A castaña
A castaña é un dos alimentos mais antigos da Humanidade. Dende o Paleolítico o home aproveitou e alimentouse de castañas e landras. Na relixión celta, o castañeiro debeu de ser venerado polos seus druídas, en compaña do carballo.
O castiñeiro foi a árbore do pan das nosas tribos antes da chegada dos romanos, comíanas asadas, ou facían fariña das castañas secas ou "pilongas", para alimentarse durante todo o ano.
Ate fai poucos anos, eran alimento base da poboación europea en forma de fruto fresco, seco, sen as súas peles, ou moída en fariña. No século XVI, viñeron as patacas e o millo de América, estableceuse a competencia e perderon pouco a pouco protagonismo na dieta campesiña, e moito mais ao ser atacado a nobre árbore por enfermidades como o "chancro" e a "tinta".
O número de castañeiros diminuíu en Galicia a pesares das repoboacións, diminuíndo tamén a producción cada ano.
Cada vez mais, a invasión de piñeiros e eucaliptos denigra os nosos montes e fainos presa dos incendios.
O castiñeiro é unha árbore nobre e non só produce castañas. Danos unha magnífica sombra en verán e leña en inverno. En simbiose, produce uns marabillosos cogumelos, compañeiras culinarias nos mais delicados pratos. Embelece a paisaxe, protexe e mellora o ecosistema humano, tan depredado por produccións rápidas dun home que cada vez ten mais présa.
As castañas prodúcense en Outono e no momento exacto de probar o viño novo, producido en setembro, asi como nos días en que se acompaña o cocho sacrificado, como regulamento, no dia de "San Martiño", o dia 11 de novembro. As cidades medran e as tradicións esvaécense, pero aínda en aldeas, pobos e cidades, os homes lembran antigos pratos tradicionais que se comían en casa dos seus avós, feitos ou acompañados de castañas.
Variedades de castañas
Un mesmo castiñeiro produce castañas de diferentes formas e calidades, aínda que en cada comarca de Galicia reciben distintos nomes, os mais frecuentes son estos:
- BOLECOS: Castañas non comestibles, pequenas e aplastadas, que teñen case unicamente pel.
- BARAIS: Duras pero que adoitan ser moi saborosas.
- BRAVAS: Son os froitos dos castiñeiros sen enxertar.
- TEMPERÁS: Redondas e pequenas, nacen antes cás outras.
- RAÑUDAS: Alongadas e claras.
Texto extraído de "Web de Norberto"