Hernández reitera que nin os pozos propios nin as traídas veciñais terán que pagar o canon da auga.
- O conselleiro de Medio Ambiente sinala que, unha vez aplicada a bonificación do 90% a estes usuarios, o canon suporá unha media de 14 céntimos ao mes por persoa (menos de dous euros ao ano), polo que na maior parte dos casos o seu cobro será antieconómico para a administración
- A Lei de Augas tamén contempla que os usos agrarios, gandeiros e forestais, que representan unha elevada porcentaxe de consumo de auga nas traídas veciñais, quedan exentos do pago do canon
- A Lei tampouco esixe para estes casos a obriga de instalar contadores
Santiago, 9 de febreiro de 2011.- O
conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín
Hernández, reiterou esta mañá que os usuarios que teñan captacións
propias, como pozos ou mananciais, non terán que pagar o canon da auga.
Así mesmo, tal e como establece a nova Lei de Augas de Galicia,
aplicarase unha bonificación do 90% ás comunidades de usuarios,
tradicionalmente chamadas traídas veciñais, polo que na práctica a maior
parte das mesmas tampouco terán que pagar o canon xa que o seu cobro
sería antieconómico para a administración.
A modo de
exemplo, explicou que unha familia de 3 membros que se abasteza de
traídas veciñais e que consuman mensualmente unha media de 5m3 por
persoa e mes, co novo canon da auga pagarían 43 céntimos ao mes, é
dicir, aproximadamente 5 euros ao ano. Isto supón 14 céntimos ao mes por
persoa e menos de dous euros anuais. “Unha cantidade que en moitas
ocasións non fará rendible o seu cobro que, en todo caso, se considera
asumible”, aclarou.
Hernández
destacou que a bonificación que establece a nova Lei de Augas de Galicia
para os usos domésticos con captacións propias e para as traídas
veciñais obedece ao recoñecemento do gran esforzo que os habitantes do
rural deberon afrontar de cara a dispoñer dun servizo tan elemental como
é a auga que, por razóns de diversa índole, as administracións non
foron quen de proporcionarlles.
Lembrou que a
Lei de Augas tamén contempla que os usos agrarios, gandeiros e
forestais, que representan unha elevada porcentaxe de consumo de auga
nas traídas veciñais, quedan exentos do pago do canon.
Polo tanto,
aínda que non existe unha exención expresa na Lei para os pozos
particulares ou comunidades de usuarios, a configuración do propio
tributo fai que, na práctica, estes usos estean “exentos” do pagamento
do canon da auga, por representar un importe cuxa esixencia resultaría
un custo superior para as arcas públicas do que se percibiría da súa
repercusión.
Deste modo, a
Lei dálle cumprimento ao mandato da Directiva Marco da Auga do
establecemento de instrumentos financeiros vinculados á recuperación de
custos no ciclo da auga e, por outra parte, libera aos usos domésticos
con pozos propios do pagamento do canon da auga.
Aclarou que a
Lei de Augas tampouco esixe para estes casos a obriga de instalar
contadores. Dado que a realidade galega no rural é que non haxa
contadores instalados, a propia Lei permite a posibilidade de determinar
o canon da auga por métodos de estimación obxectiva.
A este
respecto, a Lei de Augas de Galicia establece que nos usos domésticos
que non teñan instalados o contador, a base impoñible (é dicir, o volume
de auga consumido) determinarase a partir dos volumes de dotación
básica de auga para vivendas que se establezan nos regulamentos que
desenvolverán a Lei.