylor viu a luz ó mundo en Texas, nos Estados Unidos de América, en 1967, porque o seu pai, que era militar, era natural daquel país. Porén, onde se criou e onde pasou a súa nenez foi na aldea pontenovesa de Xudán, a terra da súa nai, da que regresou novamente á primeira potencia mundial, esa vez si, para quedar. Tal foi a pegada que nela deixou a vida na Pontenova que se declara «galega de alma, aínda que non sexa de nacemento». Regresa a este municipio mariñán, onde conserva familiares e amigos, cada dous veráns e mesmo fala e escribe en galego para un blog veciñal da zona e asegura ler «El Progreso a cotío por internet».

O seu pai, nado en Oklahoma, coñeceu a súa nai nunha viaxe que fixo dende Francia, onde estaba destinado, a Barcelona, onde ela era camareira nun bar. Bernardeta, que mudou de residencia moitas veces na súa nenez e adolescencia pola adicación do seu proxenitor, chegou a familiarizarse coa actividade do Exército, polo que non lle foi «difícil entrar nese mundo», no que traballou ó longo de 20 anos.


«Estiven facendo páxinas web e os últimos anos preparei a xente para que foran ó deserto, aínda que penso que xa podemos traer ós militares que están aínda alí de volta coa súa familia en Estados Unidos porque de seguro hai moitos que levan xa moito fóra; ademais, ó preparar os militares para marchar puiden comprobar o difícil que é para eles e para as súas familias o distanciamento», sinala Bernardeta, que se amosa a favor de «ter algo de presencia militar noutros países por se acaso hai algún problema ou por se temos que axudar dalgunha maneira».

Para ela, coma para moitos estadounidenses, o terrorismo internacional «é o maior inimigo das civilizacións modernas», por iso confesa terlle medo a esta lacra, xa que «non se pode entender como pensan, nin como é que non teñen compaixón polas vítimas».
Respecto da parte positiva do seu traballo no exército dos EE.UU. destaca a oportunidade que lle deu de «viaxar e ir a Inglaterra, Xapón, Maryland, Georgia, Alemaña, Florida ou As Bahamas» e o feito de que no país norteamericano «as mulleres militares cobran o mesmo e fan os mesmos traballos que os homes» nas forzas armadas.
Taylor reside na cidade de San Antonio, onde hai ata tres bases militares, nas que «traballa moita xente do lugar», pero tanto ela coma o seu pai xa se retiraron e agora Bernardeta, que é filla única e está solteira, aproveita para formarse en deseño gráfico.
Con moita frecuencia viaxa á Pontenova, de onde conserva as «mellores lembranzas» da xuventude: «Acórdome de ir comer faragullos, empanadas, filloas e todo tipo de doces nas casas dos veciños; de como fuxía cando había matanza para non escoitar o sufrimento dos cochos; de oír os fornos roxando cando se limpaban con laurel e mesmo de facer un vídeo coa xente labrando, cando merquei a miña primeira cámara».
A súa última visita á localidade tivo lugar na Semana Santa do ano pasado. «Foi unha procesión preciosa e os veciños fixeron unha incrible alfombra floral», sinala.
Ademais, está informada puntualmente do que acontece no municipio que a viu crecer, xa que entra «nun blog da Pontenova dúas ou tres veces ó día», onde tamén escribe; dese xeito e a través tamén de El Progreso enterouse de que «tiraran a vella ponte; foi moi triste, especialmente porque dixeron que aínda podía ter máis vida útil, pero a verdade é que era algo perigoso para os viandantes camiñar por ela». Na súa opinión, a construción dun novo viaducto para os vehículos a 200 metros do anterior «vai distraer ós visitantes de ver os fornos», cando a ela lle gustaría «ver máis xente no municipio, como os domingos, nos que a vila estaba chea de xente».
COMPARACIÓNS
Aínda que por unha banda destaca a comodidade da súa vida en San Antonio, onde dispón de «coche, máis de 600 canles de televisión, internet en todas partes e moitísimas tendas», bota de menos «coñecer máis o veciño, coma pasa na Pontenova». De feito, admite que a pesar da vintena de casas que hai na súa rúa nos Estados Unidos, só coñece a «dous propietarios, pero de vista, e a unha familia».
Iso si, o que máis destaca Bernardeta é a calidade da comida galega, coa que adelgaza, di, cada vez que volta. De feito, está convencida de que os problemas de «sobrepeso que padecen moitos estadounidenses pódense deber ós conservantes e demais elementos químicos que lle meten ós alimentos, sobre todo ó leite, que sequera aguanta unha semana na neveira, porque é practicamente auga». E é que alí «hai poucas gandeirías e ademais as que hai teñen estabuladas as vacas, apelotonadas, sen saír, dándolles hormonas; o mesmo que os polos; en Galicia, as xemas son alaranxadas, mentres que aquí son amarelas pálidas».
É máis, merca «comida española por internet» ou acode habitualmente a un restaurante «español de San Antonio». Neste senso lembra cando ó seu pai, ó que non lle gustaba o coello, lle deron de comer un na Pontenova «dicíndolle que era pito e ben que o comeu», conta.
SEGURIDADE
«Temos máis casos de xente condenada a morte que noutros estados»

Aparte dos vaqueiros ou dos ‘cowboys’ do lonxano oeste, coma o tío de Bernardeta «que sempre estaba cun sombreiro e as botas», Texas é tamén coñecida pola pena de morte. A pontenovesa recoñece que neste departamento federal «hai problemas co crime e máis casos de xente condenada a morte que noutros estados». Para Taylor resulta «moi difícil opinar sobre isto», porque cre que hai que ter «unha absoluta seguridade para condenar a alguén á pena máxima». Onde non tería tantas dúbidas sería no caso dos «pedófilos, porque volverían molestar ós nenos se saíran do cárcere», pero ve inxusto e esaxerado «condenar a alguén se roubou sen ferir á ninguén, porque tiña fame ou non tiña traballo». Polo que si aposta é «pola reeducación e as terapias para facilitar a reinserción e evitar que volvan facer dano». Gustaríalle vivir como «fan na Pontenova, deixando a porta aberta todo o día sen preocupación. Deus me libre de tela aquí aberta sequera uns minutos», exclama.
Descargas de música e vídeo
Un aspecto que á pontenovesa-texana lle chama poderosamente a atención é a laxitude das leis sobre a propiedade intelectual en España con respecto a EE.UU. «En Texas a xente pode ir ó carcere ou ser multada con millóns de dólares se a collen descargando música, aínda que só sexan unhas cantas cancións», afirma. Por iso ela prefire «mercar todo e evitar preocupacións», a pesar de que recoñece que «os cantantes ou os actores xa viven bastante ben, pero tamén é certo que non é correcto apropiarse do traballo que outros fixeron con tanto esforzo».
Convivencia
Taylor ve San Antonio coma unha cidade dinámica, «na que as tendas grandes abren as 24 horas», na que se traballa «desde as 7 da mañá, ata as 17.00 horas, cunha parada de entre 30 minutos e unha hora para comer» e que disfruta dun clima moi cálido: «Acádanse os 38 graos no verán e no inverno podes ir con manga curta moitas veces».


Fuente: El Progreso
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.