O Partido Popular acusa á
Deputación de enganar ós veciños de A Pontenova
* Os populares constatan que na
estrada A Pontenova-Riotorto “non hai ninguén traballando”
* Barcia recoméndalle a Lara Méndez “facer
menos anuncios e viaxiños, e dicir a verdades e traballar máis”
O Grupo provincial do Partido Popular acusou á Deputación de
enganar ós veciños de A Pontenova porque constataron in situ que na
estrada A Pontenova-Riotorto “non hai ninguén traballando, e por non
haber non hai sequera sinalización de obra”.
Os deputados provinciais José María
González Barcia e José Manuel Yanes Ginzo, acompañaron ó portavoz
popular no concello de A Pontenova, Jorge García, entre outros membros
do PP local, nun percorrido pola totalidade dos once quilómetros do vial
indicada, a LU-4803, constatando que “a tén máis semellanzas coa
superficie lunar que cunha vía de comunicación do século XXI”.
O voceiro adxunto do PP na Deputación, José María González
Barcia, pediulle a Lara Méndez “menos anuncios e menos viaxiños, e máis
verdades, traballo e compromiso”. Segundo indicou, “non é de recibo que
Méndez faga afirmacións que non son certas, e que anuncie visitas nun
tono entre xocoso e amenazante porque o único certo é que a estrada está
intransitable e que, como non comencen de inmediato a arranxala, unha
boa medida para sacarlle proveito sería facer unha plantación de pinos
porque para outra cousa non serve”.
O voceiro popular na Pontenova tamén culpou do retraso destas obras ó
rexidor local porque “non se pode cobrar tres mil euros mensuais por
unha media dedicación e non defender os intereses dos veciños; o alcalde
debería estar aquí, demandando que a estrada se arregle dunha vez por
todas”.
Jorge García lembrou que este vial “está neste estado lamentable pola
incapacidade do concello e da Deputación de parar o seu deterioro”,
mentres que Ginzo e Barcia salientaron que esta obra xa estaba
contemplada nos plans da anterior etapa da Deputación que, enfatizaron,
“foron paralizados absolutamente polo bipartito provincial”.
“Agora”, engadiron, “como queda un ano para as eleccións, éntranlles as
presas, pero deberían de saber que eso ós veciños xa non lles cola,
porque os usuarios desta estrada están fartos de que en tres anos non se
fixera nada de nada”.
Os populares advertiron ademais de que hai curvas realmente perigosas
que están sen sinalizar debidamente, e pedíronlle a Besteiro e a Méndez
que veñan canto antes a ver o estado da estrada. “Eso sí”,
puntualizaron, “que traigan xa os obreiros para arranxala e que veñan
nos seus coches particulares, para sentir en carne propia o estado
insufrible da estrada. Así, no caso de que haxa averías, que as paguen
dos seus bolsillos, porque se veñen nos coches oficiais e teñen algún
problema habería que arranxalos cos cartos de todos os cidadáns da
provincia, cousa que non sería de recibo á vista de cómo está a estrada A
Pontenova-Riotorto”.