martes, 19 de abril de 2011

O BNG presenta a súa candidatura na Pontenova

O BNG da Pontenova vén de presentar a súa lista oficial para as eleccións municipais do vindeiro 22 de Maio.

Mónica Rancaño Freire, enxeñeira agrónoma e natural de Vilaeimil, será a cabeza de lista nacionalista neste concello, o que supón a maior novidade na lista. Releverá a José Luis Gutiérrez Rivas, anterior candidato, que ocupará o último posto. Rancaño Freire está acompañada por outros dez candidatos, dos cales catro son novas incorporacións. Salientar a incorporación de Jorge Gómez Rico, perruqueiro de profesión, como número dous, que tamén ocupa o posto de responsable municipal na organización local.
Manuel Rodríguez Méndez, labrego de Xinzo, pasará a ocupar o terceiro posto, seguido pola fisioterapeuta Carmen Otero.

No número cinco da alternativa nacionalisata figura outra nova incorporación, José Antonio García Freire da Ermida, actualmente no paro, ao que lle seguen Guido Alfonso Tomasini, bioconstructor e labrego de Vilarmide, e Alejandro Pardo Santos, mecánico de profesión, de Aldeguer.
Completan a lista José Antonio González Rego, técnico de frío, José Pedro Reigada e Manuel Valcárcel Lastra, ámbolos dous xubilados.

Como suplentes, o BNG inclue a Paula Rodríguez Puente, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, e como novidade a Pablo Méndez Díaz, técnico de raios X,
A candidatura desta moza de 31 anos supón a primeira candidatura dunha muller no concello pontenovés. A pregunta de que lle supón persoalmente este feito, Rancaño contesta que “o feito de ser a primeira muller candidata á alcaldía da Pontenova, supón un reflexo da sociedade e da evolución do papel da muller nela, e non é máis que a normalización da nosa presenza nas institucións”.
Programa
O grupo nacionalista da Pontenova xa ten o programa electoral co que se van a presentar ás eleccións de Maio, e que segundo a sua candidata “supón a única alternativa das presentadas que contempla actuacións concretas para resolver os problemas reais do noso concello; especialmente incidirá na creación de emprego e no mantemento e mellora dos servizos públicos”.

Desde o BNG da Pontenova tamén se engadiu como resumo destes catro anos de goberno socialista que “supuxo un continuismo na política caciquil do PP, sen que se levaran a cabo iniciativas tanxibles de mellora no Concello”
Os nacionalistas pontenoveses quixeron destacar a súa candidatura “como un grupo de mulleres e homes dispostos a traballar polo futuro do Concello e con capacidade para facelo”.
Fuente: e-mail recibido en pontenova.es@gmail.com con remitente "Bloque Nacionalista Galego de A Pontenova"
Copyright © 2008 PONTENOVA.ES: Términos y condiciones de uso.